55 Cancri c (abreviado 55 CNC c) é un planeta extrasolar cunha órbita excéntrica ó redor da estrela 55 Cancri A (que é semellante ó noso Sol), completando unha órbita cada 44,34 días. É o terceiro planeta coñecido en orde de distancia respecto da súa estrela. 55 Cancri c foi descuberto o 13 de xuño de 2002 e ten unha masa de case a metade da de Saturno.

Descubrimento Coma a meirande parte dos planetas extra-solares coñecidos, 55 Cancri c detectouse pola observación das variacións da velocidade radial da súa estrela. Isto conseguiuse a través de medicións moi precisas e finas do efecto Doppler do espectro da estrela. No momento do seu descubrimento, 55 Cancri A xa era coñecida por posuír un planeta (55 Cancri b), con todo, aínda había un desvío nas medicións da súa velocidade radial, a cal aínda non tiña xustificación.

No 2002, medicións posteriores revelaron a presenza dun planeta de longo período nunha órbita en torno ás 5 UA de distancia da estrela. Aínda e cando ámbolos dous planetas foron asignados, aínda quedaba unha periodicidade de preto de 43 días. Con todo, este período é case igual ó período de rotación de 55 Cancri A, o que indicaba a posibilidade de que o período de 43 días fose causado pola rotación estelar, no canto de estar debido á presenza dun planeta. Tanto o planeta 43 días (designado 55 Cancri c) e o planeta que estaba 5 UA (designado 55 Cancri d) foron anunciados no mesmo xornal, etiquetados en orde crecente de distancia respecto da estrela.

Outras medicións posteriores que levaron ó descubrimento do planeta interior 55 Cancri e, no 2004, prestaron apoio á hipótese do planeta. Medicións fotométricas da estrela ó longo de máis de 11 anos non amosaron actividade algunha co mesmo período cas variacións da velocidade radial de 55 Cancri c, e ademais, o período é estable a longo prazo, o que non é consistente coa hipótese dunha actividade estelar que cause as variacións da velocidade radial. A amplitude do sinal da velocidade radial é inconsistente con variacións estelares en estrelas coma 55 Cancri A, que teñen un baixo nivel de actividade cromosférica.

Órbita e masa Na solución de 5 planetas para o sistema Cancri 55, a órbita de 55 Cancri c é lixeiramente excéntrica: cun apoastro do planeta de case un 19% máis de distancia, respecto da súa estrela, do que ten o seu periastro. Está situado a máis preto de 55 Cancri A do que está Mercurio respecto do noso sol, aínda que ten un período orbital longo en comparacións cos típicos Xúpiter quentes. O planeta está situado preto dunha resonancia orbital de 3:1 co planeta interior 55 Cancri b, con todo, as simulacións indican que os dous planetas non están realmente nesta resonancia.

Unha limitación do método da velocidade radial utilizado para descubri-lo planeta é que só se pode obter un límite inferior para a masa. Observacións astrométricas posteriores feitas co Telescopio Espacial Hubble do planeta exterior 55 Cancri d suxiren que o planeta está inclinado a 53° respecto ó plano do ceo; pero o máis interior que é 'b', e 'e' están inclinados 85 °, pero a inclinación do planeta 'c' é descoñecida.

Características Xa que o planeta foi detectado indirectamente a través de observacións da súa estrela, propiedades, tales como a seu raio, composición e temperatura son descoñecidas. Cunha masa similar á de Saturno, 55 Cancri c é probable que sexa un xigante gasoso sen superficie sólida.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Extrasolar Visions: 55 Cancri c

Categoría:55 Cancri Categoría:Xigantes gasosos