San Martiño de Vilarrube é unha parroquia situada no oeste do concello de Valdoviño. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 323 habitantes (153 mulleres e 170 homes) distribuídos en 23 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2008 cando tiña 363 habitantes. Ten unha superficie de 6,2 km², cunha densidade de poboación de 52,1 hab./km². Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Patrimonio A igrexa de San Martiño de Vilarrube atópase localizada sobre unha ladeira, arrodeada de árbores no lugar de Adro. É un templo de estilo barroco con planta rectangular dunha soa nave cuberta con bóveda de canón, ábsida, dúas capelas laterais e sancristía. Destaca pola cor branca da súa fachada, que presenta unha torre campanario de planta circular e rematada por unha cúpula. Merece especial mención o retablo neogótico do seu altar maior, coas imaxes da Sagrada Familia e de San Martiño, patrón da igrexa.
O pazo de Vilarrube atópase sito nos arredores da igrexa de San Martiño, sobre o cumio dun monte dominando toda a enseada de Esteiro. É un edificio de grandes dimensións e planta irregular fundado polas familias Piñeiro e Maseda, cuxos escudos consérvanse na súa fachada. Merecen especial mención os xardíns que arrodean todo o edificio e a pequena ermida sita no seu interior, que garda un interesante retablo barroco. Na actualidade, é de propiedade privada, non podendo ser visitado.
A ponte de Porto de Cabo foi construída na época medieval e utilizada dende as súas orixes para salvar o río Porto de Cabo, de aí o seu nome. Posúe dous arcos de medio punto, un deles de menor medida, utilizado nos medres do río.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Vilarrube
Parroquias de Valdoviño
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Valdoviño
Categoría:Parroquias de Valdoviño Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Martiño