O Far-Eastern blot é unha técnica desenvolvida en 1994 por Taki e colegas na Universidade Médica e Dental de Tokio, Xapón para a análise de lípidos separados por cromatografía en capa fina de alto rendemento (HPTLC). Os lípidos son transferidos desde a placa de HPTLC a unha membrana de polivinilideno difluoruro (PVDF) para facer unha ulterior análise, por exemplo por medio de ensaios de unión de ligandos ou encimáticos ou por espectrometría de masas.

O colesterol, os glicerofosfolípidos e os esfingolípidos son os principais constituíntes da membrana plasmática e en certos casos funcionan como un segundo mensaxeiro na proliferación celular, apoptose e adhesión celular na inflamación e metástases de tumores. O far-eastern blot foi establecido como un método para transferir lípidos desde a placa de HPTLC á membrana de PVDF en só un minuto. Foron tamén estudadas as súas aplicacións con outros métodos. O far-eastern blot permite realizar as seguintes técnicas: Purificación de glicoesfingolípidos e fosfolípidos. Análise estrutural de lípidos en conxunción con espectrometría de masas directa. Estudo de unión de moléculas utilizando varios ligandos como anticorpos, lectinas, bacterias, virus, e toxinas. Reacción de encimas sobre membranas.

Con este método son posibles non só as análises de lípidos senón tamén as de metabolitos de fármacos e compostos naturais de plantas e hormonas ambientais.

Nome A técnica de blotting inicial foi a Southern blot, que recibiu o seu nome polo científico Edwin Southern. Despois apareceron outras técnicas que foron bautizadas con nomes xeográficos facendo un xogo de palabras co apelido Southern. No caso do far-eastern blot faise unha referencia á técnica do eastern blot e ao concepto xeográfico do "Far East" ou Oriente Distante, zona xeográfica onde está incluído Xapón, onde se inventou a técnica.

Notas

Categoría:Técnicas de bioloxía molecular