John Barrymore, nado como John Sidney Blyth en Filadelfia (Pensilvania) o 14 ou 15 de febreiro de 1882 e finado nos Ánxeles (California) o 29 de maio de 1942, foi un actor estadounidense de teatro, cine e radio. Membro das familias de actores Drew e Barrymore (cuxo representante actual máis coñecido é Drew Barrymore), tentou afastarse inicialmente da actuación probando unha carreira como artista, malia que no 1900 actuou no teatro xunto ó seu pai Maurice Barrymore e posteriormente coa súa irmá Ethel no ano seguinte. Comezou a súa carreira oficialmente no ano 1903 gañando atención como actor de teatro en comedias lixeiras nos comezos, pasando por representacións de varias obras dramáticas ata culminar nas producións de Justice (1916), Richard III (1920) e Hamlet (1922).
Após o seu éxito coa obra de Hamlet en Londres no ano 1925, Barrymore deixou o teatro durante uns 14 anos, centrándose ó completo no cinema. Na época do cine mudo obtivo unha boa recepción con filmes como Dr. Jekyll and Mr. Hyde (1920), Sherlock Holmes (1922) e The Sea Beast (1926). Foi durante este período onde recibiu o alcume de "o Gran Perfil". A súa voz, traballada no teatro, foi unha baza para el nos comezos do cine sonoro, e tres dos seus filmes desta época chegaron a ser introducidos no National Film Registry: Grand Hotel (1932), Twentieth Century (1934) e Midnight (1939).
A súa vida persoal foi un foco de atención dos medios tanto antes do seu pasamento coma posteriormente. Tivo problemas de alcoholismo dende os catorce anos de idade, casou e divorciouse en catro ocasións, e nos últimos anos da súa vida declarouse en bancarrota. Gran parte dos seus últimos traballos incluían a parodia de si mesmo e o retrato de artistas acabados bébedos. O seu obituario no The Washington Post indicou que "co paso dos anos – e segundo a súa vida privada se foi volvendo máis pública – converteuse, malia o seu xenio no teatro, nun personaxe de prensa amarela". Malia que varios historiadores do cinema opinaron que a súa contribución o medio comezou a esvaecerse após mediados dos anos 1930, un dos seus biógrafos, Martin Norden, considerouno como "probablemente o actor máis influente e idolatrado do seu tempo".
Traxectoria Primeiros anos John Barrymore naceu como John Sidney Blyth o 14 ou 15 de febreiro de 1882 en Filadelfia, coñecido pola súa familia e amigos como "Jack". Tivo dous irmáns máis vellos, Lionel (1878-1954) e Ethel (1879-1959). O seu pai era Maurice Barrymore, un actor británico de orixe india nado como Herbert Blyth, que adoptou o nome artístico de Barrymore tras velo nun póster no Haymarket Theatre de Londres. A nai de John, Georgiana Drew Barrymore, naceu no seo dunha prominente familia de actores. Os avós de John por parte materna foran Louisa Lane Drew, unha actriz norteaméricana de sona no século 19 e directora do Arch Street Theatre, e John Drew, actor tamén, especializado na comedia. Os seus tíos por parte materna eran actores dramáticos tamén, John Drew, Jr. e Sidney.
En outubro de 1882 a familia realizou unha xira polos Estados Unidos xunto coa actriz polaca Helena Modjeska. Ó ano seguinte os seus pais volveron facer unha nova xira xunto a Modjeska, pero sen levar consigo os seus fillos. Modjeska tiña influencia na familia, e insistiulles que bautizasen os seus tres fillos dentro da igrexa católica. En 1884 a familia viaxou ata Londres como parte da compañía de teatro de Augustin Daly, retornando ós Estados Unidos dous anos despois. De pequeno Barrymore adoitaba ter un mal comportamento, polo que os seus pais o enviaron a varios internados nun intento de instilarlle disciplina, estratexia que non sempre deu resultado e que fixo que asistise a varias escolas de primaria nun total de catro estados. Unha das primeiras escolas ás que asistiu era o anexo para rapaces do Convento de Notre Dame en Filadelfia, onde nunha ocasión recibiu o castigo de ler unha copia do Inferno de Dante. Nunha declaración posterior Barrymore afirmou que tras ver as ilustracións de Gustave Doré, "espertou o meu interese, e naceu un novo desexo en min; quixen ser artista". Foi expulsado desta escola en 1891, enviado a Seton Hall Preparatory School de Nova Jersey, escola da que Lionel xa era alumno. Barrymore non se sentiu feliz en Seton e posteriormente asistiu a varias escolas públicas en Nova York, incluíndo a Academia Militar Mount Pleasant.
En 1892 o negocio da súa avoa, Louisa Drew, comezou a ter problemas e perdeu o control do seu teatro, o que provocou unha perturbación na súa familia. Ó ano seguinte, cando John tiña 11 anos, a súa nai faleceu por mor dunha tuberculose. John case non tivera trato con ela por mor da súa ausencia nas escolas e das xiras constantes da súa nai, polo que a súa avoa era quen se ocupaba da súa crianza. A perda de ingresos obrigou tanto a Ethel, naquel entón con 14 anos, coma a Lionel con 15 anos de idade, a procurar traballo como actores profesionais. O pai de John adoitaba estar ausente do fogar familiar durante as xiras, e cando volvía delas pasaba a maior parte do tempo no club de actores The Lambs en Nova York.
En 1895 Barrymore entrou na Georgetown Preparatory School, naquel entón situada no campus da Universidade de Georgetown, pero foi expulsado dous anos despois en novembro de 1897, probablemente por ter sido visto nun bordel. Un dos seus biógrafos, Michael A. Morrison, expuxo unha teoría alternativa na que indicaba que Barrymore fora expulsado tras ser visto bébedo por parte dun empregado da escola. No momento que marchou de Georgetown, segundo Martin Norden, "xa estaba nas primeiras fases dun problema crónico coa bebida". Ese mesmo ano Barrymore perdeu a virxindade tras ser seducido pola súa madrasta, Mamie Floyd, e en agosto faleceu a súa avoa, o principal modelo feminino na súa vida.
Barrymore viaxou a Inglaterra xunto a seu pai en 1898, entrando no King's College School de Wimbledon. Un ano despois uniuse a Slade School of Fine Art para estudar literatura e arte. Segundo Margot Peters, tras un ano de estudo formal deixou a escola e "adicou gran parte do tempo que estivo en Londres a aventuras bohemias e nocturnas". Volveu a Nova York no verán de 1900, comezando a traballar en novembro como ilustrador no The New York Evening Journal, cun salario de 50$ á semana. Nese mesmo ano o seu pai convenceuno para que actuase xunto a el en varias representacións dunha obra curta, "A Man of the World". Volveu a actuar nesta obra ó ano seguinte, pero consideraba esta experiencia como forma de suplementar os seus ingresos no lugar dunha posible carreira futura. En outubro de 1901 Ethel estaba actuando en Filadelfia na obra Captain Jinks of the Horse Marines cando un dos actores máis xoves pasou a non estar dispoñible temporalmente. Ethel convenceu ó director da obra de que Barrymore tomase o papel dese personaxe secundario, e John viaxou dende Nova York para participar na obra, aprendendo as súas liñas de diálogo no propio tren. No primeiro acto detívose a medio diálogo, incapaz de recordar o texto, e preguntoulle á audiencia e ós outros actores "Escaralleino. Como seguimos con isto?", o que deu lugar a que o elenco tivese que improvisar o resto da esecena.
En marzo de 1901 o seu pai tivo un colapso mental por mor dunha sífilis en fase terciaria, e Barrymore levouno ata o hospital Bellevue. Posteriormente foi trasladado a unha institución privada en Amityville, Long Island, onde sufriu unha rápida deterioración da súa condición mental. A Encyclopedia of World Biography afirma que Barrymore estaba constantemente preocupado pola situación do seu pai, e o seu amigo achegado Gene Fowler afirmou que "o sombrío matiz da perda da razón do seu pai nunca morreu de todo na mente de Barrymore, perseguido polo medo de que podería sufrir o mesmo destino". Ese mesmo ano Barrymore comezou unha relación coa modelo e aspirante a actriz Evelyn Nesbit, que era á súa vez amante do arquitecto Stanford White. En 1906 o naquel entón marido de Nesbit, o millonario de Pittsburgh Harry K. Thaw, disparoulle a White en público. Barrymore ía testificar no xuízo por asasinato de Thaw en relación á falta de moralidade de Nesbit, e preocupáballe que lle poderían preguntar se el era responsable do aborto de Nesbit. Porén, Barrymore non chegou a ser chamado a xuízo como testemuña xa que Thaw foi declarado non culpable por atoparse baixo unha loucura transitoria.
En maio de 1902 Barrymore foi despedido do seu traballo de ilustrador tras producir un debuxo pobre para o xornal estando de resaca. Pasou un tempo traballando como deseñador de carteis pero este traballo non era o suficientemente lucrativo para igualar o seu estilo de vida, financiado en parte por Ethel, quen tamén pagaba polos coidados do seu pai. Nunha ocasión, debatendo sobre o seu futuro co seu irmán, Barrymore dixo: "semella que terei que sucumbir á maldición da familia, actuar", e máis adiante chegou a admitir que comezara a actuar pola necesidade de ingresos.
Comezos da carreira teatral miniatura|dereita|250px|De esquerda a dereita, Barrymore coa súa irmá Ethel e o seu irmán Lionel en 1904. Barrymore púxose en contacto con Charles Frohman, produtor da obra Captain Jinks que xa traballara coa súa nai Georgiana unha década antes. Frohman considerou que Barrymore tiña potencial para a comedia pero que precisaba de máis experiencia antes de estrearse en Broadway. Barrymore uniuse en outubro de 1903 á compañía de teatro de McKee Rankin, sogro de Sidney Drew, para unha serie de actuacións en Chicago no the W. S. Cleveland Theatre, dentro da xira que estaban facendo. Actuou no papel secundario do tenente Max von Wendlowski na obra Magda, e posteriormente en novembro para a produción de Leah the Forsaken tomou o pequeno papel de Max, un "parvo da vila" que só tiña unha liña de diálogo na obra.
Un ano despois participou na súa primeira produción de Broadway, nun pequeno papel para a comedia Glad of It, que tivo poucas representacións. Tras esta obra participou no papel de Charles Hyne na comedia The Dictator representada no Criterion Theatre, que tiña como protagonista a William Collier. Durante as representacións desta obra e da subsecuente xira polos Estados Unidos, Collier pasou a ser o mentor do xove Barrymore, malia os problemas coa bebida deste último, que chegou a faltar a algunhas actuacións e aparecer bébedo noutras e mantiña en xeral un mal comportamento profesional. Collier fixo de profesor para Barrymore, ensinándolle o concepto da cadencia na comedia, mais segundo Hollis Alpert "en ocasións arrepentíase do patrocinio do seu aprendiz". En marzo de 1905, mentres The Dictator estaba en cartel en Buffalo, o pai de Barrymore faleceu en Amityville e foi soterrado no cemiterio Glenwood de Filadelfia. Tras finalizar a xira polos Estados Unidos, a xira de The Dictator continuou en Gran Bretaña a partir de abril de 1905, con representacións no Comedy Theatre. Segundo un crítico do xornal The Observer, nesta obra Barrymore "secundou de forma admirable" a Collier.