José Luis Varela Iglesias, nado en Ourense o 10 de xuño de 1924 e finado en Madrid o 9 de xaneiro de 2026, foi un profesor e escritor galego. Membro correspondente da Real Academia Galega desde 1950.

Traxectoria Estudou o bacharelato en Ourense, onde fundou e dirixiu a revista literaria Posío. Foi discípulo de Vicente Risco. Formou parte, xunto a Pura Vázquez, Segundo Alvarado e Alfonso Alcaraz, do grupo Azor, promotor da revista Posío (1945-1946) que el mesmo dirixiu.

Estudou Letras na Universidade de Santiago de Compostela, que acabou en Madrid en 1946. Foi doutor en Filoloxía Románica pola Universidade Complutense de Madrid (1948) e pola Universidade de Colonia (1956) e doutor honoris causa pola Universidade Nacional do Sur (Arxentina, 1997).

Cara a 1950 traballou na Universidade de Colonia e no Instituto de España en Múnic. Foi catedrático de Literatura Española en La Laguna, Valladolid e Madrid, decano de Filosofía e Letras en La Laguna, de Ciencias da Información en Madrid, secretario xeral da Universidade Internacional das Canarias (As Palmas), vicerreitor da Universidade Complutense (Madrid), Gastprofessor das Universidades de Colonia, Innsbruck e Salzburgo e visiting professor (California, Virxinia e Texas). Foi lector de español na Universidade de Colonia e secretario xeral do Instituto de España en Múnic (1956-1957). Foi catedrático emérito da Universidade Complutense de Madrid (desde 1989) e catedrático da Universidade de Texas en Austin (desde 1990). Finou en Madrid en xaneiro de 2026.

Como crítico, o académico correspondente centrou os seus estudos na literatura española moderna, a literatura galega e as relacións literarias entre España e Alemaña.

Na etapa da Transición foi designado presidente do Comité de Prensa, Radio e Televisión da Xunta Electoral Central, papel polo que foi recoñecido coa Gran Cruz do Mérito Civil. Alén de pertencer á RAG, foi tamén membro correspondente da Real Academia Española e da Real Academia da Historia. A Universidade Nacional do Sur da Arxentina investiuno doutor honoris causa en 1997.

Foi amigo de Camilo José Cela, Miguel Delibes, Luis Rosales, Dámaso Alonso, Álvaro Cunqueiro, José Mª Castroviejo, Manuel Alvar, José Luis Vázquez Dodero, Emilio García Gómez ou Julián Marías. Impartiu cursos e palestras nas universidades e institucións de Alemaña, Austria, Suíza, Italia, Checoslovaquia, Bélxica, o Reino Unido, os Países Baixos, os Estados Unidos, Ecuador, o Perú, Paraguai e a Arxentina.

Obras Vida y obra literaria de Gregorio Romero Larrañaga (1814-72) (1948). Madrid, C.S.I.C. 375 pp. Ensayos de poesía indígena en Cuba (1951). Madrid: Cultura Hispánica. 120 pp. Vossler y la ciencia literaria (1955). Rialp ed. Poesía y restauración cultural de Galicia en el siglo XIX (1958). Madrid: Gredos. 309 pp. La palabra y la llama (1967). Madrid: Ed. Prensa Española. 362 pp. El costumbrismo romántico (1970). Madrid, Emesa. 170 pp. Cervantes. (1970). Madrid-Verona: Prensa Española-Mondadori. La transfiguración literaria (1970). Madrid: Ed. Prensa Española. Ensaio gañador do Premio Nacional de Literatura Miguel de Unamuno. Larra y España (1983). Madrid: Espasa Calpe. ISBN 978-8423965076. 342 páxs. Pueblo y Corona. Larra, Espronceda y la novela histórica del Romanticismo (1986). Ed. colab. G. Guenter. Madrid: Ed. Universidad Complutense. La Literatura española de la Ilustración (Homenaje a Carlos III) (1989). Madrid: E.U.Complutense. Tradición e innovación en Cunqueiro (1992). Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 978-8445304532. A literatura do exilio galego en América (1995). Fundación Alfredo Brañas. Editor. ISBN 978-84-88051-54-7.

Recoñecementos Medalla de Prata de Galicia en 2001.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha en galegos.info

Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Medalla de Prata de Galicia Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1924 Categoría:Académicos correspondentes da Real Academia Española Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega

Categoría:Finados en 2026 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Profesores da Universidade de Colonia Categoría:Profesores da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Profesores da Universidade de La Laguna