Burkholderia pseudomallei (antes chamada Pseudomonas pseudomallei) é unha bacteria gramnegativa, bipolar, aerobia, móbil e con forma de bacilo. Encóntrase no solo e na auga pero tamén pode causar infeccións en humanos e animais provocando a enfermidade chamada melioidose. Tamén pode infectar plantas.
B. pseudomallei mide 2-5 μm de longo e 0,4-0,8 μm de diámetro e móvese por medio de flaxelos. As bacterias poden crecer en varios medios nutrientes artificiais, especialmente os que conteñen arxinina.
A temperatura óptima para a súa proliferación in vitro é de 40 °C a pH neutro ou lixeiramente ácido (pH 6,8–7,0). A maioría das cepas son capaces de fermentar azucres sen formación de gas (principalmente glicosa e galactosa, os cultivos vellos tamén metabolizan maltosa e amidón). A especie produce exotoxinas e endotoxinas. O papel das toxinas identificadas no desenvolvemento dos síntomas da mieloidose non foi completamente esclarecido.
Identificación
B. pseudomallei non é unha bacteria esixente para o seu cultivo e crece nunha ampla variedade de medios (ágar sangue, ágar MacConkey, EMB etc.). O medio de Ashdown (ou medio Burkholderia cepacia) pode usarse para o illamento selectivo. Os cultivos son positivos xeralmente en 24 a 48 horas, e este rápido crecemento diferencia esta especie de B. mallei, a cal adoita tardar un mínimo de 72 horas en crecer. As colonias son engurradas, con aparencia metálica, e teñen un cheiro a terra. Na tinguidura de Gram, o organismo aparece como un bacilo gramnegativo cunha aparencia característica de "imperdible" (tinguidura bipolar). Nas probas de sensibilidade, o organismo é moi resistente a antibióticos, e a súa resistencia innata a gran número de antibióticos como a colistina e xentamicina é outra característica que a diferenza de B. mallei, a cal, ao contrario, é sensible a moitos antibióticos. Para análise de mostras procedentes do medio ambiente exclusivamente, é necesario diferenciala das bacterias non patóxenas da especie B. thailandensis utilizando a proba da arabinosa (B. thailandensis nunca aparecerá en mostras clínicas). A identificación no laboratorio de B. pseudomallei describiuse na literatura.
A descrición que dan os libros de texto clásicos de B. pseudomallei en mostras clínicas é a dun bacilo intracelular con tinguidura bipolar gramnegativa, pero isto adoita ser de pouco valor á hora de identificalo nas mostras clínicas. Intentouse utilizar a tinguidura de Wayson para identificala, mais demostrouse que non era útil.
A identificación de laboratorio de B. pseudomallei pode ser difícil, especialmente nos países occidentais onde B. pseudomallei raramente se ve. As colonias engurradas grandes parecen contaminantes do ambiente e son a miúdo desbotadas como non significativas clinicamente. A morfoloxía das colonias é moi variable e unha soa cepa pode presentar moitos tipos de colonias, polo que o persoal de laboratorio que non sexa moi experto pode crer erradamente que o cultivo non é puro. O organismo crece máis lentamente que outras bacterias que poden estar presentes en mostras clínicas, e en mostras tomadas de sitios non estériles facilmente hai un sobrecrecemento. As mostras non estériles deberían cultivarse en medios selectivos (por exemplo, o de Ashdown ou medio B. cepacia). En mostras moi contaminadas como as das feces, propúxose o uso dunha versión modificada do medio de Ashdown que inclúe a norfloxacina, amoxicilina e polimixina B.
Mesmo cando o illado se recoñece como significativo, os medios usados comunmente para a identificación poden identificar erradamente o organismo como Chromobacterium violaceum ou outro bacilo gramnegativo non fermentativo como Burkholderia cepacia ou Pseudomonas aeruginosa. Ás veces a identificación de B. pseudomallei nun cultivo non causa grande alarma entre os médicos nos países occidentais, xa que en ditos países a enfermidade que produce é rara e os médicos non están familiarizados con ela. Os métodos bioquímicos de rutina para a identificación desta bacteria son moi variados; entre eles están: o sistema API 20NE, que identifica con exactitude a B. pseudomallei no 99% dos casos, e o sistema Vitek 1 automatizado (pero o sistema Vitek 2 automatizado só identifica o 19% dos illados).
O patrón de resistencia a antimicrobianos é distintivo, e axuda a diferenciar o organismo de P. aeruginosa. A maioría dos illados de B. pseudomallei son intrinsecamente resistentes a todos os aminoglicósidos (por medio dun mecanismo de bomba de fluxo), pero son sensibles ao co-amoxiclav; este patrón de resistencia case nunca aparece en P. aeruginosa, polo que é útil na identificación. Desafortunadamente, observouse en Sarawak, Borneo, que a maioría das cepas presentes alí son susceptibles aos aminoglicósidos e macrólidos, o que significa que as recomendacións convencionais para o seu illamento e identificación non son aplicables alí.
Hai tamén métodos moleculares de diagnose (PCR), pero non están normalmente dispoñibles na diagnose clínica rutineira. Tamén se describiu a hibridación fluorescente in situ (FISH) como aplicable, pero non foi validada clinicamente nin está dispoñible comercialmente. En Tailandia utilízase moito un ensaio de aglutinación en látex, ou ás veces unha técnica de inmunofluorescencia rápida.
Disinfección
B. pseudomallei é susceptible a numerosos desinfectantes, como o cloruro de benzalconio, iodo, cloruro de mercurio, permanganato potásico, hipoclorito de sodio ao 1%, etanol ao 70%, glutaraldehido ao 2% e en menor medida, preparacións fenólicas. B. pseudomallei pode ser eliminada eficazmente cos desinfectantes comerciais lixivia, Perasafe e Virkon. O microorgnismo pode tamén ser destruído pola calor por encima dos 74 °C durante 10 minutos ou por irradiación UV. Pero B. pseudomallei non é desinfectado con seguridade con cloro en auga potable.
Importancia médica
A infección por B. pseudomallei en humanos denomínase melioidose. É unha doenza cunha taxa de mortalidade alta, que é do 20 ao 50% mesmo con tratamento.
Tratamento antibiótico e probas de sensibilidade O antibiótico de elección para o tratamento é o ceftazidime. Aínda que hai varios antibióticos máis que son activos in vitro, como cloranfenicol, doxiciclina ou co-trimoxazole, in vivo teñen resultados inferiores na mieloidose aguda. As probas de disco de difusión non son fiables cando se busca resistencia a co-trimoxazole en B. pseudomallei (sobreestiman en moito a resistencia) e os Etests ou as probas de dilución de ágar son os que se deberían usar preferentemente. As accións do co-trimoxazole e a doxiciclina son antagonistas, o cal suxire que estes dous fármacos non deberían usarse á vez.
O organismo é intrinsecamente resistente á xentamicina e á colistina, e este feito é útil na identificación do organismo. A kanamicina pode utilizarse para matar a B. pseudomallei no laboratorio, pero as concentracións usadas son moito maiores que as que se poden atinxir en humanos.
Factores de virulencia e mecanismos de patoxenicidade B. pseudomallei é un "patóxeno accidental". É un organismo que está no medio ambiente e que non ten a necesidade de pasar a un animal hóspede para reproducirse. Desde o punto de vista da bacteria, a infección nos humanos é unha "rúa sen saída" evolutiva.
As cepas que causan a enfermidade en humanos diferéncianse das que a causan noutros animais porque posúen certas illas xenómicas. A capacidade de causar en enfermidades en humanos débese a que adquiriu ADN procedente doutros microorganismos. A súa taxa de mutación é tamén alta, e o organismo continúa evolucionando mesmo despois de infectar a un hóspede.
B. pseudomallei ten a capacidade de invadir as células do hóspede, polo que é un patóxeno intracelular. Pode polimerizar a actina e pasar de célula a célula, causando a fusión de células e a formación de células xigantes multinucleadas. A bacteria tamén expresa unha toxina chamada factor letal 1. B. pseudomallei é unha das primeiras proteobacterias nas que se identificou que contiña un sistema de secreción de tipo 6 activo. É tamén o único organismo coñecido que conteña seis clases diferentes de sistemas de secreción de tipo 6.
B. pseudomallei é intrinsecamente resistente a un gran número de axentes antimicrobianos. Un mecanismo importante é que pode bombear os fármacos fóra da célula, e este mecanismo media na súa resistencia aos aminoglicósidos (AmrAB-OprA), tetraciclinas, fluoroquinolonas e macrólidos (BpeAB-OprB).
Vacina Actualmente non hai vacina contra esta especie, pero hai varias vacinas candidatas. Os mutantes coa deleción do xene da aspartato-β-semialdehido deshidroxenase (asd) son auxotróficos para o diaminopimelato (DAP) en medios ricos, e auxotróficos para o DAP, lisina, metionina, e treonina en medios mínimos. Estas bacterias Δasd (bacterias ás que se lles eliminou o xene asd) protexen contra a meloidose por inhalación en ratos.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Burkholderia pseudomallei: xenoma e información relacionada en PATRIC, un centro de recursos bioinformáticos do NIAID Getting a Grip on the Great Mimicker: Secrets of a Stealth Organism do Wellcome Trust. Pathema recursos sobre Burkholderia
Categoría:Burkholderiales