O Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina (en sueco, Nobelpriset i fysiologi eller medicin) é un premio outorgado anualmente polo Karolinska Institutet (en galego, Instituto Karolinska), en Estocolmo, que recompensa as persoas que se destaquen nas áreas de investigación da Fisioloxía ou da Medicina.

No seu testamento de 1895, Alfred Nobel, establecera que a súa fortuna había ser para "aqueles que, durante o ano anterior, fixeran o maior beneficio á humanidade" naqueles campos nos que, durante a súa vida, estivera máis activo: química, física, literatura, paz e o de fisioloxía ou medicina. Segundo o testamento de Nobel, este premio é administrado directamente pola Fundación Nobel e outorgado por un comité de cinco membros e un secretario executivo que son elixidos polo Instituto Karolinska. Aínda que se coñece popularmente como o "Premio Nobel de Medicina", Alfred Nobel especificou claramente que se outorgaría por "fisioloxía ou medicina", para que os laureados poidan proceder dunha ampla gama de campos de estudo.

Dende 1901, data en que se concedeu o primeiro premio, o Nobel de fisioloxía ou medicina é outorgado pola Asemblea Nobel do Instituto Karoliska que está formada por 50 profesores de medicina do instituto con dereito a voto. Para levar a cabo a selección de candidatos, desa Asemblea xorde o Comité Nobel, formado por 5 profesores máis un presidente, que escollen os candidatos entre aqueles que foron nomeados previamente.

Cada premiado recibe unha medalla, un diploma e un premio monetario que foron variando ao longo dos anos. A medalla do premio de Fisioloxía ou Medicina foi deseñada por Erik Lindberg e representa un xenio médico sostendo un libro aberto no seu colo, que está a recoller auga que brota dunha rocha para saciar a sede dunha nena enferma. A inscrición di: Inventas vitam iuvat excoluisse per artes (en galego: É beneficioso ter mellorado a vida (humana) a través das artes descubertas); e que é unha frase inspirada nun verso da Eneida de Virxilio

Eneida de Virgilio, libro 6, liña 663,inventas aut qui vitam excoluere per artes Premiados