miniatura|Inauguración dos Estados Xerais de Francia de 1789, na sala dos Menus-Plaisirs, en Versalles. miniatura|Lois XVI de Francia.

Os Estados Xerais de 1789 foron os Estados Xerais convocados o 5 de maio de 1789 polo rei Lois XVI de Francia. Foi a primeira reunión desde 1614.

Tratouse dunha asemblea xeral extraordinaria á que foron chamados representantes (deputados) de todos os segmentos da sociedade francesa (salvo os máis pobres) repartidos no tres estamentos tradicionais no Antigo Réxime: o clero ou Primeiro Estado, a nobreza ou Segundo Estado, e o pobo ou Terceiro Estado.

A independencia que demostraron os deputados do Terceiro Estado con respecto aos dous primeiros e á Coroa marcou o inicio da Revolución francesa.

Antecedentes Entre as causas directas da Revolución francesa encóntrase a gran crise financeira causada pola enorme débeda de Francia, a falta de alimentos coa conseguinte subida imparábel dos prezos, o gasto suntuoso do Goberno, e un sistema impositivo arcaico que recaía exclusivamente sobre os membros do Terceiro Estado debido ás exencións que tiñan o clero e a nobreza; esta carga impositiva, na práctica, limitábase á burguesía. Os sucesivos intentos de reformar este sistema encontráronse coa resistencia dos Primeiro e Segundo Estados.

Abertura dos Estados Xerais A asemblea ten lugar nunha sala acondicionada para a ocasión no palacete dos Menus-Plaisirs (Praceres Miúdos), que servía de almacén para decorados de teatro, instrumentos de música e accesorios de deportes da Corte de Versalles.

Estaban presentes 1.139 deputados: 291 pertencían ao clero, 270 á nobreza e 578 ao Terceiro Estado, que representaba ao 97 % do pobo.

A sesión inaugural, o 5 de maio de 1789, foi presidida polo rei Lois XVI. O clero sentaba á dereita do trono, a nobreza á súa esquerda e o Terceiro Estado en fronte. Os oradores foron o rei, o garde des sceaux Barentin (segundo oficial do goberno) e o ministro de Facenda, Jacques Necker.

O rei abriu a sesión cun discurso conciso e ben acollido polos deputados. O ministro Necker pronunciou un discurso de dúas horas e media durante o cal o rei queda durmido. Con este discurso, os deputados danse de conta de que a situación financeira do reino é aínda máis desastrosa do que se pensaba, e de que o Goberno está desorientado. Queda entón patente o motivo da convocatoria dos Estados Xerais: o grave déficit orzamentario.

Pero o ministro non menciona o problema que máis preocupa aos deputados: a votación por estamento ou por cabeza, que condiciona a aprobación de calquera reforma.

Desenvolvemento da asemblea Nin o clero nin a nobreza formaban bloques homoxéneos; comportaban ambos os estratos individuos con ingresos modestos, cuxos intereses e forma de vida se aproximaban aos do Terceiro Estado. A nobreza contaba cun bo número de pequenos nobres campesiños (chamados hobereaux), que pouco compartían coa gran nobreza próxima á Corte. E entre o clero, os simples curas (bas-clergé oi baixo clero) sentíanse máis próximos ás reivindicacións dos seus fregueses que ás dos seus superiores eclesiásticos.

A nobreza e o clero reclamaban o voto por estamento, que lles aseguraba a maioría sen necesidade de lograr un consenso. O Terceiro Estado pedía o voto por cabeza, que permitía máis igualdade na votación, e debates abertos. Ante a negativa dos dous primeiros estados e o consecuente bloqueo de toda votación, o Terceiro Estado, aconsellado polo sacerdote Sieyès (deputado do Terceiro Estado), invitou os deputados da nobreza e do clero a que se unisen a eles. Dous nobres e 149 membros do clero, ségueno.

miniatura|250px|Os deputados do Terceiro Estado piden que se lles deixe entrar na sala dos Menus-Plaisirs.

Prodúcese polo tanto unha revolución de carácter xurídico: desmantélanse os estamentos tradicionais do reino, aos que substitúe unha asemblea única en representación de todo o pobo. A proposta de Sieyès, toma o nome, o 17 de xuño de 1789, de Asemblea Nacional.

Ante este acto revolucionario, o rei Lois XVI manda pechar a sala e prohibe a entrada aos representantes do Terceiro Estado, en contra da opinión do seu ministro Necker.

250px|miniatura|O Xuramento do Xogo de Pelota, por David, (1791).

A Asemblea Nacional encontra, grazas ao doutor Guillotin, deputado do Terceiro Estado, outro lugar de reunión, a Sala do Xogo de Pelota de Versalles. O 20 de xuño de 1789, os deputados xuran non separarse antes de dar unha Constitución ao país, o que se coñece como Xuramento do Xogo de Pelota.

O 23, o rei ordena a súa disolución, e manda levar a orde ao decano do Terceiro Estado, Jean Sylvain Bailly, primeiro presidente da Asemblea. O deputado Honoré Gabriel Riqueti, máis coñecido como o conde de Mirabeau, pronunciara daquela a célebre frase "Estamos aquí pola vontade do pobo e só sairemos pola forza das baionetas".

O 27 de xuño, o rei cede e invita a nobreza e o clero a que se unan á nova Asemblea.

O 9 de xullo de 1789, a Asemblea adopta o nome de Asemblea Nacional Constituínte.

Esta revolución xurídica e pacífica acababa de poñer fin a séculos de absolutismo monárquico, substituíndoo por unha Monarquía parlamentaria.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Jean Sylvain Bailly, Mémoires d'un témoin de la Révolution, ou journal des faits qui se sont passés sous ses yeux, et qui ont préparé et fixé la constitution française, Levrault-Schoell et Cie, París, an XII-1804 Jacques-Antoine Creuzé-Latouche, Journal des états généraux et du début de l'Assemblée nationale, Didier, París, 1946 Adrien Duquesnoy, Journal sur l'Assemblée constituante, Alphonse Picard & fils, París, 1894 Pierre Goubert e Michel Denis, 1789 : les Français ont la parole. Cahiers de doléances des états généraux , Gallimard, colección « Archives », 1973 Georges Lefebvre e Anne Terroine, Recueil de documents relatifs aux séances des Etats généraux, I, edición del CNRS, París, 1953.

Outros artigos Revolución francesa Moeda dun franco conmemorativa dos Estados Xerais de 1798

Categoría:Revolución Francesa