Eduardo José Toba Muiño, nado en Muxía o 15 de maio de 1923 e finado na Coruña o 3 de agosto de 2001, foi un médico, atleta e adestrador de fútbol galego.

Traxectoria Estudou medicina en Madrid ao mesmo tempo que practicaba atletismo, especializándose en carreiras de obstáculos e triplo salto. En 1946 gañou a medalla de ouro en triplo salto no Campionato de España de Atletismo, cunha marca de 13,765 m. En 1948 bateu os récords galegos de salto de lonxitude, con 6,41 m, e o de 110 metros valados, con 16,50 segundos, o cal rebaixou ata 16,3 só uns días despois. En 1951 rebaixou a marca de 110 valados ata 15,6.

En xullo de 1951 foi contratado como preparador físico polo Deportivo da Coruña, club no que militara xa antes na súa sección de atletismo. Ao ano seguinte obtivo o título de adestrador de fútbol de categoría nacional e pouco despois adestrou o Fabril, ata que deixou o cargo en xaneiro de 1953 por non poder compaxinalo coa preparación física do Deportivo.

En agosto de 1954 foi presentado como novo adestrador do Deportivo da Coruña, en Primeira División. O equipo realizou unha boa actuación e rematou a tempada na sétima posición. Logo pasou ao Oviedo, en Segunda División, onde permaneceu ata febreiro de 1957, cando deixou o equipo polos malos resultados. Volveu ao Deportivo para a tempada 1958/59, co equipo de volta en Segunda. A súa nova etapa no club coruñés só durou catro xornadas, ata a escandalosa derrota por 8-2 fronte ao Real Valladolid. Tras este partido foi substituído no banco por Ernesto Pons.

Pouco despois traballou como médico en Caracas, onde foi convencido polo futbolista e xornalista coruñés Lázaro Candal para probar sorte no fútbol de Costa Rica. Deste xeito fíxose cargo da selección de Costa Rica, levándoa a gañar o Campionato Centroamericano de 1961 de xeito asoballante, cun pleno de vitorias e con 32 goles a favor por só 4 en contra. Adestrou tamén o costarriqueño Club Sport Herediano, conquistando a liga costarriqueña e a Copa tamén en 1961. Volveu a España en 1962 e nas seguintes tempadas dirixiu consecutivamente a Tenerife, Oviedo, Murcia, Córdoba e Hércules.

En novembro de 1967 foi anunciado como novo adestrador da selección española olímpica. Conseguiu clasificar a España para os Xogos Olímpicos de 1968 tras eliminar a selección inglesa na fase de clasificación. En xullo de 1968 foi elixido novo seleccionador absoluto de España. A pesar de comezar gañando un amigábel contra Francia por 1-3, os seus malos resultados na fase de clasificación para o Mundial (empates contra Iugoslavia e Bélxica e derrota contra Bélxica), provocaron o seu cesamento en marzo de 1969.

En 1971 volveu ao Real Oviedo, conquistando a liga de Segunda División, e devolvendo o club a Primeira. Continuou no club asturiano na máxima categoría, pero foi destituído na xornada 16, despois de caer ata o último posto da clasificación. En 1975 volveu poñerse á fronte da selección española olímpica, conseguindo eliminar a Alemaña e clasificar ao equipo para os Xogos Olímpicos de 1976. Dirixiu tamén a Escola Nacional de Adestradores e o Colexio Nacional.

Faleceu na Coruña o 3 de agosto de 2001.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1923 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Nados en Muxía Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Triplistas Categoría:Saltadores de altura Categoría:Velocistas Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo Fabril Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Real Oviedo Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Real Murcia Categoría:Adestradores do Córdoba CF Categoría:Adestradores do Hércules CF Categoría:Adestradores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Costa Rica Categoría:Adestradores do Club Sport Herediano