A manosa 6-fosfato (M6P) é un monosacárido fosfatado derivado da manosa que se une á lectina no sistema inmunitario. A M6P convértese en frutosa 6-fosfato pola acción do encima manosa fosfato isomerase.
A M6P é un importante sinal diana para as proteínas precursoras da hidrolase ácida, que se destinan ao transporte cara aos lisosomas. Engádese a etiqueta M6P a esas proteínas na cara cis do aparato de Golgi. Especificamente, nunha reacción na que están implicados a uridina difosfato (UDP) e a N-acetilglicosamina, o encima N-acetilglicosamina-1-fosfato transferase cataliza a glicosilación ligada a N de residuos de asparaxina con M6P. Unha vez marcadas axeitadamente co sinal diana da M6P, estas proteínas son desprazadas á rede trans-Golgi. Alí, o resto M6P é recoñecido e únese ás proteínas do receptor de manosa 6-fosfato (MPR) a pH 6,5-6,7.
Os encimas lisosómicos etiquetados con M6P quedan incluídos nos endosomas tardíos por medio do transporte vesicular. O pH nos endosomas tardíos pode chegar a 6,0, o cal causa unha disociación da M6P do seu receptor. Unha vez liberados, os encimas son transportados ao seu destino final nos lisosomas. Os MPRs están empaquetados en vesículas que se evaxinan dos endosomas tardíos e volven á rede "trans"-Golgi para a súa reciclaxe.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Manosa Receptor de manosa 6-fosfato Enfermidade da célula I Manosa 1-fosfato
Ligazóns externas
Role of M6P in protein modification(vídeo)
Categoría:Derivados de monosacáridos Categoría:Organofosfatos