Cecil Milton Hepworth, nado en LambethCecil Hepworth en Screenonline (Londres) o 19 de marzo de 1874 e finado en Greenford (Middlesex) o 9 de febreiro de 1953 foi un director de cinema e produtor británico. Foi un dos fundadores do cinema británico e continuou realizando filmes ata a década de 1920 nos Walton Studios.
Traxectoria Nado en Lambeth, o seu pai Thomas Cradock Hepworth foi un famoso showman da lanterna máxica e escritor. Cecil Hepworth viuse involucrado nas primeiras épocas da industria cinematográfica británica, traballando para Birt Acres e Charles Urban, e escribiu o primeiro libro británico sobre a materia en 1897. Co seu primo Monty Wicks creou a compañía produtora Hepworth and Co. (tamén coñecida como "Hepwix" polo seu logotipo), logo renomeada Hepworth Manufacturing Company (oficialmente: Hepworth Film Manufacturing Company), e despois Hepworth Picture Plays. En 1899 construíron un pequeno estudio en Walton-on-Thames, Hepworth Studios. A compañía producía uns tres filmes cada semana, en ocasións con Hepworth como director.
Rescued by Rover (1905), codirixido con Lewin Fitzhamon e protagonizado por un collie foi un éxito financeiro. Hoxe en día recoñécese como un desenvolvemento importante na gramática fílmica, con tomas combinadas con eficacia para salientar a acción. Hepworth foi un dos primeiros en recoñecer o potencial das estrelas cinematográficas, tanto animais como humanas, con varias personaxes recorrentes nalgúns dos seus filmes.
Arredor de 1910, Hepworth foi o inventor de Vivaphone, sistema pioneiro para engadir son aos filmes. O aparato empregaba discos de fonógrafo para gravar e reproducir o son. Vivaphone foi distribuído no Reino Unidos e tamén nos Estados Unidos e o Canadá.
A compañía continuou realizando filmes populares durante a década de 1920, a pesar do estilo cada vez máis anticuado dos filmes de Hepworth. Estimulado polo éxito internacional de Alf's Button (1919), a compañía buscou fondos para investir no desenvolvemento dun grande estudio. Fracasou no intento de lograr o capital necesario e tamén sufriu un revés comercial con Comin' Thro the Rye (1923), e o ano seguinte a compañía caeu na bancarrota. Todos os negativos orixinais en poder de Hepworth foron fundidos para vender a prata e as súas longametraxes consideráronse perdidas durante varias décadas. Porén, atopouse un orixinal en 35mm do seu filme de 1920 Helen of Four Gates nun arquivo de Montreal en 2008.
Filmografía 1897: The Egg-Laying Man 1900: The Beggar's Deceit 1900: How It Feels to Be Run Over 1900: Explosion of a Motor Car 1903: Alice in Wonderland 1905: Rescued by Rover 1905: Baby's Toilet 1913: David Copperfield 1915: The Baby on the Barge 1916: Annie Laurie 1919: City of Beautiful Nonsense 1919: Broken in the Wars 1919: The Forest on the Hill 1920: Helen of Four Gates 1921: The Narrow Valley 1921: Tansy 1921: Wild Heather 1923: Comin' Thro the Rye 1923: Mist in the Valley
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Came the Dawn, Cecil Hepworth. Londres: Phoenix House, 1951. Raising the Flag: Constructing a National Cinema in Britain, Andrew Higson. Oxford: Clarendon Press, 1995, ISBN 0-19-812369-8. Chapter on Comin' Thro' The Rye: pp. 26–97. Ligazóns externas Cecil Milton Hepworth en Victorian-cinema.net
Categoría:Directores de cinema do Reino Unido Categoría:Nados en Lambeth Categoría:Nados en 1874 Categoría:Finados en 1953