Pioneer 12, tamén coñecida como Pioneer Venus 1 e Pioneer Venus Orbiter, foi unha sonda espacial lanzada o 20 de maio de 1978 mediante un foguete Atlas-Centaur desde a base espacial de Cabo Cañaveral para orbitar Venus e estudar a súa atmosfera e superficie.
Características Pioneer 12 formou parte dun proxecto maior xunto coa Pioneer 13, que consistiu nunha serie de sondas atmosféricas que chegaron a Venus ao mesmo tempo que Pioneer 12. A súa misión consistiu en estudar con detalle a estrutura da atmosfera superior de Venus e a súa ionosfera, a súa interacción co vento solar e o campo magnético nas proximidades do planeta. Tamén estudou o seu campo gravitatorio a partir das modificacións na súa órbita e, incidentalmente, detectou explosións de raios gamma de orixe extragaláctico. Pioneer Venus tamén fixo observación de cometas no ultravioleta.
Nave
A nave estaba formada por un corpo principal cilíndrico de 250 cm de diámetro e 120 cm de altura, cos lados recubertos de células solares que proporcionaban unha potencia de 312 vatios na órbita de Venus. A enerxía almacenábase en dúas baterías de níquel-cadmio cunha capacidade de 7,5 Ah cada unha. A sonda estabilizábase mediante xiro a unhas 15 r.p.m., co seu eixo perpendicular ao plano da eclíptica. As comunicacións tiñan lugar en banda S mediante unha antena de alta ganancia de 1,09 m de diámetro situada na parte superior do cilindro e que non xiraba co resto do conxunto para poder apuntar continuamente á Terra, ademais de posuír varias antenas de baixa ganancia para comunicación en caso de problemas coa antena principal. Tódolos instrumentos estaban situados no interior do cilindro da nave excepto o magnetómetro, situado ao final dun mastro de 4,8 m de lonxitude para que o corpo da nave non interferira nas medicións. O control de actitude realizábase mediante sensores solares e estelares conxuntamente con sete propulsores alimentados por hidracina. O motor principal, usado para a inserción orbital en Venus, tiña un impulso de 18 kN e funcionaba con propelente sólido.
Instrumentos
miniatura|right|250px|Venus observador por Pioneer 12 no ultravioleta.
Pioneer 12 levaba a bordo 17 instrumentos científicos que totalizaban 45 de masa:
Un fotopolarímetro para medir a distribución vertical das nubes de Venus. Un radar cartográfico para medir as características da superficie do planeta. Un radiómetro infravermello para medir as emisións da atmosfera. Un espectrómetro ultravioleta para medir a luz neste rango dispersada e emitida pola atmosfera. Un espectrómetro de masas neutras para medir a composición da atmosfera superior. Un analizador de plasma e vento solar. Un magnetómetro. Un detector de campo eléctrico. Unha sonda de temperatura de electróns para estudar as propiedades termais da ionosfera. Un espectrómetro de masas de ións. Un analizador de potencial retardado de partículas cargadas para estudar as partículas da ionosfera. Dous experimentos de radio para estudar o campo gravitacional de Venus. Un experimento de ocultación de radio en banda X para estudar a atmosfera. Un experimento de arrastre atmosférico. Un experimento de radio para a atmosfera e a medición de turbulencias no vento solar. Un detector de raios gamma.
Perfil da misión Pioneer 12 foi lanzada o 20 de maio de 1978 e entrou na órbita de Venus o 4 de decembro dese mesmo ano. Entre a data da inserción orbital e xullo de 1980 o periapse da órbita da nave variou entre 142 e 253 km (cun apoapse de 66.900 km) para facilitar os estudos ionosféricos e mediante radar. Máis tarde o periapse aumentouse ata 2290 km e deixóuselle diminuír libremente para aforrar propelente. En 1991 o radar foi reactivado para estudar partes do sur do planeta previamente inaccesibles durante a misión. A última fase da misión comezou en maio de 1992, co periapse manténdose entre 150 e 250 km ata que o propelente que evitaba que a nave baixase demasiado a órbita esgotouse. As variacións gravitacionais e o rozamento atmosférico fixeron que Pioneer 12 reentrase na atmosfera de Venus e se destruíse en agosto de 1992.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Pioneer Venus na web da NASA
Categoría:Satélites artificiais