Virginie Despentes nada o 13 de xuño de 1969 en Nancy é unha escritora, directora de cine e pensadora feminista francesa.

Traxectoria Segundo os seus escritos, a súa traxectoria estivo marcada polo seu internamento nun hospital psiquiátrico de moi nova e o trauma dunha violación máis tarde.

Optou por unha vida alternativa e a experimentación, traballando en peep shows, en salóns de masaxe e como prostituta. Estas experiencias configuraron unhas posicións feministas contestatarias e orixinais moi libertarias contrarias á prohibición da prostitución ou a pornografía.

Algunhas das súas obras literarias foron base de películas transgresoras.

Pensamento Considera que a muller gañaría moito se deixase ao home acceder a unha paternidade activa en troques de aproveitarse do poder que lle confire política e socialmente a maternidade nos estados occidentais que avanzan cara a unha falsa igualdade.

No seu libro máis difundido, King Kong Théorie, expón que a sexualidade masculina é agresiva e dominadora e mesmo violenta (o propio do home é a violación). A violación é a representación crúa e directa do exercicio do poder masculino.

Anima á rebeldía, a berrar contra o que fai da muller vítima da visión masculina, exhorta a rachar coa imaxe de "boa rapaza" da sociedade ben pensante asumindo unha actitude que denomina como "proletaria da feminidade", pero asemade discrepa dos estereotipos feministas que considera que desprenden unha visión negativa da sexualidade e non valoran o encorsetamento e empobrecemento da personalidade dos homes por vérense forzados a asumir un papel propio do carácter viril dominador, pulsional e brutal.

Equipara a prostitución co traballo asalariado legal, non existe diferenza entre o sexo pagado e o sexo interesado propio do matrimonio ou das pensións froito do divorcio ou das relacións afectivas estables (sempre machistas). Para a muller occidental adaptada ao sistema o amor é un contrato económico implícito. Cando menos, segundo ela, moitas prostitutas manteñen a súa autonomía e a súa liberdade, alugan o seu corpo pero non o venden como fai a muller decente dos países desenvolvidos e supostamente igualitarios.

Mantén unha visión negativa das mulleres con poder nos países do primeiro mundo, pois as ve como mulleres que se saben acomodar aos desexos masculinos e que reproducen condutas de dominación e que compiten polo favor e admiración dos seus opresores masculinos (Así é como acabamos vixiándonos e xulgándonos unhas ás outras).

Defende o lesbianismo como liberador das esixencias escravizantes que comporta agradar os homes e do medo á decrepitude propia da vellez.

Obra Novelas 1994: Baise-moi, Florent Massot 1996: Les Chiennes savantes, Florent Massot 1998: Les Jolies Choses, Grasset. 2002: Teen Spirit, Grasset. 2002: Trois étoiles (novela gráfica), xunto con Nora Hamdi, Au diable vauvert. 2004: Bye Bye Blondie, Grasset. 2010: Apocalypse Bébé, Grasset. 2015: Vernon Subutex, 1, Grasset. 2015: Vernon Subutex, 2, Grasset. 2017: Vernon Subutex, 3, Grasset. 2022: Cher connard, Grasset.

Ensaio 2006: King Kong Théorie, Grasset. 2015: French Lover, xunto con Paul B. Preciado, Au Diable vauvert.

Cine Virginie Despentes guionizou e co-dirixiu con Coralie Trinh Thi, a película Baise-moi, baseada ea novela Fóllame, no ano 2000. A película acaparou a atención do Festival de Cannes pero foi repudiada por organizacións francesas conservadoras que lograron que fora botada do cine, cualificada para maiores de 18 e confinada a reproducirse nos cines Triple X.

Traducións Teoría King Kong (2022). Tradución directa do francés de Raquel Senra. Hércules de Edicións.

Notas

Categoría:Directores de cinema de Francia Categoría:Escritores de Francia Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados en Nancy Categoría:Feministas de Francia Categoría:Vítimas de violencia de xénero Categoría:Escritores de literatura erótica