miniatura|dereita|Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con. A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con (EHEC) é un centro de investigación científica pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Inaugurouse no ano 2004, e está situada á beira do encoro do Con, no lugar de Castroagudín, na parroquia de Cea (Vilagarcía de Arousa).

A EHEC persegue desde a súa orixe un triplo obxectivo: a investigación en materia de hidrobioloxía, a formación superior científico-técnica e a divulgación do avance científico como vía para solicitar dos cidadáns a súa cooperación na conservación do medio natural.

Obxectivos Os principais obxectivos da EHEC son a investigación, a docencia e a divulgación, e apoiándose nestes foi creada co fin de propiciar, fomentar e desenvolver a investigación en Bioloxía das Augas Continentais, facilitando ós investigadores as súas instalacións e medios dispoñibles para o desenvolvemento dos traballos científicos, proxectos de investigación, teses doutorais, reunións científicas. Encárgase así mesmo do asesoramento e colaboración en materia de investigación con entidades públicas e privadas, o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e institucións científicas de España e doutros países.

Así, a EHEC pretende ser unha ponte na cooperación entre os organismos xestores e os organismos de investigación, onde se acheguen opinións baseadas no axeitado coñecemento dos ecosistemas acuáticos naturais.

Instalacións miniatura|dereita|Aula de microscopía da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con. A EHEC está distribuída en catro áreas correspondentes cada unha a unha planta. A primeira, corresponde á planta baixa e nela sitúanse os laboratorios (laboratorio de análises e laboratorio húmido) e os almacéns nos que se gardan os equipamentos necesarios para as mostraxes. A área de administración (despachos) e de docencia e investigación (aula, aula de informática, laboratorio de microscopía) localízase na primeira planta. A segunda planta, destínase a aloxamento para investigadores visitantes (habitacións, salón-comedor). Por último, na planta baixo cuberta atópase a biblioteca e a sala de xuntas.

Investigacións miniatura|dereita|Visita dunha delegación do Proxecto TWINNING á Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con. miniatura|dereita|Conferencia "Dez mil ríos, dez mil problemas" no Instituto de Educación Secundaria de Brión. As liñas temáticas que poden desenvolverse neste centro son as relacionadas coa investigación hidrobiolóxica básica e aplicada que se levan a cabo na actualidade na comunidade científica internacional, desde investigacións sobre biodiversidade, ecotoxicoloxía, contaminación e calidade das augas, ata a xestión de poboacións, acuicultura, xenética, modelización limnolóxica etc.

Certificados de excelencia e premios A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con obtivo no ano 2009 o "Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+" polo seu sistema de xestión. Este Selo renovouse nos anos 2011 e 2013.

No referente a premios, a EHEC foi galardoada co Primeiro Premio do I Concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social (ASES) da Cátedra Dr. Jaime Vera de Emprendemento Social da USC pola acción titulada: "A piscicultura como terapia ocupacional e medio de fornecemento da responsabilidade medioambiental individual na comunidade terapéutica do Proxecto Home de Cernadas-Portomouro (Val do Dubra)".

En 2013 o Diario de Arousa outorgoulle o Premio Arousán do Ano, ademais de polo triplo obxectivo perseguido, polo seguimento exhaustivo dos ríos do contorno, especialmente o Umia, no que a EHEC estivo activamente implicada no estudo do bloom toxixénico de cianobacterias, e pola súa contribución ó estudo da biodiversidade fluvial e pola promoción de cursos de verán para analizar as cuestións máis relevantes da auga.

Produción científica Nos últimos anos o equipo pertencente á EHEC publicou máis de 40 artigos científicos, publicou seis libros e abundante material de divulgación; ademais participou activamente con comunicacións nunha vintena de congresos internacionais.

Actividades A EHEC organiza periodicamente xornadas de portas abertas, exposicións, conferencias, cursos de formación etc. Tamén colabora como asesora científica de medios de comunicación e organizacións como conservacionistas.

Véxase tamén Ligazóns externas Web oficial "La Estación de Hidrobiología “Encoro do Con” (EHEC) de la Universidad de Santiago de Compostela: un centro de estudio de la biodiversidad", artigo de F. Cobo, R. Vieira-Lanero e S. Barca en Cuadernos de Biodiversidad nº 41 (2013).

Categoría:Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Vilagarcía de Arousa Categoría:Institutos e centros de investigación de Galicia