A PO-552 (na provincia de Pontevedra), é unha estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia que une as localidades de Vigo e Tui; atravesa os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda, Tomiño e Tui. Ten unha lonxitude de 71,21 quilómetros e iníciase nun cruzamento coa Avenida de Citroën en Vigo e finaliza nun cruzamento coa N-551 en Tui. Foi creada en 1986 logo da fragmentación da antiga estrada comarcal C-550, que percorría a costa galega das Rías Baixas.
Nomenclatura
Como a Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEGA) mantén a denominación da súa Rede Primaria Básica Convencional, é por isto polo que non se chama GA-552. O 552 débese á continuidade da N-552.
Percorrido
Comeza na rotonda viguesa onde conflúen a Avenida de Citroën e a circunvalación de Vigo, VG-20. Segue cara a Santo André de Comesaña, Coruxo, San Miguel de Oia e Saiáns, rodeando os montes do Maúxo. Continúa polas parroquias de Priegue e Nigrán, ata chegar a San Pedro da Ramallosa, onde se cruza coa PO-340 e a PO-325.
Cruza o río Miñor, e chega a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona). Continúa, pasando por Sabarís, O Burgo e a vila de Baiona ata pasar Cabo Silleiro en Baredo. Dende aí, segue polos pés da Serra da Groba.
Pasa polas parroquias oienses de Mougás, Viladesuso, Pedornes e Santa María de Oia; pola parroquia do Rosal e as parroquias guardesas de Salcidos e A Guarda, nesta última realiza un xiro para seguir o curso do río Miño. Prosegue polas parroquias de Salcidos, San Miguel de Tabagón, San Xoán de Tabagón, As Eiras, Goián, Figueiró (onde se une coa PO-344), Estás, Tomiño, Forcadela, Amorín, Currás e Sobrada. Remata na parroquia do Regueiro, onde conflúe coa estrada nacional N-551.
Nomes locais
Vigo: Estrada de Camposancos Priegue: Avenida de Pablo Iglesias Nigrán: Avenida do Val Miñor e Rúa Rosalía de Castro San Pedro da Ramallosa: Rúa de Manuel Lemos Santa Cristina da Ramallosa: Avenida de Julián Valverde e Avenida de Sabarís O Burgo (Baíña): Estrada de Santa Marta Baiona: Avenida Monterreal, Rúa Alférez Barreiro, Rúa Elduayen, Avenida de Ramón y Cajal e Avenida Joselín. Baredo: Rúa Rocamar Oia: Rúa de Vista Alegre A Guarda: Rúa de Porto Rico e Rúa de Galicia Goián: Avenida do Brasil
Densidade do tráfico
O primeiro tramo Vigo-Baiona é o que maior densidade de tráfico ten xa que nel están as zonas residencias e industriais. En Coruxo, alcanza, aproximadamente, 15.000 vehículos/día.
O segundo tramo Baiona-A Guarda é o que menor densidade presenta. E o terceiro tramo A Guarda-Tui ten unha densidade media composta por tráfico local.
Notas
Categoría:Estradas da rede primaria básica de Galicia na provincia de Pontevedra Categoría:Vigo Categoría:Nigrán Categoría:Baiona Categoría:Oia Categoría:O Rosal Categoría:A Guarda Categoría:Tomiño Categoría:Tui