O Teatro romano de Tarraco é un edificio romano situado nos arredores do complexo do foro da colonia, na cidade de Tarraco, capital da provincia Hispania Citerior Tarraconensis, actual Tarragona (Cataluña, España). É unha das localizacións do lugar Patrimonio da Humanidade denominado «Conxunto arqueolóxico de Tarraco», en concreto o que leva como código de identificación 875-006.

Historia O teatro foi construído en época de Augusto a finais do século I aC, como resultado da monumentalización do Foro da Colonia, e era un dos edificios máis emblemáticos de Tarraco.

O edificio utilizouse ata finais do século II, data na que se abandonou o seu uso. No século III, logo dun incendio no recinto, na zona monumental anexa ao teatro fixéronse novos edificios usando os materiais do teatro.

Características arquitectónicas e usos O teatro atópase en condicións de abandono sen museización, pese a que foi declarado patrimonio da Humanidade. Recentemente habilitouse un miradoiro na rúa Sant Magí e estase traballando na rehabilitación do espazo do teatro así como das construcións do seu redor. Para a súa construción aproveitouse a pendente natural do terreo, como no caso do Anfiteatro da mesma cidade, para recortar unha parte das bancadas. Para o resto utilizouse un sistema de criptopórticos anulares.

A scaena era o lugar destinado ás representacións teatrais, e compoñíase dunha plataforma elevada sobre un podio decorado con exedra. Na parte posterior da escena deseñouse unha praza con xardíns para o acceso dos espectadores ao Teatro, e no seu centro existía un gran estanque con estatuas sobre pedestais no seu interior.

O escenario (proscaenium) estaba pechado por unha fachada monumental decorada (frons scaenae).

Os espectadores distribuíanse nas bancadas por orde censatario e social.

Conservación e achados Actualmente, consérvanse unicamente as cinco primeiras filas das bancadas ao redor da orchestra e dúas das tres escaleiras radiais que articulaban a bancada. Tamén se conserva a base do pulpitum e da scaenae frons, podéndose ver aínda os ocos onde ían colocados os soportes do pano.

Nas distintas probas realizadas no teatro e a súa contorna acháronse importantes restos arqueolóxicos, como capiteis, frisos, columnas, esculturas etc.

Véxase tamén Outros artigos Conxunto arqueolóxico de Tarraco Circo romano de Tarraco Anfiteatro de Tarraco Acueduto de les Ferreres Arco de Berà Muralla de Tarragona Torre dos Escipións Foro romano de Tarraco Cemiterio paleocristián de Tarragona Canteira romana de El Médol

Ligazóns externas Páxina web do Concello de Tarragona Páxina do Museo de Historia de Tarragona Tarragona - Información histórica e cultural de Tarraco, capital da Hispania Citerior na época de dominación romana Información Foro Romano de Tarragona en España é cultura, Ministerio de Cultura

Categoría:Tarragona Categoría:Conxunto arqueolóxico de Tarraco Categoría:Patrimonio da Humanidade en Cataluña Categoría:Teatros romanos