A febre hemorráxica do Ébola ou enfermidade polo virus Ébola (ICD-10, CIE-10) e informalmente "o ébola" (ás veces escrito Ebola) é unha enfermidade viral humana contaxiosa e de alta mortalidade que pode ser producida pola infección de catro das cinco especies de Ebolavirus, que son: Zaire, Sudán, Bundibugyo, e Bosque Taï (ou Costa do Marfil). Os ebolavirus tamén afectan a algúns animais, e a quinta especie, Reston, afectou só a primates non humanos e porcos. A especie prototípica é o Ebolavirus Zaire, tamén chamado simplemente virus ÉbolaO virus Ébola é o único "virus" que ten a "especie" Ebolavirus Zaire.. Os primeiros gromos coñecidos desta enfermidade aconteceron en 1976 no sur do Sudán e en rexións preto do río Ébola (ou Ebola), na actual República Democrática do Congo (antes Zaire). As taxas de mortalidade da doenza son altas e nas distintas epidemias que se sucederon variaron entre o 90% e o 25% (media 50%).

A infección produce febre hemorráxica; o seu período de incubación pode variar dos dous aos vinte e un días. O virus multiplícase polo fígado, o bazo, os pulmóns e o tecido linfático causando danos significativos. Os seus síntomas clínicos son moi similares aos da enfermidade polo virus Marburg; comeza cunha forte sensación de febleza, cefalea intensa, náuseas, vómitos, dores musculares, diarrea, dor abdominal e na garganta, despois avanza con tose seca e dores punzantes no peito ao tempo que se desenvolven signos de deshidratación, insuficiencia renal e hepática, e coagulación intravascular diseminada. No sangue detéctanse síntomas de leucocitose neutrofílica, trombocitopenia e anemia producíndose xeralmente a morte na segunda semana da enfermidade debido a fallos multiorgánicos ou choque hipovolémico.

O virus pode contaxiarse por contacto co sangue ou fluídos corporais dun animal infectado (xeralmente monos ou morcegos da froita). Non se transmite de forma natural polo aire. Os morcegos da froita crese que son portadores e espallan o virus sen seren eles afectados. Unha vez que se produce a infección humana, a enfermidade pode contaxiarse dunha persoa a outra por contacto con fluídos corporais. Os homes superviventes poden transmitir a doenza por medio do seu seme normalmente durante un período de dúas a sete semanas despois de curados, pero rexistráronse casos de maior duración. Para facer o diagnóstico, xeralmente procúranse excluír outras doenzas con síntomas similares como a malaria, cólera e outras febres hemorráxicas virais. Despois compróbase en mostras de sangue do paciente a presenza de anticorpos contra o virus, ARN viral, ou a do propio virus para confirmar o diagnóstico.

Entre as medidas de prevención están tratar de diminuír o espallamento da enfermidade desde os monos e outros animais aos humanos mediante o exame dos animais na procura de casos de infección ou mortes, e desfacerse dos seus corpos da forma máis axeitada. Tamén son útiles medidas como cociñar suficientemente a carne e levar roupas protectoras cando se manexa carne. Unha vez que comezou o gromo nas poboacións humanas debe levarse roupa protectora e lavar as mans cando se está cerca dunha persoa coa enfermidade e aplicar medidas xerais de desinfección. As mostras de fluídos corporais e de tecidos de persoas afectadas deberían manexarse con especial precaución.

Non existe un tratamento específico para esta doenza; pode atenderse ás persoas infectadas dándolles unha terapia de rehidratación oral (auga algo azucrada e salgada para beber) ou fluídos intravenosos. A doenza ten unha alta taxa de mortalidade: como media mata ao 50% dos infectados (a cifra exacta depende de cada epidemia e virus, e nalgúns casos chegouse ao 90%). A doenza aparece tipicamente en gromos en rexións tropicais da África subsahariana. Desde que se identificou en 1976 ata 2013, foron infectadas menos de 1.000 persoas por ano. Porén, o maior gromo ata agora é o de 2014 que está afectando sobre todo Guinea, Serra Leoa e Liberia e que ata o momento non rematou. Estanse a facer grandes esforzos para obter unha vacina, pero polo momento non existe ningunha, e estanse a probar medicamentos experimentais.

Signos e síntomas miniatura|Síntomas do ébola.Febre hemorráxica do Ébola nos Centros para o Control e Prevención de Enfermidades. Lista de páxinas posta ao día: 28 de xaneiro de 2014. Os signos e síntomas do ébola xeralmente empezan subitamente cun estado parecido ao da gripe caracterizado por fatiga, febre, dores de cabeza e de articulacións, e dor muscular e abdominal. Son tamén comúns os vómitos, diarrea e perda de apetito. Síntomas menos comúns son os seguintes: dor de garganta, de peito, impo, dispnea e dificultade para tragar. O tempo medio que pasa desde que se contrae a infección ata que empezan os síntomas é de 8 a 10 días, pero pode ser de 2 a 21 días. As manifestacións cutáneas que se presentan poden incluír erupcións maculopapulares (en aproximadamente o 50% dos casos). Os síntomas iniciais da enfermidade polo virus Ébola poden ser similares aos da malaria, dengue, ou outras febres tropicais, antes de que a enfermidade progrese á fase hemorráxica.

Hemorraxias Posteriormente, nalgúns casos poden producirse hemorraxias internas e subcutáneas e poden aparecer os ollos vermellos e haber vómitos con sangue. As hemorraxias na pel poden orixinar petequias, púrpuras, equimoses, e hematomas (especialmente arredor dos sitios onde se aplicaron inxeccións).

Todas as persoas infectadas mostran algúns síntomas de afectación do sistema circulatorio, como trastornos na coagulación do sangue. As hemorraxias en puntos onde se realizaron picadas e en mucosas (por exemplo, no tracto gastrointestinal, fosas nasais, vaxina e enxivas) danse nun 40–50% dos casos. Os tipos de hemorraxias que ocorren nesta enfermidade son vómitos con sangue, hemoptise ou feces con sangue. Son raras as hemorraxias abundantes e xeralmente están localizadas no tracto gastrointestinal. En xeral, o desenvolvemento de síntomas hemorráxicos a miúdo indica un peor prognóstico e esta perda de sangue pode orixinar a morte.

Nas probas de laboratorio obsérvase un baixo reconto de plaquetas en sangue, unha diminucíón do reconto de leucocitos inicial seguida dun incremento dos mesmos, niveis elevados dos encimas hepáticos alanina aminotransferase (ALT) e aspartato aminotransferase (AST), e anormalidades na coagulación a miúdo acompañadas de coaguación intravascular diseminada como uns prolongados tempo de protrombina, tempo de tromboplastina parcial, e tempo de sangría. Se a persoa non se recupera, sobrevén a morte por fallos multiorgánicos entre os días 7º e 16º despois do comezo dos síntomas (máis frecuentemente entre os días 8º e 9º).

Causas

miniatura|300px|Ciclo vital dos Ebolavirus. A enfermidade polo virus Ébola é causada por catro especies de virus clasificados no xénero Ebolavirus, familia Filoviridae, orde Mononegavirales, que son: virus Ébola (EBOV, tamén chamado Zaire), virus Bundibugyo (BDBV), virus Sudán (SUDV), e virus Bosque Taï (TAFV, tamén chamado Taï Forest, ou Costa do Marfil). Hai unha quinta especie neste xénero, que é o virus Reston (RESTV), que se cre que non causa a enfermidade en humanos. Durante un gromo, os que están en maior risco de contaxio son as persoas que están en estreito contacto cos pacientes como os familiares que os coidan ou o persoal sanitario.

Transmisión A transmisión de persoa a persoa ocorre só por medio de contacto directo con sangue ou fluídos corporais dunha persoa infectada (mesmo durante o embalsamamento dun cadáver infectado), ou por contacto con obxectos contaminados polo virus, especialmente agullas hipodérmicas e xiringas. Outros fluídos corporais que poden transmitir os ebolavirus son a saliva, moco, vómito, feces, suor, bágoas, leite materno, urina, e seme. Os puntos de entrada do virus son o nariz, boca, ollos, ou feridas abertas, cortes e abrasións. A transmisión doutros animais a humanos ten lugar só por medio de contacto con fluídos de animais mamíferos infectados ou o seu consumo, como morcegos, monos, e outros. A doenza só se transmite por contacto directo coas secrecións cando a persoa mostra xa síntomas da doenza, o que diminúe o potencial de espallamento desta doenza. O seme é infeccioso en superviventes normalmente ata 50 días despois de curados, pero atopáronse casos de persistencia durante un ano nun programa nacional de vixilancia.. A transmisión por exposición oral e a través da conxuntiva é posible e foi confirmada en primates non humanos. O virus foi tamén atopado no ollo de pacientes despois de que se recuperaran e o virus desaparecese do sangue. O comezo rápido dos síntomas fai máis fácil identificar os individuos enfermos e limita a capacidade dunha persoa de espallar a doenza viaxando. Como os cadáveres son aínda infecciosos, algúns médicos desfanse deles dun modo seguro, evitando certos rituais de enterramento tradicionais.

Os traballadores sanitarios que non usan roupa protectora axeitada poden tamén contraer a doenza. No pasado, producíronse transmisións en hospitais africanos debido á reutilización de agullas hipodérmicas e á falta de precaucións "universais" ou á súa aplicación incorrecta. Tamén se produciron algúns casos en 2014 en hospitais occidentais (España, EUA).

Non hai ningún caso documentado de transmisión a humanos do virus Ébola de forma natural a través do aire. Porén, estes virus demostraron ser infecciosos para os monos en gotiñas (aerosois) respirables xeradas en experimentos de laboratorio de 0,8–1,2 micrómetros. Recentemente, informouse de que o virus se trasladou sen contacto desde porcos a primates non humanos. O CDC recomenda minimizar o uso de procedementos que xeren aerosois cando se coidan os doentes. O virus pode sobrevivir sobre obxectos só durante unhas poucas horas en estado seco e uns poucos días en fluídos corporais, como por exemplo sangue.

Crese que os morcegos da froita son os reservorios do virus. Os morcegos deixan caer froitas medio comidas e polpas, e despois, animais terrestres como os gorilas e antílopes duikerDicionario Digalego duiker poden alimentarse deses froitos. Esta cadea de acontecementos constitúe un posible medio indirecto de transmisión desde o hóspede natural a poboacións animais, o cal levou a investigar a perda da envoltura do virus na saliva dos morcegos. A produción de froitas, o comportamento animal, e outros factores varían en diferentes momentos e lugares nos que se poden iniciar gromos entre as poboacións animais.

Reservorio miniatura|Carne de caza que está sendo preparada para cociñar en Ghana, 2013. O consumo humano de carne de animais ecuatoriais en África en forma de carne de caza foi ligada á transmisión de varias enfermidades ás persoas, incluíndo o ébola.

Os morcegos considéranse o reservorio natural máis probable do virus Ébola (EBOV); tamén se avaliaron plantas, artrópodos, e aves. Sábese que vivían morcegos na fábrica de algodón sudanesa na cal traballaba a persoa que foi o primeiro caso da doenza nos gromos de 1976 (e o mesmo no de 1979), e estes animais tamén foron implicados nas infeccións polo virus Marburg de 1975 e 1980. De entre as 24 especies de plantas e 19 de vertebrados que foron inoculadas experimentalmente co EBOV, só se produciu infección nos morcegos. A ausencia de signos clínicos nestes morcegos é característico das especies reservorio. Nun exame feito en 2002–2003 de 1.030 animais incluíndo 679 morcegos de Gabón e a República do Congo, atopouse que 13 morcegos da froita contiñan fragmentos de ARN de EBOV. En 2005, identificáranse tres tipos de morcegos da froita (Hypsignathus monstrosus, Epomops franqueti, e Myonycteris torquata) que estiveron en contacto co EBOV e agora sospéitase que son hóspedes reservorio. Detectáronse anticorpos contra os virus Ébola Zaire e Reston en morcegos da froita en Bangladesh, o que é unha identificación de potenciais hóspedes para os virus e signos da presenza de filovirus en Asia.