San Sebastián dos Devesos é unha parroquia do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 112 habitantes (62 mulleres e 50 homes) distribuídos en 41 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 225 habitantes.
Xeografía Os Devesos está situada na parte oriental do concello, esténdese polo curso alto do río Baleo e pola aba occidental da serra da Faladoira. A parroquia linda ao norte coa parroquia de Couzadoiro polo alto do Couce Mosquento e coa dos Freires polo rego do Lombao; polo nordeste volve a lindar con Couzadoiro e os regatos de Santaballa e Biduído; polo leste os altos da Faladoira son linde co concello de Mañón; polo suroeste e polo sur linda coas parroquias das Neves e do Ermo, e polo oeste os altos de Folgoso sepárana da parroquia de Senra.
A estrada AC-101 (Ortigueira–As Pontes) atravesa a parroquia no seu lado oeste, de norte a sur, dende o quilómetro 5 até o quilómetro 9, polos lugares do Coto, A Fieira, O Camiño Grande, O Casón e Paufito.
Os ríos Baleo e Mera, os dous leitos máis importantes do concello, teñen nos cumios e nos vales profundos desta parroquia as súas primeiras fontes.
Patrimonio A igrexa parroquial de San Sebastián dos Devesos sitúase no lugar do Igrexario. É un templo antigo con planta de cruz latina do que se pode destacar un pouco usual pórtico lateral. A uns metros está o cemiterio e no seu camiño testando coa igrexa atópase a casa reitoral, do século XVII, actualmente restaurada e de uso particular.
Neste mesmo lugar do Igrexario e fronte ao templo érguese o edificio da Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana, sufragado polos emigrantes en Cuba naturais desta parroquia e da zona alta de Freires, que no ano 1908 constituíran na Habana unha sociedade con este mesmo nome. Os seus fundadores, todos eles obreiros tabaqueiros, co obxecto de facilitar a instrución dos nenos e nenas da parroquia, promoveron a posta en marcha dunha escola laica, que foi inaugurada en marzo de 1912, seguindo os postulados da Escuela Moderna do anarquista Francesc Ferrer i Guàrdia.
A escola foi pechada o 24 de marzo de 1924, durante a ditadura de Primo de Rivera, polo gobernador civil, o militar Pío López Pozas, alegando a súa relación con asociacións libertarias, pero fundamentalmente pola hostilidade que os seus principios suscitaran no cura párroco dos Devesos, José Antonio Orjales. Despois disto a escola da Devesana reabriu as súas portas no curso 1930-1931, e foi novamente pechada trala sublevación franquista de 1936. O recinto sufriu diversos avatares e actualmente acolle o centro social da parroquia, e é o lugar onde desenvolver as súas actividades (culturais, sociais, musicais...) a renacida —nos anos 90 do pasado século XX— Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana.
No lugar de Portas está a pequena ermida de Nosa Señora de Portas, moi concorrida en romaxe noutros tempos.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares dos Devesos
Parroquias de Ortigueira
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira
Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Sebastián