Colpodella é un xénero de alveolados que comprende 5 especies recoñecidas, e outras dúas posibles especies: Comparten todas as sinapomorfias típicas dos apicomplexos, pero son de vida libre en vez de parasitos. Moitos membros deste xénero foran anteriormente asignados ao xénero Spiromonas.

A especie tipo é Colpodella pugnax Cienkowski 1865

Descrición Son protistas flaxelados pequenos de diámetro < 20 μm. O seu ciclo vital consta de dous estadios principais: trofozoítos flaxelados e quistes, que constitúen o estadio reprodutivo do ciclo.

Morfoloxicamente os trofozoítos de Colpodella son similares ás zoósporas de Perkinsus, aínda que os dous taxons non están especificamente relacionados. Os estadios móbiles de ambos os xéneros teñen un par de flaxelos ortogonais anteriores, cirstas mitocondriais vesiculares, membranas alveolares internas e microporos. Tanto as especies de Colpodella coma as de Perkinsus teñen conoides truncados abertos lateralmente (ás veces chamados pseudoconoides), roptrías que ocupan a lonxitude da célula e micronemas máis pequenos. Tanto as roptrías coma os micronemas orixínanse na porción anterior da célula. Debaixo da membrana plasmática sitúase unha película de tres capas, composta por membranas alveolares e microtúbulos moi separados que se orixinan subapicalmente. Algunhas especies teñen orgánulos extrusivos (tricocistes).

A diferenza de Perkinsus, os Colpodella son células de vida libre e son predadores voraces doutros protistas de vida libre. A maioría das especies aparentemente penetran a membrana plasmática da presa e consomen o seu citoplasma. Este xeito de alimentarse denomínase mizocitose. Mentres se alimentan estes depredadores adhírense pola súa porción anterior (o rostro) á presa. O rostro contén o pseudoconoide, que se transforma nun anel de microtúbulos que rodea a zona de adhesión. O citoplasma da presa é entón succionado ao interior dun gran vacúolo alimenticio posterior.

Despois de que os trofozoítos perden os seus flaxelos, fanse esféricas, enquístanse e divídense (é dicir, reprodúcense). Os quistes son simples esferas. O vacúolo alimenticio parece un gran vacúolo central no quiste; a medida que progresa a división o material restante do vacúolo queda reducido a un corpo residual. Normalmente Colpodella divídese en catro células fillas (ás veces só dúas). Isto é diferente ao que se observa nos verdadeiros Apicomplexa e Perkinsus, que producen normalmente moitas máis células fillas durante a reprodución; as especies Perkinsus poden producir ata 32 células, por exemplo, mentres que Toxoplasma produce 128. Ás células fillas crécenlles flaxelos, a parede do quiste rompe, e as células saen nadando, deixando un corpo residual detrás. Observouse un posible proceso sexual en polo menos dúas especies.

Taxonomía A familia á que pertence Colpodella parece ser un clado irmán dos Apicomplexa. O seu estilo de vida pode ser representativo dos antepasados de vida libre dos Apicomplexa. Unha diferenza significativa é que as especies deste xénero, igual que os Perkinsea, teñen un conoide con apertura lateral (pseudoconoide) mentres que os Apicomplexa que posúen un conoide (os Conoidasida) teñen un conoide pechado.

Outro xénero da familia é Acrocoelus.

Entre as especies de Colpodella están: Colpodella edax (Klebs, 1892) Simpson & Patterson, 1996 Colpodella gonderi (Foissner & Foissner, 1984) Simpson & Patterson, 1996 Colpodella perforans (Hollande, 1938) Patterson & Zölffel, 1991 Colpodella pontica Colpodella pugnax Cienkowsky, 1865 Colpodella unguis Patterson & Simpson, 1996 Colpodella vorax (Kent, 1880) Simpson & Patterson, 1996 ?Colpodella angusta (Dujardin, 1841) Simpson & Patterson, 1996 ?Colpodella turpis Simpson & Patterson, 1996

Aspectos clínicos

Estes organismos non se consideran normalmente patóxenos para os humanos. Porén, existe un informe dunha infección nos eritrocitos dunha muller chinesa que tiña unha deficiencia de células asasinas naturais.Yuan CL, Keeling PJ, Krause PJ, Horak A, Bent S, Rollend L, Hua XG (2012) Colpodella spp.-like parasite infection in woman, China. Emerg Infect Dis 18(1):125-127 doi: 10.3201/eid1801.110716

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Alveolados