miniatura|300px|Árbore xenealóica de subxéneros do heavy metal. Os subxéneros do heavy metal foron desenvolvéndose dende que o propio heavy metal xurdiu a finais dos anos 1960 e comezos dos anos 1970. A clasificación de heavy metal tradicional, tamén chamado en ocasións heavy metal clásico, atribúese a aqueles grupos e artistas cun estilo musical semellante ao dos primeiros grupos do xénero, antes de que este evolucionase e se dividise nos diversos estilos e subxéneros. Estes novos xéneros adoitan sobrepoñerse os uns ós outros dificultando a súa distinción, pero poden identificarse segundo unha serie de características, como poden ser a instrumentación empregada, o tempo musical e a estrutura das cancións, o estilo vocal e as letras dos temas, o estilo e ritmos das guitarras e da batería ou a estética empregada.
Avant-garde metal
O avant-garde metal é unha clasificación aplicada a aqueles grupos que usan elementos innovadores, presentan unha gran experimentación musical e unha diversidade de sons, instrumentos, estruturas e técnicas non convencionais ou habituais no heavy metal máis tradicional. É habitual que se relacione co metal progresivo, aínda que o avant-garde metal adoita presentar unha maior experimentación xeral, mentres que o metal progresivo ten unha relación máis achegada ao heavy metal tradicional e céntrase en acadar maiores niveis de complexidade na instrumentación. O avant-garde metal tamén emprega sons non habituais, sen seguir as convencións típicas e incluíndo novos elementos, con presentacións visuais e líricas eclécticas.
O grupo canadense Voivod está considerado un dos pioneiros deste xénero, sendo dos primeiros en empregar diversos elementos novidosos como efectos vocais robóticos, estruturas musicais pouco usuais e sons de guitarra fracturados e pouco ortodoxos. Outros grupos notables que adoitan clasificarse como avant-garde metal son Boris, Earth, Maudlin of the Well, Neurosis, Sunn O))) e Mr. Bungle,
Black metal
O black metal é un xénero e tamén subcultura do heavy metal no que os guitarristas favorecen os tons altos e agudos cunha forte distorsión e con ritmos rápidos e técnicas de trémolo picking, nas que os solos son pouco habituais. O baixo adoita non tocar melodías individuais, senón que aparece case mudo fronte as guitarras seguindo de forma homofónica as liñas de baixo desta. Os ritmos de batería son rápidos, usando técnicas de dobre baixo e blast beats. As cancións neste xénero adoitan non ter unha estrutura convencional, carecendo de seccións de coro-verso claramente definidas e primando longas seccións instrumentais repetitivas. As voces son en forma de gritos ásperos e agudos, usando de forma moi ocasional as voces guturais máis comúns do death metal.
Os pioneiros do xénero xurdiron nos anos 1980 cando varios grupos con orixe no thrash metal e no death metal formaron o que sería o prototipo do xénero. Esta foi a denominada "primeira onda" do black metal, que incluíu a grupos coma Venom, Bathory, Mercyful Fate, Hellhammer e Celtic Frost. Unha "segunda onda" xurdiu a comezos dos anos 1990 encabezada polos grupos noruegueses Mayhem, Darkthrone, Burzum, Gorgoroth, e Immortal. entre outros. Nesta segunda onda comezaron a destacar tamén unha serie de grupos suecos como Marduk, Nifelheim e Dark Funeral.
Os músicos deste xénero adoitan vestir roupa negra, botas militares e pulseiras de pinchos, así coma adornos de cruces invertidas e pentagramas para reforzar a súa visión anti-cristián ou antirrelixiosa. Non obstante a característica máis salientable é o uso de pintura corporal para simular unha aparencia cadavérica ou demoníaca. O black metal adoita recibir hostilidade das correntes culturais principais debido ás accións e ideoloxías asociadas con este xénero. Moitos dos artistas deste xénero teñen expresado opinións anti-cristiás e unha visión misantrópica, avogando por varias formas de satanismo ou paganismo étnico.
Derivados do black metal Black metal sinfónico 300px|miniatura|dereita|Shagrath (Dimmu Borgir).
O black metal sinfónico é un estilo de black metal que incorpora elementos sinfónicos e de orquestra. Isto pode incluír dende o uso de sintetizadores que replican sons máis típicos dos arranxos orquestrais ata a inclusión directa de instrumentos de orquestra como instrumentos de vento-madeira, vento-metal, percusión, teclado e corda. As voces poden ser limpas e con estilos de ópera e as estruturas das cancións son máis definidas ou están inspiradas en composicións sinfónicas, ao mesmo tempo que reteñen as características típicas do black metal como os gritos, tempos rápidos, e arranxos de guitarras. Algúns exemplos de grupos clasificados dentro deste xénero son Emperor e Dimmu Borgir.
Blackgaze
O blackgaze é un xénero de fusión do black metal e o shoegazing orixinado a comezos do século XX. Este xénero adoita combinar elementos habituais do black metal, incluíndo ritmos blast beat e gritos agudos, xunto a elementos melódicos e estilos de son de guitarra de tipo Wall of Sound asociados ao shoegazing. O grupo francés Alcest acredítase como a influencia e pioneiro do xénero, mentres que o grupo estadounidense Deafheaven é un exemplo habitual nas descricións das características deste xénero.
Viking metal miniatura|dereita|300px|Grutle Kjellson (Enslaved).
O viking metal é un estilo con orixes no black metal e a música folk nórdica, caracterizado polas súas letras e temáticas centradas na mitoloxía nórdica, o paganismo nórdico e a era viquinga. Algunhas das características musicais comúns nos grupos incluídos neste xénero son os estilos pesados e lentos de guitarra, os coros en forma de himno, uso conxunto de voces limpas e gritos, uso de instrumentos propios da música folk e inclusión de teclados para xerar un efecto musical atmosférico. Este xénero comezou a desenvolverse nos anos 1980 e 1990 como forma de rexeitar o satanismo e ocultismo propios do black metal, acollendo no seu lugar a mitoloxía nórdica dos viquingos e o paganismo como forma de oposición ao cristianismo. Presenta similitudes na lírica, sons e temática ao pagan metal, aínda que este último presenta un rango mitolóxico máis amplo e un uso máis extensivo da instrumentación folk.
O grupo sueco Bathory acredítase como o pioneiro deste estilo cos seus álbums Blood Fire Death de 1988 e Hammerheart de 1990. Os noruegueses Enslaved seguiron estes pasos cos álbums Hordanes Land de 1993 e Vikingligr Veldi de 1994. Burzum, Emperor, Einherjer, e Helheim, entre outros grupos, continuaron desenvolvendo o xénero a comezos e mediados dos anos 1990. Os grupos de death metal Unleashed e Amon Amarth tamén adoptaron estas temáticas viquingas, ampliando o estilo dende a súa orixe no black metal cara a outros xéneros.
War metal
O war metal, tamén chamado war black metal ou bestial black metal, é un estilo de black metal descrito polos medios como "agresivo, cacofónico, caótico, rabioso e martelante". As influencias deste xénero atópanse en grupos de grindcore, black metal e death metal como Sodom, Possessed Repulsion, Autopsy, e Sarcófago, así como nos dous primeiros álbums de Sepultura. Algúns dos grupos incluídos neste xénero son Blasphemy, Archgoat, Impiety, In Battle, e Zyklon-B.
Crust punk
O crust punk (ou simplemente crust) é un estilo musical influenciado polo hardcore punk e o metal extremo. Este estilo evolucionou a mediados dos anos 1980 en Inglaterra, con temas de líricas escuras e pesimistas relacionadas con problemas políticos e sociais. O termo "crust" foi empregado por primeira vez polo grupo Hellbastard na súa demo de 1986 titulada Ripper Crust, aínda que os medios especializados describen ao grupo Amebix como os pioneiros deste estilo.
O xénero defínese polos seus sons baixos e distorsionados, tempos rápidos e voces guturais e gritos. As inspiracións dos grupos deste xénero xorden de grupos de anarco-punk como Crass e Discharge e de grupos de metal extremo como Venom, Celtic Frost e Motörhead.
Death metal miniatura|dereita|300px|Thor Anders Myhren (Morbid Angel).
O death metal é un xénero xurdido a mediados dos anos 1980 tomando como bases as estruturas musicais do thrash metal e dos comezos do black metal. Os grupos deste xénero adoitan ter dous guitarristas, un baixista, un vocalista e un batería, sendo habitual as técnicas de blast beat e de dobre bombo extremadamente rápidas, aínda que algúns grupos ocasionalmente tamén incorporan outros instrumentos como teclados electrónicos. O son das guitarras neste xénero adoita ser rápido, cunha gran distorsión e tons baixos, empregándose técnicas como o palm mute e o tremolo picking.
As voces típicas do death metal son as chamadas voces guturais, moitas veces obxecto de crítica pero cun propósito estético e musical que acompaña aos agresivos contidos líricos deste xénero. Os temas líricos adoitan tratar sobre a violencia, pero tamén se estenden a outros temas máis variados como por exemplo o satanismo, a relixión, o ocultismo, a mitoloxía de H.P. Lovecraft, a natureza, a filosofía, a ciencia ficción ou a política.
Grupos como Venom, Celtic Frost, Slayer, e Kreator tiveron unha grande influencia na creación deste xénero, mentres que Possessed e Death considéranse os pioneiros do mesmo, xunto con outros grupos como Obituary, Autopsy e Morbid Angel. A finais dos anos 1980 e comezos dos anos 1990 o death metal acadou unha grande atención dos medios cando unha serie de selos discográficos entre os que estaban Combat Records, Earache Records e Roadrunner Records, comezaron a asinar contratos con grupos deste xénero a un ritmo moi rápido. Dende entón o death metal foise diversificando, dando lugar a unha nova serie de subxéneros e xéneros de fusión.
Derivados do death metal Death metal melódico
O death metal melódico é un estilo que presenta características inspiradas na New Wave of British Heavy Metal, en particular os rápidos riffs e liñas harmónicas de guitarra, pero incorporando os elementos máis habituais do death metal como a distorsión de guitarras, rápidos padróns rítmicos de batería e en ocasións ritmos blast beat. O estilo vocal deste xénero combina as voces limpas, os gritos e as voces guturais.
Gran parte da súa orixe e popularidade atribúese a grupos como At the Gates, In Flames e Dark Tranquillity, que definiron o xénero a comezos dos anos 1990 sentando as bases da escena musical do metal de Gotemburgo, escena a que o escritor Garry Sharpe-Young denominou "a salvación comercial do death metal". Outro dos pioneiros foi o grupo británico Carcass, clasificado dentro do grindcore nos seus primeiros discos pero que evolucionou ata este estilo nos álbums Necroticism – Descanting the Insalubrious de 1991 e Heartwork de 1993. Outros exemplos de grupos incluídos neste xénero son Amon Amarth, Soilwork e Arch Enemy.
Death metal técnico O death metal técnico é un subxénero do death metal que enfoca este xénero cara ritmos, riffs e estruturas máis complexas do habitual. A experimentación técniva no death metal comezou a finais dos anos 1980 e comezos dos anos 1990, exemplificándose en grupos como Death, Atheist e Cynic. Algúns exemplos de álbums nos que se dá este estilo son o álbum de debut de Nocturnus The Key, o terceiro álbum de Sarcófago The Laws of Scourge, o segundo álbum de Atheist Unquestionable Presence e o terceiro álbum de Pestilence Testimony of the Ancients.
Death 'n' roll
"Death 'n' roll" é o termo aplicado para cualificar a aqueles grupos de death metal que incorporan elementos típicos do rock and roll no seu son. O resultado desta combinación é unha mestura das características típicas do death metal, como as voces guturais e a distorsión nas guitarras, con reminiscencias do hard rock e o heavy metal tradicional dos anos 1970. Entre os grupos incluídos nesta clasificación atópanse bandas como Entombed, Deuteronomium e Gorefest.
Deathcore