A Unión Monetaria escandinava (en sueco Skandinaviska myntunionen, dinamarqués: Skandinaviske møntunion, noruegués: Skandinaviske myntunion) foi unha unión monetaria formada por Suecia e Dinamarca o 5 de maio de 1873 mediante a igualación das súas moedas fronte ao patrón ouro. Noruega, en unión con Suecia, pero con plena autonomía interna, entrou na Unión dous anos despois, en 1875 para fixar a súa moeda ao mesmo nivel que Dinamarca e Suecia.
A unión monetaria escandinava foi un dos poucos resultados tanxibles do movemento político escandinavo do século XIX.
Os países, sempre fixados aos tipos de cambio e á estabilidade en termos monetarios, seguiron editando as súas moedas por separado e estas incluso chegaron a ser de curso legal en todo o territorio da unión.
No momento da súa adhesión á Unión, a moeda sueca pasou de ser o Riksdaler Riksmynt á coroa sueca; a coroa dinamarquesa xa era o nome da moeda dinamarquesa e cando Noruega se uniu tamén empregaba xa a coroa norueguesa.
En 1905, a unión política entre Suecia e Noruega chegou a súa fin, mais isto non afectou á Unión monetaria; foi o estoupido da primeira guerra mundial en 1914 o que puxo fin á Unión.
Suecia abandonouna o 2 de agosto de 1914 e sen un tipo de cambio fixado a libre circulación chegou á súa fin.
Os tres países seguen utilizando actualmente as mesmas moedas que durante a unión monetaria, mais perderon a súa paridade un a un.
A Coroa islandesa é un derivado da coroa dinamarquesa, establecida despois de que Islandia se declarara reino independente na unión con Dinamarca en 1918; máis tarde, en 1944, Islandia cortou os lazos completamente con Dinamarca pasando a ser unha república.
Véxase tamén
Outros artigos Coroa sueca Coroa dinamarquesa Coroa norueguesa Real Casa da Moeda de Dinamarca Real Casa da Moeda de Noruega Unión Monetaria Latina Unión Numismática Nórdica Ligazóns externas https://web.archive.org/web/20131103214722/http://www.nationalbanken.dk/dnuk/hist.nsf/side/From_silver_standard_to_gold_standard
Categoría:Unións monetarias Categoría:Historia de Dinamarca Categoría:Historia de Noruega Categoría:Historia de Suecia