James Augustine Aloysius Joyce, nado en Rathgar, actualmente un barrio de Dublín, o 2 de febreiro de 1882 e finado en Zürich (Suíza) o 13 de xaneiro de 1941, foi un novelista, escritor de relatos curtos, poeta, profesor e crítico literario irlandés. Contribuíu ao movemento das vangardas do modernismo e está considerado como un dos autores de maior influencia e relevancia do século XX. A súa obra máis coñecida é Ulises (1922), unha obra emblemática na que fai unha correspondencia con cada episodio da Odisea de Homero usando unha gran variedade de estilos literarios, entre os que destaca o seu afamado monólogo interior. Outras obras ben coñecidas de Joyce son o volume de contos Dublineses (1914), e as novelas Retrato do artista cando novo (1916), e Finnegans wake (1939). Outros escritos seus inclúen tres libros de poesía, unha obra de teatro, as súas cartas publicadas e traballos xornalísticos ocasionais.

Joyce naceu no seu dunha familia de clase media. A pesar da caótica vida familiar imposta polas impredicibles finanzas do seu pai, foi un brillante estudante que asistiu brevemente á escola O'Connell, dirixida por Christian Brothers, antes de destacar nas escolas xesuítas de Clongowes e Belvedere. Continuou os seus estudos no University College Dublin.

En 1904, cando tiña pouco máis de vinte anos, emigrou a Europa continental coa súa parella, e máis tarde esposa, Nora Barnacle. Viviron en Trieste, París e Zürich. Aínda que a maior parte da súa vida adulta viviuna no estranxeiro, o universo ficticio de Joyce céntrase en Dublín e está poboado en gran parte por personaxes que se asemellan moito a familiares, inimigos e amigos da súa época alí. Ulises, en particular, está ambientado con precisión nas rúas e as calellas da cidade. Pouco despois da publicación de Ulises, elucidou esta preocupación dalgunha maneira dicindo: "Para min, sempre escribo sobre Dublín, porque se podo chegar ao corazón de Dublín podo chegar ao corazón de todas as cidades do mundo. No particular está contido o universal".

Traxectoria Irlanda miniatura|Estatua de Joyce preto da rúa O'Connell en Dublín. O máis vello dos dez fillos, James Joyce naceu nunha numerosa familia católica no 41 de Brighton Square West no arrabalde de Rathgar, en Dublín.Bowker (2012), p. 19 A familia do seu pai, proveniente de Cork, era de ricos comerciantes. Os seus padriños foron Philip e Ellen McCann. O avó paterno de Joyce, James Augustine, casou con Ellen O'Connell, filla de John O'Connell, un concelleiro de Cork que posuía un negocio de tecidos e outras propiedades na cidade de Cork. A súa familia afirmaba ter parentesco co líder político Daniel O'Connell, que axudara a garantir a emancipación católica dos irlandeses en 1829. En 1887, o pai, John Stanislaus Joyce, anteriormente secretario nunha destilaría, foi nomeado cobrador de taxas inmobiliarias pola Dublin Corporation (o Consello Municipal); a familia mudou daquela para o novo e elegante arrabalde de Bray. Ao ano seguinte, o rapaz comeza a súa educación no Clongowes Wood College, un internado no Condado de Kildare.

En 1891, Joyce escribiu o poema, Et Tu Healy, sobre a morte de Charles Stewart Parnell. Seu pai mandouno imprimir e até mandou unha copia para a biblioteca do Vaticano. En novembro do mesmo ano, o nome de John Joyce foi inscrito na Stubbs Gazette e afastado do traballo. En 1892, Joyce ten que saír de Clongowes, xa que seu pai non podía pagar a matrícula; en 1893, o pai foi cesado cunha pensión. Así comezou o descenso cara a pobreza da familia, principalmente debido ao consumo de alcol por John Joyce e a súa ineptitude financeira en xeral. O pai seria o modelo para o carácter de Simon Dedalus no Retrato do artista cando novo e Ulises, así como o do tío do narrador en diversos contos de Dublineses.

Despois de Clongowes, Joyce estudou na casa e por un breve tempo na escola dos Christian Brothers, na rúa Richmond norte, antes de pasar á escola xesuíta de Dublín, o "Belvedere College", en 1893. A oferta foi feita, cando menos en parte, na esperanza de que amosase que tiña unha vocación e se xuntaría á Compañía de Xesús. Porén, Joyce rexeitou o catolicismo aos dezaseis, aínda que a filosofía de Tomé de Aquino sería unha das súas fortes influencias na vida.

Matriculouse na "University College Dublin" en 1898. Estudou linguas modernas, especificamente inglés, francés e italiano. Tamén tomou contacto cos círculos teatrais e literarios da cidade. A súa crítica do Novo Drama de Henrik Ibsen foi publicada en 1900 pola Forthnightly Review o que lle levaría a recibir unha carta de agradecemento polo propio dramaturgo noruegués. Joyce escribiu outros artigos e polo menos dúas pezas teatrais (unha delas titulada A Brilliant Career, ambas desaparecidas) durante este período. Moitas das súas amizades do University College aparecen como personaxes nos seus libros.

1902-1904: anos decisivos Joyce foi a París por primeira vez en 1902 para estudar medicina (nesa época había un efervescente movemento artístico en Montparnasse e Montmartre). En 1903 retorna a Irlanda, pois súa nai morría de cancro. Busca traballo como xornalista e profesor particular. En xaneiro do ano seguinte, escribe Un retrato do Artista, un ensaio-narrativa sobre estética, nun día, mais a obra é rexeitada pola revista libre-pensante Dana. No seu vixésimo-segundo aniversario, decide revisar a historia e transformala nunha novela que pensou titular Stephen Hero. No mesmo ano, publica o seu primeiro traballo na idade adulta: a sátira desaforada ao Santo Oficio, na cal proclamábase superior a moitos membros prominentes do Rexurdimento Céltico e afirma a súa herdanza lingüística inglesa.

En 1904 coñecería a Nora Barnacle, unha rapaza do Condado de Galway que traballaba como camareira e había ser a súa compañeira para toda a vida. O 19 de xuño, saíron por primeira vez, aínda que a natureza do encontro non sexa coñecida con precisión; a data é conmemorada na obra de Joyce, pois nela transcorre Ulises.

Vai vivir cun estudante de medicina, Oliver St. John Gogarty, que lle serviu de base para o personaxe de Buck Mulligan en Ulises. Despois de durmir seis noites na Torre Martello, de Gogarty, marcha dela tras unha discusión, embebédase e métese nunha pelexa da que é rescatado por Alfred Hunter, un coñecido do seu pai, un xudeu irlandés, que seria o modelo para Leopold Bloom, o heroe de Ulises.

Trieste Pouco despois foxe con Nora. Primeiro van a Pula (actualmente Croacia) e máis tarde a Trieste (Italia), daquela ambas en Austria-Hungría, para ensinar inglés na escola Berlitz. Un dos seus alumnos triestinos foi Ettore Schmitz, coñecéranse en 1907, foron amigos e críticos mutuos. Joyce pasaría a maior parte das décadas seguintes no continente. Alí nacerían os seus fillos Giorgio (1905) e Lucia (1907).

Joyce publica en 197, Chamber Music (Música de cámara), unha antoloxía de 36 poemas líricos curtos. A obra, inspirada na poesía do período isabelino, levouno á súa inclusión na Antoloxía Imagista, editada por Ezra Pound, que se amosaría como un defensor de Joyce durante máis dunha década.

Nas visitas a Dublín, abre o primeiro cinema da cidade, o Volta, en 1909, mais fracasa; despois, en 1912, desenténdese co editor sobre a súa nova obra, e publica contra el, no mesmo ano, Gar from a Burner.

A obra que Joyce quería facer saír na súa cidade natal era Dublineses, unha serie de quince contos sobre a cidade e a vida dos seus habitantes. Os contos son unha análise do estancamento e parálise da sociedade dublinesa. Incorporan epifanías, unha palabra usada particularmente por Joyce, que para el significaba unha súbita consciencia da alma en algo.

A pesar do seu interese polo teatro desde a mocidade, Joyce só publicou unha peza, Exiliados, iniciada en Trieste despois do comezo da primeira guerra mundial e publicada en 1918. Un estudo da relación home-muller, a peza conecta con outra obra anterior "Os Mortos" (o último conto de Dublineses) e coa posterior Ulises.

Esta tamén foi iniciada na cidade italiana en 1914, a aínda lle levaría moitos anos para completala e publicala. Porén, comezada a guerra, a permanencia de Joyce en territorio austro-húngaro tornase imposíbel, xa que sendo cidadáns británicos, eran considerados inimigos. En 1915, Joyce e Nora múdanse á neutral Suíza; após breves estancias noutras cidades, establécense definitivamente en Zürich.

Zürich Eventos importantes da primeira estadía suíza de Joyce son a publicación de Exiliados, a continuidade da composición de Ulises, a primeira crise de iridite, que iría empeorando a súa visión ao longo dos anos seguintes, e a publicación da súa primeira novela, Retrato dun artista cando novo.

O Retrato é unha recreación completa da novela abandonada Stephen Hero. Autobiográfico na súa meirande parte, a novela mostra a obtención de madureza e auto-consciencia dun rapaz intelixente. O protagonista é Stephen Dedalus, a representación joyciana de si mesmo. Nesta novela, é posíbel dexergar técnicas posteriores do escritor, no uso do monólogo interior e na maior preocupación na psique en relación coa realidade externa. Alén diso, a linguaxe desenvólvese ao longo do libro, conforme o personaxe medra, madurece e tórnase capaz de narrar o seu mundo dunha maneira máis sofisticada.

París Rematada a guerra, volveu a Trieste pero atopou a cidade moi cambiada, e as súas relacións co seu irmán (que estivera preso nunha cárcere austríaca debido ás súas ideas políticas pro-italianas) eran máis tensas ca nunca. Joyce foi a París tras unha invitación de Ezra Pound, e o que ía ser unha estancia dunha semana converteuse nunha estadía na Cidade da luz onde, excepto por dúas visitas a Irlanda, permaneceu os seguintes vinte anos. Viaxou frecuentemente a Suíza polos seus problemas oculares e tamén debido ao tratamento da súa filla Lucia que sufría esquizofrenia.

Volveu a Zürich en 1939 despois da ocupación nazi de Francia. Viviu en Zürich nos dous seguintes anos. O 11 de xaneiro de 1941 foi ingresado de urxencia debido a unha úlcera duodenal, finou o 13 de xaneiro de 1941. Está soterrado no cemiterio de Fluntern. A súa dona Nora (coa que casara en Londres en 1931), sobreviviulle 10 anos e foi soterrada a seu carón.

O Ulises En 1906, namentres remataba Dublineses, Joyce considerou engadir outro conto, sobre un negociante de anuncios xudeu chamado Leopold Bloom co título de Ulises. A historia non foi escrita, mais a idea permaneceu e, en 1914, Joyce comezou a traballar nunha novela empregando tanto o título como a premisa básica, rematándoo finalmente en outubro de 1921.

Grazas a Ezra Pound, partes na novela comezaran a ser publicados na revista The Little Review en 1918. Esta revista era editada por Margaret Anderson e Jane Heap, co apoio de John Quinn, un avogado de Nova York interesado en arte e literatura experimentais contemporáneas. Lamentabelmente, houbo problemas coa censura norteamericana, e en 1920 os editores foran condenados por publicar obscenidades, o que interrompeu a publicación serial da novela. O libro estivo prohibido nos EUA até 1933.

Joyce atopou dificultades para atopar quen publicase o seu libro, mais a Shakespeare and Company, unha famosa libraría da marxe esquerda parisiense, de propiedade de Sylvia Beach, publicouno en 1922. Unha edición inglesa publicada no mesmo ano polo seu mecenas, Harriet Shaw Weaver, atopou novas dificultades coas autoridades estadounidenses, e 500 copias enviadas aos EUA foron confiscadas e posibelmente destruídas. No ano seguinte, John Rodker imprimiu unha tiraxe de máis de 500 copias, destinadas a substituír as anteriores, pero estes libro foron queimados pola aduana inglesa en Folkstone.

Ulises e a ascensión do modernismo literario