A tartaruga común, tamén coñecida como tartaruga mariña comúnConde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega. (Caretta caretta) é unha especie de tartaruga mariña pertencente á familia Cheloniidae. Habita no océano Atlántico, Pacífico e Índico, e no Mediterráneo. Tamén se pode ver polas costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia). Actualmente é a única especie do xénero Caretta. Pasa a maior parte da súa vida en hábitats mariños e estuarios, e a femia só sobe brevemente á praia para desovar. Ten unha baixa taxa de reprodución; as femias fan como media catro postas de ovos e logo pasan por un período de quiescencia no cal non poñen ovos durante dous ou tres anos. Chega á madureza sexual entre os 17 e os 33 anos e ten unha lonxevidade de 47 a 67 anos.
As tartarugas adultas miden como media uns 90 cm de longo e teñen un peso medio de 135 kg, aínda que tamén se rexistraron exemplares máis grandes cunha lonxitude de ata 213 cm e un peso de ata 545 kg. A cor da pel varía desde amarelo a marrón, e a coiraza (cuncha) é tipicamente marrón–avermellada. A diferenza máis clara entre machos e femias adultos é que os machos teñen colas máis grosas e plastróns máis curtos que as femias. Non hai dimorfismo sexual entre femias e machos xuvenís.
É unha especie omnívora, que se alimenta principalmente de invertebrados que viven no leito mariño. As súas mandíbulas son grandes e poderosas e serven como unha ferramenta eficaz para desfacer as presas. As tartarugas neonatas teñen numerosos depredadores e os ovos son especialmente vulnerables a depredadores e organismos terrestres. Unha vez que alcanzan a idade adulta, o seu gran tamaño fai que os seus depredadores se limiten basicamente aos tiburóns.
É considerada unha especie en perigo de extinción pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Os aparellos de pesca desatendidos son responsables de moitas mortes entre as tartarugas mariñas, incluíndo C. caretta. Tamén poden afogarse cando quedan atrapadas en redes de arrastre. Para reducir a mortalidade, utilízanse redes con dispositivos que exclúen as tartarugas mariñas, que lles proporcionan unha vía de escape se quedan atrapadas nas redes. A perda de praias de desove axeitadas e a introdución de depredadores exóticos tamén afectan ás poboacións de C. caretta. Os esforzos de conservación requiren a cooperación internacional, xa que estas tartarugas vagan por vastas áreas e porque as praias de desove esenciais para a súa reprodución están espalladas por moitos países.
Taxonomía Linneo foi o primeiro que lle deu a esta especie o seu nome binomial, Testudo caretta, en 1758. Durante os dous séculos seguintes, xurdiron outros trinta e cinco nomes, entre os cales está o nome Caretta caretta suxerido por Leonhard Stejneger en 1902. C. caretta pertence á familia Cheloniidae, que comprende todas as tartarugas mariñas, agás a tartaruga de coiro. A clasificación subespecífica de C. caretta é obxecto de debate, mais a maioría dos autores considera que é unha soa especie polimórfica. Estudos de xenética molecular confirmaron que existe hibridación entre C. caretta e Lepidochelys kempii (tartaruga mariña pequena), Eretmochelys imbricata (tartaruga carei) e Chelonia mydas (tartaruga verde). Aínda que non se determinou o grao de hibridación natural entre elas, existen informes dunha segunda xeración de híbridos, o que indica que algúns híbridos son fértiles.
Hábitat C. careta pasa a maior parte da súa vida no mar e en augas costeiras de pouco fondo. Rara vez sobe a terra, con excepción de breves visitas das femias para escavar niños e depositar os seus ovos. Os neonatos viven en bancos flotantes de algas Sargassum. Os adultos e xuvenís viven ao longo da plataforma continental, e nos estuarios costeiros pouco profundos. No océano Atlántico noroccidental, a idade inflúe na preferencia por un tipo de hábitat. Os xuvenís atópanse máis frecuentemente nos estuarios pouco profundos e teñen menos acceso ao mar aberto en comparación cos adultos que non aniñan. Fóra da tempada de desove, viven en augas mariñas con temperaturas superficiais que oscilan entre 13,3 °C e 28,0 °C. Para as femias aniñadoras as temperaturas axeitadas están entre 27 °C e 28 °C.
Os xuvenís comparten o seu hábitat entre os sargasos cunha variedade de organismos. Os bancos de Sargassum tamén son o hábitat dunhas 100 especies de animais que constitúen as presas das que se alimentan as tartarugas inmaturas. Algunhas das presas son insectos que son transportados polo vento a esas zonas. Presas endémicas dos bancos de Sargassum son os percebes, pequenas larvas de cangrexos, ovos de peixes e colonias de hidrozoos.
Distribución
miniatura|dereita|300px|Mapa de distribución de C. caretta.
C. careta ten unha distribución cosmopolita, e reprodúcese no rango xeográfico máis amplo de todas as tartarugas mariñas. Habita no océano Atlántico, Índico e Pacífico e no mar Mediterráneo. Foi rexistrada nas costas galegas, onde é a tartaruga mariña máis fácil de ver (as máis das veces exemplares mortos que chegan ás praias).
No océano Atlántico, a maior concentración prodúcese ao longo da costa sueste de América do Norte e no golfo de México. Son moi poucas as que viven ao longo das costas atlánticas europeas e africanas. O sitio de desove máis frecuentado é Florida, con máis de 67.000 niños ao ano. As zonas de desove esténdense polo norte ata Virxinia, e polo sur ata o Brasil, e polo leste a Cabo Verde. A illas de Cabo Verde son o único sitio de desove significativo no lado oriental do Atlántico. No Atlántico a zona de alimentación esténdese dende o Canadá ata o Brasil.
No océano Índico, procura alimento ao longo das costas de África, da península Arábiga e do mar Arábigo. Na costa africana, aniña desde o arquipélago de Bazaruto en Mozambique ata o estuario de Santa Lucia en Suráfrica. O maior sitio de desove no océano Índico é Omán na península Arábiga, que alberga arredor de 15.000 niños, e representa a segunda zona de desove en importancia de tartarugas mariñas comúns no mundo. A costa de Australia Occidental é outra área de desove notable, con de 1.000 a 2.000 niños ao ano. No océano Pacífico viven en zonas temperadas e tropicais. Aliméntanse no mar da China Oriental, o Pacífico suroccidental, e ao longo da península de Baixa California. As principais zonas de desove atópanse no leste de Australia e no Xapón; a Gran Barreira de Coral australiana é considerada unha importante zona de desove.C.Michael Hogan. 2011. Coral Sea. Encyclopedia of Earth. Eds. P. Saundry & C.J.Cleveland. National Council for Science and the Environment. Washington DC Ocasionalmente aniñan en Vanuatu e Tokelau. A illa de Yakushima é o sitio máis importante, con tres zonas de desove que son visitadas polo 40% de todas as tartarugas mariñas comúns da área. Despois de aniñar, as femias adoitan buscar alimentos no mar da China Oriental, mentres que a zona de bifurcación da extensión da corrente de Kuroshio ofrece importantes zonas de alimentación para os neonatos e xuvenís. As poboacións do Pacífico oriental concéntranse na costa de Baixa California, onde o afloramento oceánico crea zonas de alimentación para as tartarugas xuvenís e subadultas. Ao longo da cunca do Pacífico oriental os sitios de desove son raros. A análise de polimorfismo de secuencias de ADNmt e os estudos de seguimento indican que o 95% da poboación das costas do Pacífico americanas nacen nas illas xaponesas do Pacífico occidental. As tartarugas son transportadas polas correntes predominantes a través de todo o Pacífico norte, o que constitúe unha das rutas de migración máis longas entre os animais mariños. Sospeitábase desde hai moito tempo que fan a viaxe de regreso ás praias natais do Xapón, malia que teñen que atravesar unha área de augas pouco fértiles con poucas oportunidades de alimentación. A primeira proba da existencia da viaxe de retorno proviña dunha femia adulta, equipada cun dispositivo de seguimento por satélite, que fixo a viaxe de 14.500 km a través do Pacífico desde México en 1996, que foi o primeiro animal que foi seguido cruzando toda unha cunca oceánica.
O mar Mediterráneo é unha gardería para os xuvenís, e un lugar frecuentado polos adultos en primavera e verán. Case o 45% da poboación xuvenil do Mediterráneo orixinouse no océano Atlántico. As áreas de alimentación encóntranse principalmente no mar de Alborán e no Adriático. A principal zona de desove do Mediterráneo é Grecia, con máis de 3.000 niños por ano. As costas de Chipre e Turquía son tamén sitios de desove comúns.
Historia evolutiva Aínda que se carece de probas concretas, as tartarugas mariñas actuais probablemente teñen un antepasado común que se remonta ao Cretáceo. Igual que todas as outras tartarugas mariñas, agás a tartaruga de coiro, a tartaruga mariña común pertence á antiga familia Cheloniidae que apareceu hai 40 millóns de anos. Das seis especies de Cheloniidae existentes, a tartaruga mariña común está máis estreitamente relacionada coa Lepidochelys kempii (tartaruga mariña pequena), Lepidochelys olivacea e a Eretmochelys imbricata (tartaruga carei) que coa Natator depressus e a Chelonia mydas (tartaruga verde].
Hai aproximadamente tres millóns de anos, durante a época do Plioceno, América Central emerxeu do mar, comunicando as dúas Américas e illando as correntes mariñas que circulaban entre o Atlántico e o Pacífico. O desvío das correntes oceánicas deu lugar a cambios climáticos e a Terra entrou nun ciclo glacial. O afloramento de auga fría que pasa polo cabo de Boa Esperanza en África e a redución da temperatura da auga no cabo de Fornos formaron barreiras de auga fría que impediron a migración das tartarugas. Isto tivo como resultado o illamento completo das poboacións do Atlántico e as do Pacífico. Durante a era glacial máis recente, as praias do sueste de América do Norte eran demasiado frías para os ovos das tartarugas mariñas. A medida que a Terra comezou a quentarse, as tartarugas mariñas comúns ampliaron a súa área de distribución cara ao norte, colonizando as praias do norte. Debido a isto, as tartarugas que aniñan entre Carolina do Norte e o norte de Florida representan unha poboación xeneticamente diferente das do sur de Florida.
As distintas poboacións de tartarugas mariñas comúns teñen diferenzas xenéticas e características únicas. Por exemplo, as do Mediterráneo son máis pequenas, como media, que as do océano Atlántico. As do Atlántico Norte e do Mediterráneo son descendentes de colonizadores orixinarios de Maputalandia en Suráfrica, e os xenes destes colonizadores surafricanos aínda están presentes nas poboacións actuais.
Anatomía e morfoloxía
miniatura|dereita|Coiraza da tartaruga mariña común de cor marrón avermellada, con cinco escudos vertebrais que corren pola liña media da tartaruga rodeados por cinco pares de escudos costais. A tartaruga mariña común é a tartaruga con coiraza ou cuncha dura máis grande do mundo (a tartaruga de coiro é meirande pero non ten coiraza dura). Os adultos teñen un peso medio entre 80 e 200 kg e unha lonxitude de 70 a 95 cm. O peso máximo rexistrado é de 545 kg e a lonxitude máxima rexistrada da coiraza é de 213 cm. A cabeza e a parte superior da coiraza (espaldar) ten unha cor que pode variar desde amarelo alaranxado ata marrón avermellado, mentres que o plastrón (parte inferior) é tipicamente de cor amarela clara. O pescozo e os costados da tartaruga son de cor marrón na parte superior e amarela nos lados e parte inferior.