A Guerra dos Ósos (), tamén coñecida como a Gran Carreira dos Dinosauros () foi un período de intensa competición na procura de descubrimentos de fósiles durante a Idade Dourada dos Estados Unidos, marcado por unha acalorada rivalidade entre Edward Drinker Cope da Academia de Ciencias Naturais de Filadelfia, e Othniel Charles Marsh do Museo Peabody de Historia Natural de Yale. Estes dous paleontólogos empregaron métodos deshonestos para superarse o un ó outro, recorrendo a subornos, roubos e destrución de ósos. Estes dous investigadores tamén se atacaron mutuamente en obras científicas, procurando arruinar a credibilidade do seu rival para deixalo sen financiamento.

Inicialmente Cope e Marsh eran colegas que se trataban de maneira educada, pero tras diversas disputas persoais convertéronse en inimigos acérrimos. A súa procura de ósos levounos ó oeste, ós ricos sitios paleontolóxicos de Colorado, Nebraska e Wyoming. Entre os anos 1877 e 1892 ámbolos dous utilizaron o seu patrimonio e a súa influencia para financiar as súas propias expedicións e obter os servizos e ósos de dinosauros de cazadores de fósiles. Ó final da Guerra dos Ósos, os dous esgotaran o seu patrimonio na procura da supremacía paleontolóxica.

Cope e Marsh quedaron económica e socialmente arruinados polos seus esforzos para superar e deshonrar ó contrario, mais realizaron importantes contribucións á ciencia e á disciplina da paleontoloxía e forneceron unha cantidade substancial de material para traballos posteriores, deixando unha gran cantidade de caixas de fósiles sen abrir tralas súas mortes. Os seus traballos levaron ó descubrimento e descrición formal de máis de 136 novas especies de dinosauros. A Guerra dos Ósos tivo como resultado un incremento no coñecemento da vida prehistórica e espertou o interese do público polos dinosauros, dando lugar a unha continuación nas escavacións de fósiles en Norteamérica durante as décadas posteriores. Publicáronse tamén unha considerable cantidade de libros históricos e adaptacións de ficción sobre este período de intensa actividade paleontolóxica.

Historia Contexto Durante un certo tempo Cope e Marsh mantiveron unha amizade. Coñecéronse en Berlín en 1864 e pasaron varios días xuntos como colegas. Chegaron incluso a nomear especies en honor mutuo. Co paso do tempo a súa relación empeorou, debido en parte ó carácter temperamental de ámbolos dous. Cope era coñecido por ser belicoso e tiña un temperamento irascible, mentres que Marsh era máis pausado, metódico e introvertido, e ámbolos dous eran combativos e desconfiados. As súas diferenzas estendéronse ó plano científico, xa que Cope era un firme defensor do neolamarckismo, mentres que Marsh apoiaba a teoría da evolución por selección natural de Charles Darwin. Incluso no mellor momento da súa relación persoal, tiñan unha tendencia a desprezarse sutilmente. En palabras dun observador externo: "O patricio Edward podería considerar que Marsh non era exactamente un cabaleiro. O académico Othniel probablemente consideraba a Cope como non moi profesional".

Cope e Marsh tiñan orixes moi diferentes. Cope naceu no seo dunha rica e influente familia de cuáqueros con orixe en Filadelfia. Malia que seu pai quería que Cope traballara como granxeiro, este distinguiuse como naturalista. En 1864, sendo xa membro da Academia das Ciencias Naturais, Cope comezou a traballar como profesor de zooloxía no Haverford College e uniuse a Ferdinand Hayden nas súas expedicións cara ó oeste. Por outra banda, Marsh, fillo dunha familia con poucos recursos procedente de Lockport, Nova York, tería crecido na pobreza de non ser pola axuda de seu tío, o filántropo George Peabody. Marsh persuadiu ó seu tío para que construíse o Museo Peabody de Historia Natural, quedando el como director do museo. Isto combinado coa herdanza que recibiu de Peabody cando este morreu no ano 1869, fixo posible que Marsh gozase dunha cómoda posición financeira aínda que, debido en parte á visión estrita que tiña seu tío do matrimonio, Marsh permaneceu solteiro toda a súa vida.

miniatura|300px|Versión de Cope do Elasmosaurus coa cabeza colocada no extremo incorrecto. Nunha ocasión os dous científicos marcharon nunha expedición de recolección de fósiles nos pozos de marga de Cope en Nova Jersey, onde William Parker Foulke descubrira o espécime holotipo do dinosauro Hadrosaurus foulkii, descrito polo paleontólogo Joseph Leidy (baixo a dirección do cal Cope estudara anatomía comparada). Este foi un dos primeiros descubrimentos de dinosauros nos Estados Unidos, e os pozos eran ricos en fósiles. Ao finalizar esta expedición Marsh subornou en segredo os operadores dos pozos para que lle levaran a el os fósiles que descubrisen nun futuro, en lugar de levarllos a Cope. Ámbolos dous comezaron a atacarse mutuamente en diversos artigos e publicacións, deteriorando a súa relación persoal. Marsh procurou humillar a Cope indicando que a súa reconstrución do plesiosaurio Elasmosaurus era defectuosa, coa cabeza situada onde tería que ir a cola. Ó mesmo tempo Cope empezou a buscar ósos no que Marsh consideraba o seu terreo privado en Kansas e Wyoming, o que empeorou aínda máis a súa relación.

1872-1877: primeiras expedicións Na década de 1870 a atención profesional de Cope e Marsh dirixiuse cara ó oeste estadounidense por mor das novas sobre grandes descubrimentos de fósiles. Utilizando a súa influencia en Washington, Cope conseguiu un posto no Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos baixo as ordes de Ferdinand Hayden. Malia que este posto non estaba remunerado, ofreceulle a Cope unha grande oportunidade para recoller fósiles no oeste e publicar os seus achados. A habilidade de Cope para escribir de maneira dramática compracía a Hayden, quen necesitaba causar unha impresión popular cos informes oficiais do Servizo. En xuño de 1872 Cope partiu na súa primeira viaxe, co plan de observar por si mesmo as capas fosilíferas do Eoceno de Wyoming. Isto provocou un distanciamento entre Cope, Hayden e Leidy. Fora Leidy quen recibira gran parte dos fósiles das coleccións de Hayden ata que Cope entrou no servizo, e agora Cope comezaba a procurar fósiles no territorio que xa reservara o propio Leidy. Hayden intentou aliviar a tensión con Leidy por medio dunha carta:

Cope levou consigo a súa familia ata Denver, mentres que Hayden intentaba evitar que Cope e Leidy fixesen prospeccións na mesma zona. Seguindo unha pista dada polo xeólogo Fielding Bradford Meek, Cope tiña a intención de investigar tamén os informes de ósos que Meek atopara preto da estación de tren de Black Buttes. Cope encontrou o lugar e os restos esqueléticos dun dinosauro ó que denominou Agathaumas sylvestris. Crendo que contaba co pleno apoio de Hayden e do servizo, Cope viaxou ata Fort Bridger en xuño, descubrindo ó chegar que non tiña os homes, carros, cabalos e equipamento que esperaba encontrar alí. Cope reuniu un equipo pagado por el mesmo, que consistía en dous carreteiros, un cociñeiro e un guía, xunto con tres homes de Chicago que estaban interesados en estudar con el. Finalmente, resultou que dous dos homes de Cope eran empregados de Marsh. Cando o paleontólogo rival descubriu que os seus homes estaban aceptando diñeiro de Cope, púxose furioso. Aínda que estes homes intentaron asegurarlle a Marsh que aínda traballaban para el (un deles suxeriu que aceptou o traballo para arredar a Cope dos mellores fósiles), a preguiza de Marsh á hora de chegar a acordos en firme e de facer pagamentos puido incitalos a buscar outro traballo. A viaxe de Cope levou a expedición a través de terreos agrestes que só Hayden recoñecera previamente, descubrindo decenas de novas especies. Mentres tanto, un dos homes de Marsh envioulle unha parte do seu material a Cope por equivocación. Cando recibiu os fósiles, Cope devolveullos a Marsh, pero este incidente danou aínda máis a súa relación.

miniatura|esquerda|Marsh (no centro da fila traseira), rodeado por axudantes armados. Marsh non pasaba moito tempo no campo, e adoitaba delegar esta tarefa nos seus axudantes. En 1872 remataron os finximentos de cordialidade entre os dous, e na primavera de 1873 comezaron as hostilidades abertas. Naquel momento Leidy, Cope e Marsh estaban realizando importantes descubrimentos de réptiles e mamíferos prehistóricos nas capas fosilíferas do oeste ó mesmo tempo. Os paleontólogos tiñan o costume de enviar telegramas escritos apresuradamente ó leste para describir os seus achados, publicando as descricións máis completas só cando volvían das súas viaxes. Entre os novos exemplares descritos estaban os Uintatherium, Loxolophodon, Eobasileus, Dinoceras e Tinoceras. Porén, gran parte destes achados non eran diferentes dos demais, e de feito Cope e Marsh sabían que algúns dos fósiles que estaban a recoller xa foran descubertos anteriormente por outros. Finalmente resultou que moitos dos nomes de Marsh foron válidos, mentres que ningún dos de Cope o foi. Marsh tamén situou as novas especies dentro dunha nova orde de mamíferos denominada Cinocerea. Cope quedou humillado e era incapaz de deter os cambios do seu rival. No seu lugar publicou un estudo analítico de grande alcance onde propuxo un novo modelo de clasificación para os mamíferos do Eoceno, no que descartaba os xéneros de Marsh en favor dos seus. Marsh non cedeu e continuou afirmando que todos os nomes que Cope propuxo para os Dinocerata eran incorrectos.

miniatura|upright|Marsh e o xefe lakota Nube Vermella en New Haven, Connecticut, 1880 Ó mesmo tempo que discutían sobre a clasificación e a nomenclatura, volveron ó oeste en busca de máis fósiles. Marsh fixo a súa última viaxe patrocinada por Yale en 1873, cun grupo de trece estudantes e protexido por un grupo de soldados que querían facer unha demostración de forza á tribo dos síux. A causa das preocupacións xeradas polas súas expedicións máis caras de anos anteriores, Marsh fixo que os estudantes pagasen os seus propios gastos, polo que a viaxe só lle custou a Yale uns 1857,50 $, unha cifra moi inferior ós 15 000 $ que Marsh solicitara na súa anterior expedición. Esta expedición sería a última de Marsh, xa que durante o resto da Guerra dos Ósos preferiu contratar os servizos de buscadores locais. Aínda que tiña suficientes ósos como para pasar anos estudándoos, o seu desexo de conseguir máis fósiles seguiu en aumento. Cope foi aínda máis prolífico na súa recolección de ósos nesta tempada que na de 1872, aínda que a tendencia de Marsh de contratar buscadores de forma exclusiva provocou que o seu rival fose considerado persona non grata en Bridger. Canso de traballar ás ordes de Hayden, Cope conseguiu un traballo remunerado co Corpo de Enxeñeiros, aínda que se viu limitado por esta asociación. Mentres que Cope tiña que seguir as rutas e lugares marcados por esta entidade para as prospeccións, Marsh podía procurar fósiles sen este tipo de restricións.