José Ramón Barral Martínez, Nené, nado en Ribadumia a finais de decembro de 1943 e finado na mesma vila o 23 de novembro de 2023, foi un político e contrabandista galego, que foi alcalde de Ribadumia moitos anos.
Traxectoria Era socio do contrabandista Vicente Otero Pérez, Terito, nun concesionario de automóbiles. Ao falecer Otero, Barral continuaría co negocio, segundo sinalaron as investigacións posteriores.
Foi, durante 18 anos, alcalde do concello pontevedrés de Ribadumia polo PPdeG. Foi elixido alcalde tralas municipais de 1983, encabezando Alianza Popular e logrando a maioría absoluta. Revalidou a maioría nos comicios de 1987, 1991, 1995 e 1999. En outubro de 1998 anunciouse a súa retirada da carreira electoral en favor de Rafael Louzán. Porén, en abril de 1999 deu marcha atrás volvendo a encabezar a candidatura con Louzán de número 2.
Dimitiu en 2001 despois de ser detido, o 14 de maio, por contrabando de tabaco."El fiscal solicita 8 años de cárcel..." Faro de Vigo, 29/12/14 . Foi substituído na alcaldía por Salomé Peña Muñiz, número 3 da candidatura popular, e foi expulsado da formación política.
Candidatura de Independentes por Ribadumia Nas municipais de 2003 encabezou os Independentes por Ribadumiaː empatou a 5 concelleiros co PPdeG, encabezado pola súa sucesora, ao quedar a tan só 2 votos de gañarlle; o BNG obtivera o outro concelleiro, e Peña seguiu na alcaldía trala abstención do edil nacionalista. Volveu concorrer ás municipais de 2007, pero nesta ocasión o PPdeG logrou un resultado máis contundente e a maioría absoluta. Nas eleccións municipais de 2011, Independentes por Ribadumia non se presentou, tras unha escasa actividade ao longo da anterior lexislatura, aínda que volveu en 2015 encabezado por David Castro Mougán, sen unha influencia visible da Barral, e logrou a alcaldía grazas ao apoio dos grupos de esquerda.
Investigación No ano 1996 comezara ser investigado como sospeitoso por contrabando de tabaco. Como consecuencia, no 2001 prendérono trala incautación de máis de 400 000 caixas de tabaco en colectores no Porto de Vigo, e dimitiu da alcaldía; porén, aos poucos días foi posto en liberdade. Vinte e un anos despois da súa detención, no verán de 2022, recomezou o xuízo pendente pero, finalmente, suspendeuse pola enfermidade dun dos intervintes e a nova vista quedou fixada para decembro de 2022. O fiscal pedíalle 10 anos de prisión e 15 millóns de euros polas acusacións de contabando, suborno e asociación ilícita, se ben el declarouse inocente.
En 2016 xa fora condenado por defraudar a Facenda máis de 300 000 euros, logo de chegar a un acordo coa acusación. Nunca chegou a ser xulgado por mor da súa enfermidade, un cancro de colon, do que acabaría falecendo a finais de 2023.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Ribadumia
Categoría:Alcaldes de Ribadumia Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Nados en 1943 Categoría:Finados en 2023 Categoría:Nados en Ribadumia Categoría:Finados por cancro