Dionizy KajetanowiczOs armenios de Galicia tiñan o polaco como lingua propia. Outros nomes polos que aparece son Dionisio Kajetanowicz (Acta Apostolicae Sedis, Annuario Pontificio), Dionysius Kajetanowicz (Actes et documents du Saint Siège relatifs à la Seconde Guerre mondiale), Dionysius Kajetanowicz e Dionisiy Kaetanowicz, entre outros. (en ucraíno: Діонісій Каєтанович (Dionisii Kaietanovych), en armenio: Դիոնիսի Կաետանովիչ), nado o 8 de abril de 1878 en Tyshkivtsi (Horodenka), e finado o 18 de novembro de 1954 no gulag de Abez (República dos Komis), foi un sacerdote católico armenio galiciano que exerceu de administrador apostólico da arqueparquía de Lviv da Igrexa Católica Armenia, e finou nun campo de concentración soviético.

Traxectoria Primeiros anos Naceu nunha familia de etnia armenia, fillo de Kajetan e Maria, de apelido de solteira Zajączkowska. En 1896 entrou na Orde dos Freires Menores, tomando o nome monástico de Roman.

Foi ordenado sacerdote en 1903 polo arcebispo latino de Lviv Józef Bilczewski, e pasou a exercer o seu ministerio en Jarosław. En 1908 decidiu deixar os franciscanos e pediu ao arcebispo armenio Teodorowicz incardinarse na súa arquidiocese. A partir de 1912 exerceu o seu ministerio en Sniatyn.

Na arquieparquía armenia En 1918 foi nomeado cóengo de honra, e en 1922 párroco en Lviv. Entre 1925 e 1930 fu8ndou e presidiu unha cooperativa de vivendas para arredor de 20 indixentes e anciáns. O 22 de febreiro de 1930 o papa Pío XI nomeouno camareiro secreto supernumerario. En 1930 pasou a ser tamén vicepresidente da Asociación de Armenios de Lviv.

En 1927 traduciu ao polaco e publicou o texto do ordinario da misa en rito armenio para a diocese de Lviv, e en 1938 publicou unha versión revisada do mesmo. Tamén convenceu ao arcebispo da necesidade de traer a Polonia sacerdotes dende Armenia e de enviar aos seminaristas de Lviv ao Pontificio Colexio Armenio de Roma. Buscou volver ás raíces do rito armenio, que na diocese estaba moi mesturado con formas latinas; e coa aprobación do seu arcebispo viaxou ao Patriarcado de Cilicia, en Constantinopla e, posteriormente, Beirut. O propósito destas viaxes foi o de afondar na tradición e no rito armenio máis puro, e de fornecer as relacións co Patriarcado e coas comunidades armenias do Medio Oriente. Dende o Patriarcado levou a Lviv cánticos armenios e unha descrición precisa da Misa, dos outros sacramentos e do Breviario. Á súa volta estabeleceu unha Comisión Litúrxica coa tarefa de restaurar de xeito gradual a liturxia armenia á súa forma máis propia.

O 4 de decembro de 1938 finou o arcebispo armenio de Lviv Józef Teofil Teodorowicz. Dionizy foi elixido vigairo capitular, e convocou ao capítulo encargado de escoller un sucesor para presentalo á aprobación da Santa Sé. De entre os tres candidatos, foi elixido el como sucesor, e foi enviada a petición a Roma para a súa aprobación.Unha descrición da forma de elección dos arcebispos pode atoparse en Petrowicz, pp. 377-378. Porén, o comezo da segunda guerra mundial fixo que a decisión non chegara, e Dionizy converteuse en administrador da arquidiocese.

Segunda guerra mundial, prisión e morte Durante a segunda guerra mundial salvou a moitos xudeus dándolles certificados falsos de bautismo, e foi por iso arrestado pola Gestapo o 13 de abril de 1943. Foi liberado grazas á intervención do metropolita greco-católico Andrei Sheptytskyi, e coa axuda deste mantivo as relacións coa Santa Sé.

O 26 de novembro de 1945 foi arrestado novamente, esta vez polo NKVD, ao rexeitar adherirse á Igrexa Ortodoxa. Foi sentenciado con cargos falsos o 8 de marzo de 1946 a dez anos en campos de concentración e á perda de dereitos civís durante cinco anos. Durante o seu período en prisión escribiu moito, principalmente poesía e obras relixiosas en latín e polaco.

Morreu o 18 de novembro de 1954, no gulag preto de Abez, hoxe na república dos Komis (Rusia), pouco antes da súa saída en liberdade. Segundo algunhas fontes morreu envelenado,Por exemplo, e descoñécese onde foi enterrado. A República de Ucraína, xa independente, rehabilitouno o 10 de agosto de 1994.

Xunto a el foron tamén condenados os sacerdotes católicos armenios Kazymyr Romaškan e Viktor Kvapinskiy, da mesma diocese, e outros relixiosos. As diversas propiedades e igrexas da diocese foron nacionalizadas, e gran parte da poboación armenia foi deportada forzosamente a Polonia.Zugger, p. 305

Esforzos pola beatificación En 2009 un grupo de armenios polacos asociados á Fundacja Kultury i Dziedzictwa Ormian Polskich comezaron esforzos para a súa beatificación como mártir da fe. Recolleron centos de sinaturas en Polonia, non só de armenios, para enviarlle unha petición ao patriarca católico armenio Narsés Pedro XIX para que comezara o proceso de beatificación de Kajetanowicz e de Adam Bogdanowicz Rosco. O 16 de marzo de 2009 lle foi entregada unha petición bilingüe, acompañada de dúas biografías dos sacerdotes, ao arcebispo Nechan Karakéhéyan, ordinario para os armenios de Europa Oriental.

Obras Odnowienie i rekonstrukcya katedry Ormiańskiej we Lwowie, 1908 Na historycznym szlaku, 1920 Katedra ormiańska i jej otoczenie: (przewodnik), 1930 Przenajświętsza Ofiara w obrządku ormiańskim, 1938 Notas e referencias Notas

Referencias

Véxase tamén Outros artigos Bogdan Agopsowicz Bibliografía (Traducido por G. Kelley, ver máis abaixo.)

Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1878 Categoría:Nados na rexión de Ivano-Frankivsk Categoría:Sacerdotes da Igrexa católica armenia Categoría:Sacerdotes católicos de Polonia Categoría:Sacerdotes católicos de Ucraína Categoría:Sacerdotes católicos do século XX Categoría:Franciscanos Categoría:Escritores en lingua polaca Categoría:Escritores de literatura relixiosa Categoría:Escritores de Polonia Categoría:Escritores de Ucraína Categoría:Tradutores ao polaco Categoría:Tradutores do armenio Categoría:Tradutores de Polonia Categoría:Tradutores de Ucraína Categoría:Finados en 1954 Categoría:Asasinados polo réxime soviético