O Campo Municipal de Fútbol Arsenio Iglesias Pardo foi un estadio de fútbol propiedade do Concello da Coruña, situado no polígono industrial A Grela - Bens. Inaugurado orixinalmente como Campo Municipal de Fútbol A Grela II, o Concello decidiu mudar o nome para homenaxear o ex xogador e exadestrador coruñés Arsenio Iglesias. Tratábase dun campo principalmente dedicado á práctica do fútbol afeccionado coruñés.
O seu terreo de xogo era de céspede artificial desde o ano 2008, cando sufriu unhas fondas obras de reforma, inauguradas polo entón alcalde Javier Losada e o presidente da Deputación da Coruña Salvador Fernández Moreda. As súas dimensións eran de 95 × 58 metros e contaba cunha bancada con capacidade para 440 persoas baixo a cal foran habilitados até seis vestiarios.
En 2018, o Concello e Hijos de Rivera, que ten a súa sede e factoría nunha propiedade anexa ao campo de fútbol, chegaron a un acordo mediante o cal a empresa pagaría 4.2 millóns de euros ao concello pola adquisición da parcela. En novembro dese mesmo ano iniciouse o derrubamento da bancada. O proxecto suscitou as críticas dos usuarios do campo.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Ficha oficial do campo na web do Concello da Coruña.
Arsenio Iglesias Categoría:Arquitectura civil na Coruña