Le Sacre du printemps (en francés) ou Весна священная (en ruso, transliterado Vesna sviashchennaia) é un ballet e concerto orquestral do compositor ruso Igor Stravinskii. Foi escrito para a tempada dos Ballets Russes de Sergei Diagilev de 1913; a coreografía orixinal foi obra de Vatslav Nizhinskii, con deseños de escena de Nikolai Rerikh. Cando foi estreada, no Théâtre des Champs-Élysées o 29 de maio de 1913, a natureza vangardista da música e a coreografía causaron sensación e case orixinaron disturbios na audiencia. Aínda que creou a obra para a escena, con pasaxes específicas acompañando ás personaxes e á acción, a música conseguiu o mesmo, senón maior recoñecemento como peza de concerto, e é amplamente considerada unha das obras máis influentes da música do século XX.

Stravinskii era un compositor novo e practicamente descoñecido cando Diagilev o recrutou para crear obras para os Ballets Russes. Le Sacre du printemps foi o terceiro proxecto deste tipo, despois do aclamado L'oiseau de feu (1910) e Petrushka (1911). O concepto detrás de Le Sacre du printemps, desenvolvido por Rerikh a partir da idea dun bosquexo de Stravinskii, é suxerida polo seu subtítulo, «Imaxes da Rusia pagá en dúas partes»; no escenario, despois de varios rituais primitivos que celebran a chegada da primavera, unha moza é escollida como vítima dun sacrificio e baila ata a morte. Despois dunha recepción mixta por parte da crítica na súa forma orixinal e unha pequena xira por Londres, o ballet non volveu ser representado ata a década de 1920, cando unha versión coreografada por Léonide Massine substituíu a orixinal de Nizhinskii. A de Massine foi a precursora de moitas producións innovadoras dirixidas polos principais mestres de ballet do mundo, coas que a obra gañou aceptación en todo o mundo. Na década de 1980, a coreografía orixinal de Nizhinskii, que durante moito tempo se pensou que estaba perdida, foi reconstruída polo Joffrey Ballet nos Ánxeles.

A partitura de Stravinskii contén moitas características novidosas para a época, entre as que se inclúen experimentos na tonalidade, a métrica, o ritmo, a acentuación e a disonancia. Os analistas teñen observado na partitura unha base significativa na música popular rusa, unha relación que Stravinskii tendía a negar. A música de Le Sacre du printemps influíu a moitos dos principais compositores do século XX, e é unha das obras máis gravadas do repertorio clásico.

Antecedentes miniatura|esquerda|Stravinskii en 1903. Igor Stravinskii era o fillo de Fedor Stravinskii, o principal baixo da Ópera Imperial de San Petersburgo, e Anna, nada Kholodovskaia, unha cantante afeccionada competente e pianista dunha antiga familia rusa. A asociación de Fedor con moitas figuras importantes da música rusa, entre as que se inclúen Rimskii-Korsakov, Borodin e Musorgskii, fixo que Igor medrase nun fogar intensamente musical. En 1901 Stravinskii comezou a estudar dereito na Universidade de San Petersburgo, mentres tomaba clases particulares de harmonía e contrapunto. Tendo impresionado a Rimskii-Korsakov con algúns dos primeiros esforzos compositivos, Stravinskii traballou baixo a guía do vello compositor. No tempo da morte do seu mentor en 1908 Stravinskii tiña realizado varias obras, entre elas a Sonata para piano en Fa díese menor (1907), que el mesmo catalogou como «Opus 1», e en 1908 unha pequena peza orquestral, Feu d'artifice ("Fogos de artificio").

En 1909 Feu d'artifice foi interpretada nun concerto en San Petersburgo. Entre os que se encontraban na audiencia estaba o empresario Sergei Diagilev, que daquela estaba planeando introducir a música e a arte rusa nas audiencias occidentais. Ao igual que Stravinskii, Diagilev estudara inicialmente dereito, mais gravitara no mundo teatral por medio do xornalismo. En 1907 comezara a súa carreira teatral coa presentación de cinco concertos en París; ao ano seguinte introduciu a ópera de Musorgskii Boris Godunov. En 1909, aínda en París, presentou os Ballets Russes, inicialmente coas Danzas Polovtsian da ópera de Borodin Knyaz Igor e Scheherazade de Rimskii-Korsakov. Para presentar estas obras, Diagilev recrutou ao coreógrafo Mikhail Fokin, o deseñador Leon Bakst e o bailarín Vatslav Nizhinskii. A intención de Diagilev, con todo, era producir novas obras nun estilo distintivo do século XX, e estaba a buscar talento compositivo fresco. Tendo escoitado Feu d'artifice achegouse a Stravinskii, inicialmente cunha petición de axuda na orquestración da música de Chopin para crear o ballet Les Sylphides. Stravinskii traballou na abertura "Nocturne" e no peche "Valse Brillante"; a súa recompensa foi un encargo moito máis grande, escribiu a música para un novo ballet, L'oiseau de feu (O paxaro de lume) para a tempada de 1910.

Stravinskii traballou durante o inverno de 1909–10, nunha estreita asociación con Fokin, que foi coreografiando L'oiseau de feu. Durante este período Stravinskii coñeceu a Nizhinskii que, aínda que non bailaba no ballet, era un agudo observador do seu desenvolvemento. Stravinskii era pouco favorable cando rexistrou as súas primeiras impresións sobre o bailarín, dicindo que parecía inmaturo e torpe para a súa idade (tiña 21 anos). Por outra banda, Stravinskii encontrou unha inspiración en Diagilev, "a esencia mesma dunha gran personalidade". L'oiseau de feu foi estreado o 25 de xuño de 1910, con Tamara Karsavina no papel principal, e foi un grande éxito de público. Isto asegurou que a colaboración entre Diagilev e Stravinskii continuase, en primeira instancia con Petrushka (1911) e despois con Le Sacre du printemps.

Sinopse e estrutura Nunha nota ao director Serge Koussevitzky en febreiro de 1914, Stravinskii describiu Le Sacre du printemps como «unha obra musical-coreográfica, [representando a] Rusia pagá... unificada por unha soa idea: o misterio e a grande ondada de poder creativo da primavera». Na súa análise sobre Le Sacre du printemps, Pieter van den Toorn escribe que a obra carece dun argumento ou narrativa específica, e debe ser considerada como unha sucesión de episodios coreografados.

Os títulos en francés son tomados na forma na que aparecen na partitura de piano a catro mans publicada en 1913. Os títulos que aparecen no seguinte cadro son tomados da gravación de The Cleveland Orchestra baixo a dirección de Pierre Boulez en Cleveland (Estados Unidos) en marzo de 1991 para Deutsche Grammophon.

Episodio Tradución SinopseA excepción do indicado por unha cita específica, a información da sinopse é tomada da nota de Stravinskii a Koussevitsky de febreiro de 1914 Part I: L'Adoration de la Terre (Adoración da Terra)  Introduction  IntroduciónAntes de que se abra o pano, unha introdución orquestral aseméllase, segundo Stravinskii, a "un enxame de gaitas de primavera [dudki]" Les Augures printaniers Os augurios primaverais A celebración da primavera comeza nos outeiros. Unha anciá entra e comeza a predicir o futuro. Jeu du rapt Un xogo de rapto As mozas chegan dende o río, nunha soa fila. Comezan a "Danza do Secuestro". Rondes printanières Roldas primaverais As mozas bailan o Khorovod, as "Rondas primaverais". Jeux des cités rivales Xogos das tribos rivais A xente divídese en dous grupos un fronte ao outro, e comeza o "Ritual das Tribos Rivais". Cortège du sage: Le Sage Cortexo do sabio - Adoración da Terra - O Sabio Unha procesión sagrada conduce á entrada dos anciáns sabios, liderados polo Sage que leva as danzas a unha pausa e bendece a terra. Danse de la terre Danza da Terra A xente irrompe nunha danza apaixonada, santificándose e converténdose nun coa terra. Part II: Le Sacrifice (O sacrificio)  Introduction  Introdución Cercles mystérieux des adolescentes Círculos misteriosos das adolescentes As mozas involúcranse nos xogos misteriosos, andando en círculos. Glorification de l'élue A glorificación da elixida Unha das mozas é seleccionada polo destino, sendo capturada dúas veces no círculo perpetuo, e é honrada como "A Elixida" cunha danza marital. Evocation des ancêtres Evocación dos antepasados Nunha breve danza, as mozas invocan aos antepasados. Action rituelle des ancêtres Acción ritual dos antepasados A Elixida é confiada ao coidado dos anciáns sabios. Danse sacrale (L'Élue) Danza sagrada (a elixida) A Elixida danza ata a morte en presenza dos anciáns sabios, na gran "Danza de Sacrificio".

Creación Concepción miniatura|Sergei Diagilev, director dos Ballets Russes entre 1909 e 1929, retratado por Leon Bakst. Lawrence Morton, nun estudo sobre as orixes de Le Sacre du printemps, rexistra que en 1907–08 Stravinskii musicalizou dous poemas da colección de Sergei Gorodetskii Iar (Ярь). Outro poema na antoloxía, que Stravinskii non considerou pero é probable que tivera lido, é "Iarila" que, sinala Morton, contén moitos dos elementos básicos que Le Sacre du printemps desenvolve, incluíndo ritos pagáns, anciáns sabios, e o propiciatorio sacrificio dunha moza: «A semellanza é demasiado próxima para ser unha coincidencia». O propio Stravinskii deu versións contraditorias sobre a xénese de Le Sacre du printemps. Nun artigo de 1920 fixo fincapé en que as ideas musicais xurdiron primeiro, que o marco pagán fora suxerido pola música en lugar de ser ao revés. Con todo, na súa autobiografía de 1936 describiu a orixe da obra así: "Un día [en 1910], cando estaba rematando as últimas páxinas de L'Oiseau de Feu en San Petersburgo, tiven unha efémera visión ... vin na miña imaxinación un solemne rito pagán: anciáns sabios, sentados nun círculo, vendo a unha moza bailar ata a morte. Eles estábana a sacrificar para aplacar ao deus da Primavera. Tal foi o tema de Sacre du Printemps".

Contra maio de 1910 Stravinskii estaba a discutir a súa idea con Nikolai Rerikh, o maior experto ruso en arte popular e antigos rituais. Rerikh tiña unha reputación como artista e místico, e proporcionara os deseños de escena para a produción de Diagilev de 1909 das Danzas Polovtsianas. A parella pronto concordou no título da obra, O gran sacrificio (en ruso: Velikaia zhertva); Diagilev deulle a súa bendición á obra, aínda que a colaboración mantívose en suspenso durante un ano mentres que Stravinskii estaba ocupado co seu segundo maior encargo para Diagilev, o ballet Petrushka.

En xullo de 1911 o compositor visitou Talashkino, cerca de Smolensk, onde Rerikh se hospedaba coa Princesa María Tenisheva, unha célebre patroa das artes e patrocinadora da revista de Diagilev Mir iskusstva (Mundo da Arte). Alí, durante varios días, Stravinskii e Rerikh finalizaron a estrutura do ballet. Thomas F. Kelly, na súa historia da estrea de Sacre, suxire que o argumento pagán en dúas partes que xurdiu foi principalmente ideado por Rerikh. Stravinskii posteriormente explicou a Nikolai Findeyzen, o editor da Gazeta Musical Rusa, que a primeira parte da obra chamaríase «O bico da Terra», e consistiría en xogos e danzas rituais interrompidos por unha procesión de sabios, culminando nunha danza frenética coa xente abrazando a primavera. A segunda parte, «O sacrificio», tería un aspecto máis escuro; secretos xogos nocturnos das doncelas, que conducen á elección dunha delas para sacrificar e a súa eventual danza ata a morte diante dos sabios. O título orixinal da obra mudou a «Santa Primavera» (en ruso: Vesna sviashchennaia), mais a obra chegou a ser xeralmente coñecida pola súa tradución ao francés, Le Sacre du printemps, ou o seu equivalente en inglés The Rite of Spring, co subtítulo Pictures of Pagan Russia in Two Parts («Cadros da Rusia pagá en dúas partes»). Na publicación final da obra tamén se cambiou o título da primeira parte que finalmente quedou como Adoración da Terra.

Composición miniatura|esquerda|Clarens, en Suíza (nunha imaxe actual), onde foi composta a maior parte de Le Sacre du printemps.