László Moholy-Nagy, nado como László Weisz o 20 de xullo de 1895 en Bácsborsód e finado o 24 de novembro de 1946 en Chicago, Illinois, foi un pintor, escultor, deseñador, fotógrafo e teórico da arte maxiar-estadounidense, vencellado á Bauhaus, onde foi docente, e ás vangardas. Estivo fortemente influenciado polo construtivismo e foi un firme defensor da integración da tecnoloxía e a industria nas artes.

Traxectoria Pasou a infancia entre Bácsborsód e Szeged. O seu apelido orixinal era Weisz, que substituíu por Nagy en 1910. Comezou estudos de dereito en Budapest, que interrompeu para se alistar no exército austrohúngaro durante a Primeira guerra mundial, sendo ferido na Galicia dos Cárpatos. Na súa convalecencia realizou debuxos e acuarelas.

Instalado en Berlín desde 1920, aproximouse ás vangardas centroeuropeas e casou en 1921 con Lucia Moholy, escritora e fotógrafa, con quen colaborou nos seus primeiros experimentos fotográficos. En 1922 comezou a realizar imaxes fotográficas sen cámara obtidas colocando obxectos sobre papel fotosensible e expoñéndoos á luz.

En 1923, uniuse á Bauhaus de Weimar, convidado por Walter Gropius, imprimindo unha orientación máis construtivista á escola. Seguiu ligado á Bauhaus no período de Dessau até 1928, desenvolvendo unha concepción da arte baseada na integración de pintura, fotografía, tipografía, cinema, escenografía e deseño industrial. Defendeu unha nova visión artística vencellada á cultura tecnolóxica do século XX, tanto na fotografía de vangarda como no deseño de imaxes, chegando a realizar cadros mediante instrucións telefónicas.

Logo de deixar a Bauhaus, traballou en Berlín como deseñador, escenógrafo e fotógrafo. En 1935 marchou a Londres, e en 1937, por recomendación de Gropius, trasladouse a Chicago para dirixir a New Bauhaus. Ao pechar esta escola en 1938, fundou en 1939 a School of Design in Chicago, reorganizada en 1944 como Institute of Design, institución que acabaría integrada no Illinois Institute of Technology.

Pasamento e legado En 1945 foille diagnosticada unha leucemia. Continuou traballando e ensinando até a súa morte en Chicago ao ano seguinte. O seu libro Vision in Motion, síntese da súa filosofía educativa, foi publicado postumamente en 1947.

Influencia na Galiza Nun texto da Asociación Galega de Deseño, Uqui Permui sinala que certas propostas tipográficas asociadas a Moholy-Nagy poden rastrexarse tamén nas gráficas de Luís Seoane. Así mesmo, distintos estudos sobre o Laboratorio de Formas de Galicia presentan a Bauhaus como un dos referentes asumidos por Isaac Díaz Pardo e Seoane.

Notas

Véxase tamén

Bauhaus Lucia Moholy Wchutemás

Categoría:Bauhaus Categoría:Pintores de Hungría Categoría:Fotógrafos de Hungría Categoría:Nados no condado de Bács-Kiskun Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1946 Categoría:Finados por leucemia