A Casa de Correos é un edificio histórico situado na Praza de Compostela, na esquina coa rúa da Reconquista, 2, no centro da cidade de Vigo. Dende a súa construción foi a sede principal da compañía estatal de correos e telégrafos.

Historia A Casa de Correos era unha vella aspiración da boiante vila de Vigo no cambio do século XIX ao XX. Nesa época rematárase o recheo para o deseño dos xardíns da alameda da Praza de Compostela. En 1920 o concurso para a súa construción foi gañado polo arquitecto Manuel Gómez Román, autor doutros edificios notábeis da cidade coma o Edificio Simeón, o Edificio Mülder ou a sede do antigo Banco de Vigo (hoxe edificio do Banco Pastor). As obras non remataron até 1929, e non puido ser empregado até 1931, cando se abre a rúa da Reconquista. Construído sobre os restos dunha vella alfándega de pedra do século XVIII, abandonada xa nese momento, a obra foi executada polo contratista Vicente Calderón.

Construción e estilo Abandonando o estilo modernista que caracterizou a súa primeira etapa, Gómez Román constrúe un edificio moi marcado polo estilo clasicista de Antonio Palacios. De corte clasicista, o chafrán da entrada actúa coma elemento referencial e coma principal acceso ao edificio, cun enorme arco de medio punto. A composición nas dúas bandas do chafrán é simétrica, cun enorme zócolo de base, con grandes pilastras sobre o mesmo que enmarcan grandes vans verticais, e un último andar que actúa a xeito de entaboamento, con fiestras máis pequenas, cornixa e óculo no ático ou faio. Salienta ademais o recrecido neobarroco con orelleiras do último andar, xusto por riba do chafrán, que ilustra ademais o percorrido que nese momento Manuel Gómez Román estaba a realizar cara ao estilo rexionalista, do que será un consumado exemplo. Decorativamente é austero, cun apicoado fino no zócolo, e os símbolos propios de correos por riba da porta principal.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Web con información cultural do Concello de Vigo

Categoría:Manuel Gómez Román Correos Vigo Categoría:Arquitectura civil en Vigo Categoría:Arquitectura modernista en Galicia