Planck, previamente coñecido como COBRAS-SAMBA, foi un observatorio espacial lanzado o 14 de maio de 2009 mediante un foguete Ariane 5 ECA xunto co observatorio Herschel desde o Centro Espacial de Kourou para estudar a radiación cósmica de fondo de microondas (RCFM). Entre o 12 de agosto de 2009 e o 23 de outubro de 2013, escaneou o ceo enteiro en lonxitudes de onda de microondas e submilimétricas, producindo mapas en nove canais entre os 30 GHz e os 857 GHz.
Contribucións científicas Planck foi a terceira misión de clase Media da Axencia Espacial Europea (ESA) do Programa Científico Horizon 2000 co obxectivo principal de estudar o fondo cósmico de microondas, a luz remanente do big-bang cuxa análise leva a un mellor coñecemento dos inicios do Universo. Planck continuou a saga de observatorios espaciais -- iniciada polo satélite COBE en 1989 e continuada polo satélite WMAP no 2001 -- adicados a medir a anisotropía do fondo cósmico de microondas.. A diferenza dos seus predecesores, Planck foi tamén quen de medir as anisotropías da polarización da RCFM, o cal proporcionou información adicional de importancia para os estudos da reionización do Universo, de fenómenos astrofísicos na Vía Láctea ou para medir a lentificación gravitacional asociada coa estrutura a grande escala do Universo, entre outros avances. A análise conxunta dos datos obtidos en intensidade e polarización permitiu determinar cunha precisión superior ao 1% o valor de cinco dos seis parámeteros do modelo cosmolóxico estándar, ΛCDM.
Órbita A nave foi lanzada a unha órbita de halo arredor do punto de Lagrange L2 do sistema Terra-Sol, a uns 1,5 millóns de quilómetros da Terra, un sitio adecuado para facer as observacións necesarias no infravermello distante e en lonxitudes de onda submilimétricas.
Nave Planck tiña forma aproximadamente cilíndrica con 4,20 m de altura e 4,22 m de diámetro. Usaba un espello primario de 1,9 x 1,5 m para alimentar os seus dous instrumentos e pesaba 1,95 toneladas ao lanzamento. Estabilizábase mediante xiro, a 1 r.p.m. O sistema de propulsión constaba de 12 propulsores de 20 N de impulso cada un e 4 propulsores de 1 N. A enerxía eléctrica era proporcionada por un panel solar cunha superficie de 13 m2 situado na parte posterior da nave e que alimentaba unhas baterías de ión litio de 39 Ah de capacidade.
Instrumentos Planck levaba dous instrumentos a bordo:
Low-Frequency Instrument (LFI, Instrumento de Baixa Frecuencia): consta de 56 receptores de radio sensibles a frecuencias de entre 30 e 100 GHz. O instrumento ten que funcionar a unha temperatura de 20 K, proporcionando unha resolución angular de 10 minutos de arco e unha sensibilidade de 12 microKelvin. High-Frequency Instrument (HFI, Instrumento de Alta Frecuencia): contén 56 bolómetros sensibles a frecuencias de entre 100 e 850 GHz. Arrefriábase a 0,1 K, proporcionando unha resolución angular de 5 minutos de arco e unha sensibilidade de 5 microkelvin.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina do equipo de Planck Galería de imaxes obtidas por Planck
Categoría:Observatorios espaciais Categoría:Axencia Espacial Europea