Sotero (en ; en ), chamado logo san Sotero, nado en Fondi e morto posiblemente en Roma en abril de 174, foi bispo cristián desa diocese entre os anos 168 e 174. Segundo o Annuario Pontificio, as datas do seu pontificado poderían ser do 162 ó 168 ou do 170 ó 177. Sotero é recoñecido por declarar que o matrimonio só é válido en tanto que sacramento beicido por un sacerdote, e por inaugurar formalmente a Pascua como festival anual en Roma. O seu nome en grego deriva do termo σωτήρ (soter), que significa "salvador"; trátase do seu nome de nacemento, xa que viviu nun período anterior á tradición de asumir nomes papais.
Traxectoria Pouco se sabe da vida e do pontificado de Sotero, que coincidiu cunha das maiores épocas de represión contra o cristianismo, nos tempos do emperador Marco Aurelio. O Liber pontificalis sinala que naceu na vila de Fondi, e que descendía dunha familia de gregos.
O feito máis destacábel do seu goberno é a epístola que lles dirixe aos corintios, confundida coa Segunda epístola de Clemente, e que non se conserva; porén, si se gardan anacos da resposta de agradecemento que lle escribiu Dionisio, o bispo desa cidade grega. Acompañando a carta ía unha cantidade de diñeiro recollido pola diocese de Roma e enviada á de Corinto, polo que a este papa se lle coñece como o da caridade.
Crese tamén que foi quen ordenou que fose necesario un sacerdote para bendicir o sacramento do matrimonio, para que tivese validez, e quen lle prohibiu ás mulleres tocar os obxectos sagrados ou esparexer incenso durante os rituais.
Santificación Como todos os papas anteriores ao edicto de Milán, foi considerado santo. Tamén se ten sinalado que foi mártir, se ben isto non está demostrado. A súa festa é o 22 de abril, a canda o papa Caio. Foi soterrado no camposanto de Calisto, ao pé da vía Apia. En tempos de Serxio II os seus restos foron levados á basílica de san Silvestre e Martiño dos Montes e posteriormente á basílica de san Sisto Vello. Outras fontes apuntan que as súas reliquias se conservan na catedral de Toledo.
Parroquias en Galicia Non hai ningunha parroquia en Galicia baixo a avogación de san Sotero.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Papas Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Finados en 175