Poética (grego antigo: Περὶ ποιητικῆς, Perì poiêtikês; literalmente "Da poética") é unha obra de Aristóteles sobre as normas que rexen a creación artística. Foi escrita no século IV a.C., entre a fundación da súa escola en Atenas o 335 a.C. e a súa marcha definitiva da cidade no 323 a.C., un ano antes do seu pasamento. A obra consta de dúas partes, unha centrada na traxedia e outra, hoxe perdida, na comedia. É o traballo de teórica dramática máis antigo que se conserva e o primeiro tratado filosófico sobre teoría literaria.Janko, R. (1984) Aristotle on Comedy, Londres, páx. ix

A súa tradución ao galego, realizada por Fernando González-Múñoz, publicouse pola Universidade da Coruña no ano 2007.

Transmisión Actualmente, o códice grego conservado máis antigo que contén o texto é o Códex Parisinus 1741, redactado a finais do século X ou principios do XI. Este manuscrito atopábase en Bizancio no 1427, e probablemente foi trasladado a Florencia por algún erudito bizantino que fuxía da invasión turca. Porén, a editio princeps da Poética é a de Aldo Manuzio, publicada en Venecia no 1508, coñecida como a "aldina". O propio Manuzio editaría no 1536 a primeira edición bilingüe da Poética, con tradución latina de Guillerme de Pazzi.

O manuscrito da Poética perdeuse no mundo occidental, e durante a Idade Media só se coñecía pola tradución latina de Hermán Alemán, da Escola de Tradutores de Toledo, feita a partir da versión árabe de Averroes.Habib, M.A.R. (2005). A History of Literary Criticism and Theory: From Plato to the Present. Wiley-Blackwell. p. 60.ISBN 0-631-23200-1. Non obstante, a primeira tradución directa do grego ao latín foi a de Guillerme de Moerbeke do 1278. A primeira versión en lingua vernácula foi a de Bernardo Segni do 1549, feita "in lingua vulgare fiorentina", seguida pola italiana de Lodovico Castelvetro do 1570, publicada en Viena. Xa no 1671 saíu do prelo a primeira tradución francesa, da man do señor de Norville; no 1753, M.C. Curtius editou o texto en alemán.

No referido ás edicións peninsulares, a primeira versión en castelán foi a de Alonso Ordóñez das Seijas y Tobar, publicada no 1625. No 1778, Casimiro Flórez Canseco reeditouna con diversas modificacións. Houbo varias traducións directas do grego, obra de Joseph Goya y Muniain (1798) e de Vicente Mariner (1830). Xa no século XX, viron a luz varias versións do texto, entre as que destaca a edición trilingüe (en grego, latín e castelán) de Valentín García Yebra, do 1974. Do 1990 foi a tradución do historiador e filósofo arxentino Ángel Cappelletti.

O texto aristotélico foi traducido por primeira vez ao galego no 2007, da man de Fernando González-Muñoz, nunha edición da Universidade da Coruña.

Concepción da arte Segundo Aristóteles, a arte, e máis concretamente a literatura, baséase na mimese ou imitació da realidade e o seu obxectivo é conseguir a catarse do receptor, que se identifica cos acontecementos que veu pasar aos personaxes que producen emocións reais, así e todo presenciar feitos de ficción. Estas emocións serven de purificación, xa que actúan como desabafo e como aprendizaxe para saber como reaccionar en situacións semellantes que se puideran presentar na vida. Por este motivo é fundamental a verosimilitude da obra literaria, xa que se non é crible non se pode producir a necesaria identificación. Polo tanto, a diferenza do que pensaba Platón a arte ten unha función social.

A traxedia Para Aristóteles a arte que explora máis a fondo é a da traxedia. Trátase dunha arte do teatro que imita personaxes nobres ou elevados, pero que padecen maluras, habitualmente ligadas ao destino, que provocan a catarse das emocións do medo e da piedade no espectador, xa que non quere sufrir o que está a presenciar (temor), sentindo pola contra compaixón polos infortunios dos protagonistas da obra.

Na cultura popular O perdido segundo tomo da Poética de Aristóteles, dedicado á comedia, forma parte da trama da célebre novela O nome da rosa (1980), do escritor e filósofo italiano Umberto Eco, así como da película homónima do 1986.

Traducións

Aristóteles (2007). Poética. Tradución ao galego de Fernando González-Muñoz. Universidade da Coruña/Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Obras de Aristóteles (Proxecto Gutenberg) Περὶ Ποιητικῆς (Perseus Digital Library)

Categoría:Obras de Aristóteles Categoría:Filosofía da Idade Antiga