A tenascina C é unha glicoproteína da matriz extracelular que nos humanos está codificada no xene TNC situado no cromosoma 9. Exprésase en varios tecidos durante o desenvolvemento na súa matriz extracelular, e en casos de certas doenzas e lesións, e en áreas neuroxénicas restrinxidas do sistema nervioso central. A tenascina C é o membro fundador da familia xénica da tenascina. No embrión é producida por células migrantes como as da crista neural, e tamén é abondosa en tendóns, ósos e cartilaxes.

Xene e expresión

O xene da tenascina C humana, TNC, está localizado no cromosoma 9 na banda citoxénica situada en 9q33. Toda a rexión codificante da familia da tenascina ten unha lonxitude dunhas 80 kb e tradúcese en 2203 aminoácidos.

A expresión da tenascina C é distinta durante o desenvolvemento que durante a vida adulta. A súa expresión é alta durante a embrioxénese e exprésase brevemente durante a organoxénese, pero nos órganos xa desenvolvidos a súa expresión está ausente ou dáse en cantidades traza. A tenascina C está regulada á alza en condicións patolóxicas causadas por inflamación, infección, tumorixénese, e en sitios que sofren particulares forzas biomecánicas.

A regulación da tenascina C é inducida ou reprimida por varios factores diferentes que se expresan en tecidos embrionais, e en tecidos adultos durante a súa remodelación, ou cando sofren lesións e neoplasias. O TGF-β1, factor de necrose tumoral-α, interleucina-1, factor de crecemento nervioso, e factor de crecemento do queratinocito son factores que regulan a tenascina C. Outros compoñentes da matriz extracelular como as metaloproteínas de matriz e as integrinas son tamén coexpresadas frecuentemente xunto coa tenascina C.

No desenvolvemento do sistema nervioso central, a tenascina C está implicada na regulación da proliferación de células precursoras dos oligodendrocitos e astrocitos. A expresión da tenascina C pola glía radial precede o comezo da glioxénese, durante a cal se pensa que impulsa a diferenciación dos astrocitos. No cerebro adulto, a expresión da tenascina C está regulada á baixa excepto en áreas que manteñen a neuroxénese durante a vida adulta e no hipotálamo. A tenascina C está tamén presente en lesións do sistema nervioso central e en gliomas.

Estrutura

A tenascina C é unha glicoproteína oligomérica composta de polipéptidos individuais con pesos moleculares que van de 180 a ~300 kDa. A familia de proteínas da tenascina comparte un patrón estrutural similar. Estes módulos similares conteñen repeticións de héptada, repeticións de tipo EGF, dominios de fibronectina tipo III, e un dominio C-terminal globular compartido cos fibrinóxenos. Estes módulos proteicos están dispostos como as perlas dun colar e dan lugar a unhas moléculas longas e estendidas. Na rexión N-terminal as tenascinas teñen un dominio de oligomerización que no caso da tenascina C causa a formación de hexámeros. As tenascinas C e R sofren empalme alternativo. Nos humanos a tenascina C ten, ademais das oito repeticións constantes, nove repeticións extra suxeitas a empalme alternativo. Isto ten como resultado unha multitude de subunidades de tenascina C que difiren no número e identidade das repeticións do dominio de fibronectina de tipo III.

Interaccións

A tenascina C presenta interaccións coa fibronectina. Esta interacción ten a potencialidade de poder modificar a adhesión celular. Unha interacción en estado sólido entre a fibronectina e a tenascina C orixina unha regulación á alza na célula da expresión de metaloproteinase de matriz.

A tenascina C actúa tamén cun ou máis receptores de TN-C nas células, que activan e reprimen a mesma vía de transdución de sinais. Un exemplo destas interaccións é a adhesión de células de carcinoma SW80 á terceira repetición de fibronectina tipo III (FN-III) da tenascina C por medio do receptor de integrina αvβ3, que produce a extensión da célula, a fosforilación da quinase de adhesión focal, a paxilina e a ERK2 MAPK, e a proliferación celular. En contraste, cando estas mesmas células usan integrinas α9β1 ou αvβ6 para adherirse á mesma terceira repetición de fibronectina de tipo III, atenúase a extensión da célula e a activación deses mediadores de sinalización e suprímese o crecemento celular.

Función

A tenascina C é unha proteína moi diversa que pode realizar diferentes funcións no mesmo tipo celular. Este conxunto de funcións é realizado por medio de empalme alternativo dos ARNm e tamén como activación temporal da vía de transducións de sainais ou de xenes diana en diferentes estadios do crecemento ou diferenciación. A tenascina C clasifícase como unha proteína moduladora da adhesión, porque se atopou que inhibe a adhesión celular á fibronectina.

Moitos dos estudos funcionais realizáronse en varios modelos de ratos knockout para a tenascina C. A tenascina C desempeña claramente un papel na sinalización celular como se pon en evidencia pola súa capacidade de ser inducida durante eventos como traumas, inflamación, ou desenvolvemento de cancro. Ademais, a tenascina C é importante na proliferación da regulación celular e na migración, especialmente durante a diferenciación no desenvolvemento e na curación de feridas.

Importancia clínica A tenascina C estase investigando como potencial biomarcador para diversas doenzas como a miocardite e distintas formas de cancro. As súas numerosas implicacións no funcionamento e sinalización celular fan que a tenascina C sexa unha proteína que se estuda moito para o desenvolvemento de novas terapias e métodos de detección. En recentes traballos observouse que a tenascina C inhibía a infección polo VIH en células inmunitarias ao unirse a un sitio correceptor de quimiocina na proteína de envoltura do VIH-1, o que bloquea a entrada do virus nas células hóspedes.

Papel no cancro A tenascina C está implicada en varios tipos de cancros como os osteosarcomas, condrosarcomas, cancro de vexiga, e glioblastomas. En células de glioblastoma, a expresión da tenascina C ten moita importancia clínica e funcional para a prognose do cancro e a progresión do tumor. O conxunto endóxeno de isoformas da tenascina C nos gliomas sostén a proliferación das células tumorais e a súa migración. Como a tenascina C é esencial para a supervivencia destas diversas formas de cancro, a expresión de tenascina C podería ser un potencial biomarcador para a detección do cancro. Ademais, os anticorpos de tenascina C foron utilizados para diagnosticar e crear terapias para moitos tipos de cancro.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Proteínas da matriz extracelular Categoría:Proteínas