Erguer. Estudantes da Galiza é unha organización estudantil galega destinada á defensa dos intereses do estudantado, cuxo obxectivo estratéxico é acadar un ensino galego, público, de calidade, democrático e non heteropatriarcal. É unha organización de carácter plural, situada no campo da esquerda nacionalista.
Historia Foi fundada o 5 de marzo de 2016 nunha Asemblea Nacional Constituínte que tivo lugar no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela, baixo o lema "Libera e transforma Galiza desde as aulas". Erguer constitúese como resposta á necesidade dunha fronte estudantil forte que fixese fronte aos ataques que o ensino público estaba a sufrir baixo o goberno do Partido Popular.
No marco da Asemblea Nacional Constituínte Iria Figueroa foi elixida primeira Responsábel Nacional de Organización.
A recomposición da unidade estudantil nacionalista puxo fin a unha etapa (2011-2015) en que conviviran AGIR, a Liga Estudantil Galega e Comités. Foron precisamente estas tres organizacións as que, tras un período de acción unitaria, decidiron unir forzas nun único proxecto.
Período da Asemblea Nacional Constituínte alt=Erguergreve2016faixa|miniatura|Cabeceira da manifestación en Compostela Tras a súa constitución, a primeira acción pública de Erguer foi a de convocar unha folga estudantil en toda Galiza para o 13 de abril dese mesmo ano. A mobilización puxo no foco a LOMCE, o Decreto do 3+2 e os recortes no ensino. Convocáronse manifestacións en varias cidades do país, especialmente A Coruña, Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo. Segundo a organización esta primeira folga obtivo un seguimento de 90% no ensino, mobilizando arredor de 8500 estudantes.
A organización obtivo 13 representantes nas eleccións ao Claustro da USC logo das eleccións que decorreron en maio de 2016, conseguindo así representación por primeira vez nos órganos dunha universidade galega.
Erguer sostivo neste período unha actividade intensa contra a LOMCE. En outubro de 2016 levou a cabo un referendo en 30 centros de ensino medio do país. Nel consultábase a posición dos estudantes a respecto da aplicación da lei, obtendo unha participación de 5000 votos e 99% de votos contrarios á LOMCE.
Pouco máis tarde, en novembro de 2016, convocou xunto con ANEGA e Acción Universitaria unha folga no ensino medio para o día 24 dese mesmo mes. A folga pretendía denunciar a aplicación da LOMCE e das reválidas. Alén da folga, a convocatoria viña acompañada de mobilizacións nas principais cidades do país. A valoración da propia organización foi "moi positiva", obtendo un seguimento de 90% no ensino medio e mobilizando 4.000 estudantes. Alén das diferentes mobilizacións e folgas convocadas, Erguer desenvolveu neste período numerosas actividades de tipo formativo en diferentes eidos, destacando a cuestión feminista, lingua e ciencia política.miniatura|Cabeceira da manifestación en Vigo O ano 2017 principiou coa convocatoria de dúas folgas estudantís o 16 de febreiro e o 9 de marzo. Estas convocatorias posuían un programa triplo. Por unha banda, perseguían un pacto educativo adaptado ás necesidades do ensino galego, con participación activa dos estudantes. Por outra, esixían a non aplicación do Decreto do 3+2 e denunciaban os recortes no ensino público. Ambas as dúas foron valoradas de xeito moi positivo pola organización. Só a primeira, con todo, respondía a unha convocatoria propia, unha vez que a folga do 9 de marzo fora convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e nela participaron diversas organizacións.
Este primeiro período caracterizouse por unha actividade mobilizadora intensa, con catro folgas no ensino en apenas un ano e as súas correspondentes mobilizacións nas rúas.
Período da I Asemblea Nacional miniatura|I Asemblea Nacional de Erguer Erguer celebrou a súa I Asemblea Nacional o 8 de abril de 2017 poñendo así fin ao período da Asemblea Nacional Constituínte. A I Asemblea Nacional reafirmou o compromiso da organización na loita contra a LOMCE e colocaba como obxectivo a elaboración dunha Lei Educativa Galega. A organización tamén renovou o seu Consello Nacional.
A primeira grande acción do novo período foi a convocatoria dunha folga o 16 de novembro de 2017 so o lema "Nin LOMCE nin pacto entre elites. Por unha Lei Galega de Educación". A axitación previa veu acompañada da celebración dun novo referendo en 70 centros do país coa pregunta "Consideras que precisamos unha alternativa á LOMCE, ao Plan Boloña e ao 3+2 en forma de Lei Galega de Educación?". Cunha participación de 8.000 estudantes o referendo obtivo 94% de votos afirmativos.
Durante o final do período da I Asemblea Nacional, cristalizaron os debates que, naquel momento, se estaban a dar no nacionalismo organizado: aqueles que apostaban, por unha banda, por manter a liña da autoorganización e, por outra, aqueles que non desbotaban alianzas con organizacións estatais. O primeiro organizouse, en marzo de 2018, no colectivo Reforzar Erguer, integrado por 10 membros do Consello Nacional e 2 da Comisión de Garantías. Un dos seus obxectivos era rematar coa "subordinación a entes externos" da organización, especialmente a Asemblea Aberta de Compostela, espazo de confluencia da liña de Xeira (inserida na FPG e, logo, en En Marea). O sector liderado por Iria Figueroa, pola contra, denunciou o novo colectivo pola súa política de endurecemento da liña e intransixencia, e acusouno de tentar manipular o debate no proceso cara á II Asemblea Nacional.
Período da II Asemblea Nacional miniatura|Cartaz da folga do 19 de abril de 2018 Erguer celebrou en Pontevedra a súa II Asemblea Nacional o 14 de abril de 2018 so o lema "Organizadas para vencer". A asemblea decorreu nun contexto de tensións internas entre as diferentes organizacións que integraban Erguer. Após Iria Figueroa (responsábel nacional de organización) abandonar a UMG, a organización perdeu a dirección de Erguer. A nova correlación interna de forzas no seo da organización confirmouse coa vitoria do sector de Xeira na constitución do Consello Nacional entrante.
A organización iniciou o novo período coa participación na folga estudantil do 19 de abril. Esta folga foi convocada pola iniciativa da Asemblea Aberta de Mulleres da USC, que artellou a plataforma Movemento Estudantil Galego e onde Anega (vencellada a Xeira) contaba cun forte peso. A xornada de folga viu un descenso na participación a respecto de convocatorias anteriores.
As tensións internas manifestáronse novamente no final do ano académico 2017/2018, coa baixa de varios membros do Consello Nacional.
Período da III Asemblea Nacional O 13 de abril de 2019 Erguer realizou a súa III Asemblea Nacional en Santiago de Compostela so o lema "Organicémonos: é o momento". Neste novo período certificouse unha mudanza de ciclo e o esgotamento do paradigma mobilizador contra a LOMCE.
Á ausencia de grandes mobilizacións neste período sumouse unha crise interna no seo da organización. Como consecuencia parte da militancia (incluíndo Briga) abandonou Erguer en abril de 2020. A estes dous factores súmase a pandemia de Covid-19, que supuxo un freo evidente a calquera tentativa mobilizadora. A organización ficou baixo mínimos durante o resto do período interasemblear.
A mala situación, con todo, non impediu que Erguer concorrese ás eleccións ao Claustro da USC e da UV, obtendo en ambos os órganos unha representación notábel. Durante o ano 2020-2021 Erguer tivo como prioridade a recuperación da presenza da organización ao longo do país, reactivando zonas que ficaran desactivadas (Pontevedra e Vigo) e organizando grupos de traballo noutras.
Período da IV Asemblea Nacional O 5 de novembro de 2022, Erguer celebrou a súa IV Asemblea Nacional en Pontevedra so o lema "O ensino é a base da sociedade do futuro". A organización chegou á IV Asemblea co obxectivo de relanzar a organización, reactivando o estudantado nacionalista e buscando unha maior incidencia política na súa actividade após o decrecemento cuantitativo e cualitativo do período anterior. Artai Gabiás foi elixido responsábel nacional de organización para o período entrante.
Reactivación da mobilización: folga do 25 de abril de 2023 miniatura|Cabeceira da manifestación convocada para o 25A, en Compostela Na súa IV Asemblea, a organización marcou como prioridade a recuperación da mobilización estudantil. Pautouse como obxectivo a convocatoria dunha folga estudantil que decorreu finalmente o 25 de abril de 2023. A folga do 25 de abril supuña a primeira convocatoria propia en máis de cinco anos, desde novembro de 2018. Segundo a organización a convocatoria obtivo un 95% de seguimento entre os estudantes, mobilizando centos de estudantes para as manifestacións e concentracións que tiveron lugar nas principais cidades do país.
A xornada de folga tivera como obxectivo denunciar a progresiva deterioración do ensino e a aprobación da LOSU, que segundo a organización supuña un paso adiante na privatización do ensino. A folga do 25 de abril supuxo un paso adiante na reactivación da organización, sumando militantes e recuperando a súa presenza social entre o estudantado galego.
Campaña polos prezos das cafetarías na USC miniatura|Estraza de Erguer na facultade de Filoloxía No inicio do curso 2023/2024, os prezos das cafetarías universitarias da USC aumentaron, producíndose esta suba de xeito irregular en varias cafetarías da Universidade. Como resposta, Erguer organizou unha activa campaña de axitación que visaba denunciar o aumento dos prezos e reclamar un modelo de prezos populares e xestión pública do servizo. A organización convocou un paro de consumo de dous días na cafetaría da Facultade de Filoloxía, unha das primeiras afectadas pola suba, que contou cun seguimento case total. O día 23 de novembro a organización convocou unha concentración diante da Xerencia da USC coa participación dun centenar de estudantes.
Finalmente, a organización conseguiu negociar coa USC unha redución nos prezos, establecéndose unha tarifa tripla de prezos (para estudantes, membros da USC e alleos) que reduciu o prezo do menú de 7,5€ a 6,5€.
Acampada por Palestina miniatura|Acordo asinado entre o equipo de goberno da USC e Erguer En maio de 2024, no marco das protestas estudantís internacionais polo fin do xenocidio en Palestina, foi convocada unha asemblea aberta na USC, que concluíu no inicio dun peche na Facultade de Xeografía e Historia.
Logo de avaliar como non proveitosa a súa participación como organización no seo da asemblea aberta, Erguer decidiu soster unha liña de mobilizacións e reivindicacións propias, logrando unha serie de concesións do equipo de goberno da USC. Estas concesións incluíron o recoñecemento por parte da USC de que o conflito tomara forma de xenocidio, e o compromiso de revisar e suspender as relacións con calquera institución e empresa israelí que non asumise explicitamente os contidos da declaración.
A decisión da organización estudantil foi criticada pola asemblea aberta. As concesións obtidas, avaliadas como insuficientes pola asemblea, encádranse porén na mesma liña que as que o movemento estudantil logrou noutros campus europeos.
Folga do 2 de outubro polo dereito á vivenda miniatura|Cabeceira da manifestación en Compostela O Consello Nacional de Erguer convocou para o día 2 de setembro de 2024 unha Conferencia Nacional sobre vivenda. Nela, a militancia aprobou a celebración dunha folga de ensino que decorreu o día 2 de outubro de 2024. A convocatoria visaba a denuncia da problemática de vivenda para o estudantado propoñendo tres medidas principais: ampliación do sistema de residencias públicas, creación de bolsas de vivenda pública en alugueiro e control de prezos dos alugueiros.