Mário de Sá-Carneiro, nado en Lisboa o 19 de maio de 1890 e finado en París o 26 de abril de 1916, foi un escritor portugués e un dos meirandes expoñentes das Vangardas (Modernismo) na literatura portuguesa. Formou parte da chamada xeración Orpheu.
Traxectoria Naceu no seo dunha familia con recursos, sendo fillo e neto de militares. O seu pai era Carlos Augusto de Sá-Carneiro e a súa nai, Águeda Maria de Sousa Peres Marinello. Orfo de nai con só dous anos (1892), ficou entregado ao coidado das avoas, indo vivir para a Quinta da Vitoria, na freguesía de Camarate, ás portas de Lisboa, pasando alí gran parte da infancia. Comezou a escribir poesía aos 12 anos, sendo que aos 15 xa traducía a Victor Hugo e con 16 Goethe e Schiller. No liceu tivo aínda algunhas experiencias episódicas como actor. En 1911, con 21 anos, vai para Coímbra, onde se matricula na Facultade de Dereito, mais non conclúe sequera o primeiro ano.
Desilusionado coa «cidade dos estudantes», segue para París a fin de proseguir os estudos superiores, co auxilio financeiro do pai. Axiña, porén, deixou de frecuentar as clases na Sorbonne, dedicándose a unha vida boémia, deambulando polos cafés e salas de espectáculo, chegando a pasar fame e debaténdose cos seus desesperos, situación que culminou na conexión emocional a unha prostituta, a fin de combater as súas frustracións e desesperos.
Sá-Carneiro xa coñecera en 1912 o que foi, sen dúbida, o seu mellor amigo: Fernando Pessoa. Xa na capital francesa viría a coñecer Guilherme de Santa-Rita (Santa-Rita Pintor). Inadaptado socialmente e psicoloxicamente inestábel, foi neste ambiente que compuxo gran parte da súa obra poética e a correspondencia co seu confidente Fernando Pessoa; é, pois, entre 1912 e 1916 (o ano da súa morte), que se inscribe a súa fugaz e no entanto mo produtiva carreira literaria.
Entre 1913 e 1914 Mário Sá-Carneiro viaxa para Lisboa con regularidade, regresando á capital, debido ao comezo do conflito entre a Serbia e a Austria-Hungría, que axiña se converteu na primeira guerra mundial.
Con Fernando Pessoa e tamén Almada Negreiros integrou o primeiro grupo de vangarda portugués (o cal, influenciado polo cosmopolitismo e polas vangardas culturais europeas, pretendía escandalizar a sociedade burguesa e urbana da época), sendo responsábel da edición da revista literaria Orpheu, editada por António Ferro (e que por iso mesmo ficou sendo coñecido como a Xeración d´Orpheu ou Grupo d´Orpheu, un certo escándalo literario na época, motivo polo cal só saíron dous números (marzo e xuño de 1915; o terceiro, aínda que impreso, non foi publicado, tendo os seus autores sido obxecto da chacota social) ? aínda que hoxe sexa, recoñecidamente, un dos marcos da historia da literatura portuguesa, responsábel da axitación do medio cultural portugués, ben como pola introdución do Modernismo (vangaradas) en Portugal.
Tamén tivo colaboración en diversas publicacións periódicas, sobre todo no semanario Azulejos (1907-1909); na II serie da revista Alma nova (1915-1918) e na revista Contemporânea (1915-1926), e pode tamén encontrarse colaboración da súa autoría, publicada postumamente, na revista Pirâmide (1959-1960) e Sudoeste (1935).
En xullo de 1915 regresa a París, escribindo a Pessoa cartas dunha crecente angustia, das cales resalta non só a imaxe dun home perdido no «labirinto de si propio», mais tamén a evolución e madureza do proceso de escrita de Sá-Carneiro.
Unha vez que a vida que levaba non lle agradaba, e aquela que idealizaba tardava en concretarse, Sá-Carneiro entrou nunha cada vez maior angustia, que levaría a conducilo ao seu suicidio, perpetrado no Hôtel de Nice, no barrio de Montmartre en París, co recurso a cinco frascos de arseniato de estricnina. Aínda que atrasase por algúns días o dramático desenlace da súa vida, nunha «carta de despedida» para Fernando Pessoa, Mário de Sá-Carneiro reveloulle as razóns para suicidarse. Contaba só vinte e cinco anos. Extravagante tanto na morte como en vida (de que o poema Fim é un dos máis belos exemplos), convidou para presenciar a súa agonía o seu amigo José de Araújo.
Certamente insatisfeito e inconformista (nunca se conseguiu entender coa maior parte dos que o rodeaban, nin tan pouco axustarse á vida práctica, debido ás súas dificultades emocionais), mais tamén incomprendido (polo modo como os contemporáneos ollaban o seu xeito poético), profetizou acertadamente que no futuro se faría xustiza á súa obra, no que non fallou.
Efectivamente, recoñecido no seu tempo só por unha fina elite, a medida que a súa obra e correspondencia foi publicada, ao longo dos anos, tornouse acesíbel ao grande público, sendo despois considerado un dos maiores expoñentes da literatura vangardista en lingua portuguesa.
A terra que o acolleu na infancia, Camarate, e a quen el dedicou tamén algunhas das súas poesías, homenaxeouno, dando o seu nome a unha escola local. O seu poema Fim foi musicado por un grupo portugués ao final dos anos 1980, os Trovante. Máis tarde, o seu poema O Outro foi tamén musicado pola cantante brasileira Adriana Calcanhotto.
As súas influencias literarias son de Edgar Allan Poe, Oscar Wilde, Charles Baudelaire, Stéphane Mallarmé, Fiódor Dostoievski, Cesário Verde e António Nobre. Este escritor influenciou tamén outros, entre eles Eugénio de Andrade.
En 1949 o Concello de Lisboa homenaxeou o escritor dando o seu nome a unha rúa xunto á Avenida da Igrexa, en Alvalade.
Traxectoria literaria Na fase inicial da súa obra, Mário de Sá-Carneiro revela influencias de varias correntes literarias, como o decadentismo, o simbolismo, ou o saudosismo, entón en franco declinio; posteriormente, por influencia de Pessoa, viría a adherirse a correntes de vangarda, como o interseccionismo, o paulismo ou o futurismo.
Nelas puido expresar con ganas a súa personalidade, sendo notorios a confusión dos sentidos, o delirio, case a raiar a alucinación; ao mesmo tempo, revela un correcto narcisismo e egolatría, ao procurar expresar o seu inconsciente e a dispersión que sentía do seu «eu» no mundo, revelando de máis profunda incapacidade de se asumir como adulto consistente.
O narcisismo, motivado certamente polas carencias emocionais (era orfo de nai desde de máis tenra infancia), levouno ao sentimento da soidade, do abandono e da frustración, traducível nunha poesía onde xorde o retrato dun inútil e inapto. A crise de personalidade levaríao, máis tarde, a abrazar unha poesía onde se nota o frenesí de experiencias sensoriais, pervertendo e subvertendo a orde lóxica das cousas, demostrando a súa incapacidade de vivir aquilo que soñaba, soñando por iso cada vez máis coa aniquilación do eu, o que acabaría polo conducir, en última análise, ao seu suicidio. Estudos recentes evocan a influencia de Oscar Wilde na obra do autor días antes do seu suicidio. Crese que, atormentado pola lectura de De Profundis, Mário de Sá-Carneiro vería o punto final da súa vida e a súa carreira.
Aínda que non se afaste da metrificación tradicional (redondillas, decasílabos, alexandrinos), tórnase singular a súa escrita polos seus ataques á gramática, e polos xogos de palabras. Se nunha primeira fase se nota aínda ese estilo clásico, nunha segunda, claramente nihilista, a súa poesía fica impregnada dunha humanidade auténtica, triste e tráxica. As cartas que trocou con Pessoa, entre 1912 e o seu suicidio, son como que un auténtico diario onde se nota paralelamente o crecemento das súas frustracións interiores.
Obra
Amizade (1912) Publicada en 1912, Amizade, é a primeira peza que escribe. Mário de Sá-Carneiro divide a autoría desta obra con Tomás Cabreira Júnior, o seu colega do Liceu Camões en Lisboa. O feito de hoxe podermos ler esta peza débese á sorte. Dos dous colegas e autores da peza Amizade, Tomás Cabreira Júnior era o único dos dous que tiña os manuscritos. Por algún motivo aconteceu que era Sá-Carneiro quen os tiña consigo cando o suicidio de Tomás Cabreira Júnior, que antes de cometer tal acto destruíu toda a súa obra.
Princípio (1912) No ano de 1912 o autor dá ao prelo un conxunto de narracións que reúne co título Princípio.
A confesión de Lúcio (1914) Inaugurando un estilo até entón nel descoñecido, a narración, Mário de Sá-Carneiro publica, en 1914, A confesión de LúcioTraducido por Benxamín Constante e publicado por Hugin e Munin en 2014. (orixinal: Confissão de Lúcio). A temática desta obra xira ao redor do fantástico e é un óptimo espello da época de vanguarda que foi o modernismo portugués.
Dispersão (1914) En 1913 tivo unha puxanza creativa inigualábel. Non só variou dentro da prosa, como presenta ao público a súa primeira obra de poesía: Dispersão. Esta obra está composta por doce poemas e a súa primeira edición foi revisada tanoto polo autor como polo seu grande amigo, e tamén poeta, Fernando Pessoa.
Céu em Fogo (1915) En 1915, volve reunir narracións, mais precisamente oito, nun volume ao que dá o título de Céu em Fogo. Estas narracións revelan igualmente as mesmas perturbacións e obsesións que xá a súa poesía expresaba.
Obras Póstumas Non todo o que produciu en vida foi publicado. Moitos dos seus textos viron a luz en revistas como Orpheu ou Portugal Futurista.
Indícios de Oiro (1937) Non chegou a publicar en vida Indícios de Oiro, editada en 1937 polas Edições Presença, é o conxunto de traballos seus máis significativo do conxunto da súa obra.
Correspondência A súa correspondencia con outros membros do Orpheu foi tamén reunida en volumes póstumos:
Cartas a Fernando Pessoa (2 vols., 1958-1959) Cartas de Mário de Sá-Carneiro a Luís de Montalvor, Cândia Ramos, Alfredo Guisado e José Pacheco (1977) Correspondência Inédita de Mário de Sá-Carneiro a Fernando Pessoa (1980)
Obra poética. Poesia completa, incluindo os primeiros poemas e poemas dispersos (1985) Edición e organización por António Quadros. Sintra: Publicações Europa-América.
Antologia poética (2012) Edición literaria de António Gonçalves. Ilustración de Tiago Manuel. Matosinhos: Kalandraka. Coleção Treze Lunas.
Correspondência com Fernando Pessoa (2003) Edición e notas por Teresa Sobral Cunha. Lisboa: Relógio de Água, 2 vol.
Traducións De Sá-Carneiro existe tamén unha tradución da peza Les Fossiles, de François de Curel, feita con António Ponce de Leão.
Traducións a outras linguas
«Poemes». En Poesia gallega, portuguesa i brasilera moderna. Tradución de Josep Maria Llompart. Barcelona: Edicions 62-La Caixa, 1988, pàgs. 53-57. Prémices. Dominique Touati (tr.). París: La Différence, 1994. Ciel en feu. Dominique Touati (tr.). París: La Différence, 1987; 2e éd. 1990. La Confession de Lúcio. Dominique Touati (tr.). París: La Différence, 2000. Quasi e altre poesie. Traduzione e cura di Alessandro Ghignoli. Pistoia: Via del Vento, 2003. Poésies completes. Traduit par Dominique Touati et Michel Chandeigne; préfacé par Teresa Rita Lopes, avec un texte de Fernando Pessoa et les dernières lettres à lui adressées par Mário de Sá-Carneiro. París: La Différence, 2007, col. Minos. Lettres à Fernando Pessoa. Traduction de Jorge Sedas Nunes et Dominique Bussillet, Falaise: Impeccables, 2015. Poesía completa. Tradución e prólogo de Manuel Vicente Rodríguez. Valencina de la Concepción: Renacimiento, 2016, col. Traducciones 25. Poesia completa. Cartes a Fernando Pessoa. Tradución e introdución de Vicent Berenguer. Gandia: Lletra Impresa, 2017, col. Rara Avis 4.
Véxase tamén
Bibliografía
Galhoz, Maria Aliete (1982). “Mário de Sá-Carneiro e a expressão do teatro”, in Cultura portuguesa, n.º 2, pp. 50-55. ___ (1995). “Nota à Juvenilia dramática de Mário de Sá-Carneiro”, in Mário de Sá-Carneiro, Juvenilia dramática. Lisboa: Imprensa Nacional-Casa da Moeda, pp. 15-19. Martins, Fernando Cabral (1996). “Mário de Sá-Carneiro”, in Álvaro Manuel Machado (dir.), Dicionário de literatura portuguesa. Lisboa: Editorial Presença.