María Xosé Agra Romero, nada o 11 de febreiro de 1956 en Santiago de Compostela, é unha filósofa galega especializada na área de filosofía política. A súa obra céntrase, fundamentalmente, no estudo das teorías da xustiza e na teoría crítica feminista. É catedrática de Filosofía Moral e Política pola Universidade de Santiago de Compostela. É recoñecida como unha das máis salientables filósofas feministas españolas. Forma parte da comisión de xénero do Consello da Cultura Galega e coordina a súa comisión de igualdade. Á súa vez, coordina o Grupo de Investigacións da USC “Xustiza e Igualdade” e é compoñente do Centro de Investigacións Feministas e Estudos de Xénero (CIFEX) da mesma universidade.
Traxectoria
Primeiros anos María Xosé Agra Romero naceu en Santiago de Compostela o 11 de febreiro de 1956. Comezou a súa formación educativa no céntrico instituto compostelán IES Rosalía de Castro, onde foi alumna de Gonzalo Anaya, quen incentivou o seu gusto pola reflexión e comprensión do mundo. Esta influencia, xunto co seu gusto polo grego e a escisión da Filosofía do grao de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, impulsouna a decantarse por ditos estudos na súa cidade natal.
Dende o bacharelato alternou a vida académica co activismo sindical, enrolándose en organizacións como Larga Marcha, entre outras, nas que xa comezaba a facer tamén achegas dende a perspectiva de xénero. Agra describe o seu período estudantil como un tempo convulso, no que foi testemuña e partícipe de manifestacións e diversas loitas contra a ditadura que remataron co fin da mesma no 1975, ano no que a autora se atopaba no ecuador da súa titulación universitaria.
Formación universitaria Comezou os seus estudos na Facultade de Filosofía no curso 1973-1974, na primeira promoción de dita titulación en Galicia. Nestes anos centrouse na lectura e no estudo autodidacta, sobre todo en autores de índole marxista como Alexandra Kollontai, Flora Tristán e Josep Ferrater Mora. Profundou tamén na lectura e estudo de clásicos como Hegel e Marx.
En 1978 rematou os seus estudos universitarios coa pretensión de dedicarse á docencia en institutos, chegando incluso a ser contratada para dar filosofía en COU no colexio Doña Emma. En xullo de 1979 presentouse a unha vacante de axudante na Facultade de Filosofía.
En 1981 presentou unha tese de licenciatura centrada en Geoffrey Warnock e o cambio que se estaba operando naquel tempo no seo da filosofía analítica con respecto á crítica do positivismo. Tres anos máis tarde coincidiu academicamente con José Montoya, quen sería o seu director de tese e unha das súas maiores influencias. A súa tese de doutoramento, El significado de la teoría ética de J. Rawls (1984), é un estudo sobre a Teoría da Xustiza de John Rawls, publicada orixinalmente en 1971, no que relaciona ó pensador norteamericano con Warnock. De feito, Agra foi das primeiras lectoras e revisoras de Rawls en España dentro do ámbito da filosofía, xunto con Fernando Vallespín. Por este traballo doutoral recibiu a máxima distinción cum laude.
Primeira etapa de docencia e investigación: anos 80 e principios dos noventa En 1983 comezou a impartir clases na Universidade de Santiago de Compostela como profesora colaboradora, e en 1986 conseguiu a praza de titular de profesora de filosofía política, ética e socioloxía na mesma institución. Foi tamén por esta época que Agra forxou unha forte relación académica coa autora e teórica feminista española Cèlia Amorós Puente. Ambas pensadoras entraron en contacto no contexto dun congreso de filosofía ética en Madrid. Posteriormente, Agra foi convidada por Amorós a traballar no seminario Feminismo e Ilustración.
De 1991 a 1994 foi presidenta da Comisión da Biblioteca da USC, levando a cabo o proceso de automatización de dita biblioteca. Durante este inicio do primeiro lustro da década tamén participou en libros colectivos Convicciones políticas e responsabilidades éticas (1990), Filosofía Política. Razón e Historia (1991) e Concepciones de la Ética. Enciclopedia Iberoamericana de Filosofía (1992).
Segunda etapa de docencia e investigación: finais dos 90 e século XXI. Nestes anos, e ata a súa xubilación académica en 2020, construíu relacións profesionais e participou en intercambios filosóficos e culturais alén do panorama académico compostelán e español. Participou coa Universidade Autónoma Metropolitana de México (UAM) nos congresos que posteriormente conformaron as bases da creación da que sería durante vinte anos a Revista Internacional de Filosofía Política, publicada por vez primeira no ano 1993. Xa nos primeiros anos do século XXI, a autora tamén se dedicou a establecer relacións co Instituto de Filosofía do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de Madrid, co Grupo de Filosofía e Xénero de Cataluña, fundado por Fina Birulés e Rosa Rius; e coa Universidade do Minho. Nesta institución impartiu docencia en programas de periodicidade bianual.
En 2004 entrou a formar parte da Comisión de Pensamento do Consello da Cultura, coordinada por Torres Queiruga. Dentro desta comisión, colaborou na posta en marcha da Comisión Técnica de Xénero e Igualdade. Un ano máis tarde, en 2005, tamén participou na constitución da Comisión de Xénero, esta vez xa desligada da Comisión de Pensamento. Nesta comisión desempeñou as funcións de coordinadora até 2013.
En 2005 realizou unha estadía na London School of Economics and Political Science con Anne Phillips, teórica marxista feminista. Durante os tres meses que residiu en Londres centrouse na investigación destinada á elaboración do texto de defensa da cátedra universitaria. En 2006 habilitouse como catedrática de Universidade e en 2007 conseguiu a cátedra perante o tribunal integrado por Francisco Quesada, José Montoya, Victoria Camps, Cèlia Amorós e Esperanza Guisán.
Xubilouse en 2020, sendo nomeada socia de honra da Sociedade Española de Ética e Filosofía Política. Dirixiu 13 teses de doutoramento. Na actualidade continúa coa investigación filosófica e colabora ocasionalmente con actos culturais e académicos da Universidade e outras organizacións.
Pensamento Para María Xosé Agra, pensar e actuar son dúas disposicións que van da man. Dende que iniciou a súa formación académica na Universidade de Santiago de Compostela estivo moi involucrada en movementos activistas.
A propia autora cualifica o seu pensamento de “pouco ortodoxo”, afastado da escolástica, pero encadrable dentro da teoría crítica. As dúas vertentes principais do seu pensamento foron as teorías da xustiza e a teoría crítica feminista.
En canto á filosofía política, tratou as diversas temáticas centrais da disciplina nos anos finais do século XX, como a problemática da cidadanía ou o multiculturalismo. Dado que sempre tivo un foco central na xustiza, é recoñecida por ser unha das primeiras pensadoras en facer unha revisión crítica de autores coma John Rawls e a súa Teoría da xustiza, sobre o cal versa a súa tese doutoral. O seu pensamento foi altamente influenciado pola lectura de autores e autoras marxistas coma Karl Marx, Antonio Gramsci e Alexandra Kollontai; así como Flora Tristán ou Hegel, sendo a Fenomenoloxía do espírito un libro de referencia e inspirador para ela.
Colaborou con outros autores e autoras en obras coma En torno a la justicia. As aportacións de Aristóteles, o pensamento español do XVI, J.S. Mill, a fenomenoloxía e Rawls, onde traballa con Luis García Soto, Beatriz Fernández Herrero, Cristina Caruncho Michinel e María Luz Pintos Peñaranda, nun estudo novamente sobre autor norteamericano e a súa teoría.
Alén do estudo das teorías da xustiza, o gran campo de pensamento político no que se desenvolveu filosoficamente foi a teoría crítica feminista. Nos seus escritos encadrados en dito ámbito trata problemáticas políticas coma a cidadanía, a xustiza e a igualdade dende unha perspectiva de xénero. No eido da crítica feminista analizou a obra de autoras como Susan Moller Okin, Iris Marion Young, Adriana Cavarero, Judith Butler ou Judith Sklar. A súa produción feminista recolle o facho de autoras que lle precederon no panorama intelectual nacional, como é o caso de Amelia Valcárcel, Victoria Camps ou Cèlia Amorós. Mantivo, con esta última, unha vinculación académica que se fai patente en numerosas publicacións como As mulleres están en terra de ninguén: conversas con Celia Amorós; así como en diversas participacións conxuntas en grupos de investigación académica.
Nunha das súas máis recentes publicacións no ámbito da teoría crítica feminista, ¿Olvidar a Clitemnestra? Sobre justicia e igualdad (2016), a filósofa realizou unha análise exhaustiva das complexas relacións no mundo contemporáneo entre xustiza e igualdade sen perder a óptica da perspectiva de xénero.
Obras Publicacións de teoría crítica feminista
Legitimidad y necesidad del disenso feminista. Convicciones políticas, responsabilidades éticas: V Semana de Ética y Filosofía Política / José María González García (ed. lit.), Carlos Thiebaut Luis (ed. lit.), 1990, ISBN 84-7658-217-X, páxs. 184-205 La justicia como equidad: neocontractualismo y crítica desde el género-sexo. La filosofía contemporánea desde una perspectiva no androcéntrica / coord. por Alicia H. Puleo García, 1993, ISBN 84-369-2338-3, páxs. 125-136 Liberalismo, antiesencialismo e xustiza. Corpo de muller: discurso, poder, cultura / coord. por María Xosé Agra Romero, 1997, ISBN 84-87847- 87-0, páxs. 153-182 Limiar. Corpo de muller: discurso, poder, cultura / coord. por María Xosé Agra Romero, 1997, ISBN 84-87847-87-0, páxs. 7-12 Xustiza e política feminista. Entre a igualdade e a diferencia / coord. por Cristina Caruncho Michinel, Purificación Mayobre Rodríguez, 1998, páxs. 103-120 Feminismo y ecofeminismo. Ecología y feminismo / María Xosé Agra Romero (comp.), 1998, ISBN 84-8151-578-7, páxs. 1-22 El alcance de la justicia y las complejas desigualdades de género. Género y ciudadanía: revisiones desde el ámbito privado: XII Jornadas de Investigación Interdisciplinaria / Cristina Sánchez Muñoz (ed. lit.), Margarita Ortega López (ed. lit.), Celia Valiente Fernández (ed. lit.), 1999, ISBN 84-7477-728-3, páxs. 11- 36 Multiculturalismo, justicia y género. Feminismo y filosofía / Celia Amorós Puente (ed. lit.), 2000, ISBN 84-7738-728-1, páxs. 135-164 Capítulo 5. Ciudadanía: el debate feminista. NATURALEZA Y SENTIDO DE LA CIUDADANÍA HOY. / coord. por Fernando Quesada Castro, 2002, ISBN 84-362-4595-4, páxs. 129-160 Liberalismo político y feminismo. Crítica feminista al psicoanálisis y a la filosofía / coord. por Teresa López Pardina, Asunción Oliva Portolés, 2003, ISBN 84-7491-744-1, páxs. 181-208 Internacionalismo, feminismo y justicia. La filosofía política de Martha C. Nussbaum. Siglo XXI: ¿un nuevo paradigma de la política?: I Simposium de Filosofía Política Alberto Saoner / coord. por Fernando Quesada Castro, 2004, ISBN 84-7658-681-7, páxs. 177-211 Ecología y feminismo. ¿Es esencialista todo diferencialismo? María Xosé Agra Romero (comp.) Editorial Comares, 1998. Ecorama, 10. ISBN 84-8151-578-7 ¿Olvidar a Clitemnestra? Sobre justicia e igualdad. Universidade de Santiago de Compostela, Servicio de Publicaciones e Intercambio Científico, 2016, ISBN 978-84-16533-78-7 Non é que non existiran…pensadoras, filósofas. Fidelidade á terra: estudos dedicados ó profesor Xosé L. Barreiro Barreiro. / Javier Barcia González (coord.), 2011, ISBN 978-84-9887-673-4, páxs. 187-198 Xénero e teorías da xustiza. Xénero e educación social / Elisa Jato e Lucia Iglesias da Cunnha (coord.), 2003, ISBN 84-8487-042-1, páxs. 37-56 Feminismos del siglo XXI. Lectora: revista de dones i textualitat, ISSN: 1136-5781, nº12, 2006, páxs. 13-19 Feminismo e ilustración. Anales de la Cátedra Francisco Suárez. ISSN 0008-7750, nº33, 1999, páxs. 321-326