miniatura|Mapa dos asentos O voo 214 de Asiana Airlines era un voo de pasaxeiros transpacífico entre o Aeroporto Internacional de Incheon, preto de Seúl, e o Aeroporto Internacional de San Francisco. Na mañá do sábado 6 de xullo de 2013, o Boeing 777-200ER que realizaba o voo estrelouse na aproximación final a San Francisco. Das 307 persoas a bordo, dous pasaxeiros morreron no lugar do accidente (un tras ser atropelado por un vehículo do aeroporto), e un terceiro morreu no hospital varios días despois. Outros 181 sufriron feridas, 12 deles críticas. Entre os feridos había tres asistentes de voo que caeron á pista abrochados aos seus asentos cando a sección de cola rompeu tras golpear co inicio da pista. Foi o primeiro accidente dun Boeing 777 con mortos tras a súa entrada en servizo en 1995.
Avión O Boeing 777-200ER, con rexistro HL7742, estaba impulsado por dous motores Pratt and Whitney PW4090. Foi entregado novo a Asiana Airlines en marzo do ano 2006 e no momento do accidente acumulara 36.000 horas de voo e 5.000 ciclos.
O Boeing 777 tiña unha boa reputación de seguridade. Este foi o seu segundo accidente (tras o voo 38 de British Airways), o primeiro con vítimas mortais, e a terceira perda de casco dende que o modelo comezou a operar comercialmente no ano 1995.
Accidente O 6 de xullo de 2013 o voo OZ214 engalou no Aeroporto Internacional de Incheon (ICN) ás 5:04 pm KST (08:04 UTC), 34 minutos despois da hora programada. Agardábase que aterrase no Aeroporto Internacional de San Francisco (SFO) ás 11:04 am PDT (18:04 UTC).
O voo foi autorizado para unha aproximación visual á pista 28L ás 11:21 am PDT, e se lle dixo que mantivese unha velocidade de 180 nós (330 km/h) ata que estivese a 5 millas (8 km) da pista. Ás 11:26 am, Northern California TRACON pasou o control de tráfico aéreo á torre de San Francisco. Un controlador da torre recoñeceu a segunda chamada da tripulación ás 11:27 am, cando o avión estaba a 1,5 millas (2,4 km) de distancia, e deulle autorización para aterrar.
A meteoroloxía era moi boa; o último informe METAR indicaba vento lixeiro, 10 millas (16 km) de visibilidade (o máximo que pode indicar), ningunha precipitación, e sen previsións de cizalladuras de vento. Os pilotos realizaron unha aproximación visual asistidos polo indicador de traxectoria de aproximación de precisión (PAPI polas súas siglas en inglés).
Ás 11:28 am, o HL7742 chocou por debaixo do limiar da pista 28L. O tren de aterraxe e despois a cola golpearon o dique que se proxectaba cara a baía de San Francisco. Ámbolos dous motores e a sección de cola separáronse do avión. A NTSB destacou que o tren de aterraxe principal, a primeira parte en golpear o dique, "separouse limpamente do avión segundo o deseñado". O estabilizador vertical e os dous horizontais caíron á pista antes do limiar.
O resto da fuselaxe e as ás xiraron no sentido contrario ás agullas do reloxo uns 330 graos ao deslizarse cara ao oeste. Os vídeos amosan o avión pivotando sobre a á e o nariz mentres se inclinaba bruscamente cara ao chan. Foi descansar á esquerda da pista, a 730 metros do punto de impacto inicial no dique.
Despois de aproximadamente un minuto, comezou a saír unha escura columna de fume dos restos. O lume debeuse á rotura dun tanque de aceite enriba do motor dereito. O aceite caeu no motor quente e incendiouse. O lume non foi alimentado polo combustible.
Despregáronse dúas ramplas de evacuación no lado esquerdo do avión que se usaron para que os pasaxeiros abandonasen o aparello. A pesar dos danos no avión, "moitos ... foron capaces de saír pola súa conta". As ramplas da primeira e segunda porta da dereita do aparello (portas 1R e 2R) despregáronse dentro do avión, atrapando aos asistentes de voo colocado preto delas.
Notas
Asiana Airlines Asiana Airlines Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2013