A arquieparquía de Przemyśl-Varsovia é unha sé metropolitana da Igrexa Católica Ucraína en Polonia. En 2009 contaba con arredor de 30.000 bautizados. Dende 2015 o seu metropolita é Eugeniusz Popowicz.

Territorio A arquieparquía abrangue as rexións oriental e meridional de Polonia, aínda que os fieis de rito bizantino concéntranse nas rexións limítrofes con Ucraína. A propia sé arquiepiscopal, Przemyśl, atópase preto da fronteira.

En Przemyśl está a catedral de San Xoán Bautista, e en Varsovia a concatedral da Dormición da Virxe María. O territorio está dividido en seis decanatos e 85 parroquias.

A arquieparquía limita ao oeste coa súa sufragánea de Wrocław-Gdańsk, ao leste co exarcado arquiepiscopal de Lutsk e coa eparquía de Sokal-Zhovka, e ao sueste coa arquieparquía de Lviv e coa eparquía de Sambir-Drohobych. Tamén limita ao sur coa arquieparquía eslovaca de Prešov, ao suroeste coa eparquía eslovaca de Bratislava, e ao oeste co exarcado apostólico ruteno da República Checa.

Historia O bispo ortodoxo de Przemyśl, Mykhailo Kopystenskyi, non aceptou a Unión de Brest de 1596. Porén, logo do seu pasamento, o metropolita Ipatii Potii nomeou en 1610 a un bispo favorable á unión, Atanasii Krupetskyi.

En 1620 o patriarca de Xerusalén Teófanes III restableceu a metrópole ortodoxa de Kíiv baixo a súa xurisdición, nomeando como primeiro metropolita a Yov Boretskyi. Como bispo de Przemyśl, Teófanes consagrou a Isaia Kopynskyi, iniciándose unha sucesión de bispos ortodoxos paralela á de bispos católicos.

A eparquía ortodoxa entrou novamente en comuñón coa Igrexa católica ao aceptar o bispo Inokentii Vynnytskyi a unión en 1691. Inicialmente a eparquía formaba parte da metrópole de Kíiv, Galicia e toda a Rus.

O 22 de febreiro de 1807, por mor da bula En universalis Ecclesiae de Pío VII que separou a metrópole en dúas, pasou a formar parte da metrópole de Galicia.

O 10 de febreiro de 1934 cedeu parte do territorio para a creación da administración apostólica de Łemkowszczyzna, que deixou na práctica de existir logo da segunda guerra mundial.

Coa chegada do comunismo, os territorios da eparquía dividíronse entre a RSS de Ucraína e a República Popular de Polonia, e comezou a supresión forzada da Igrexa Católica Bizantina Ucraína. Na eparquía de Przemyśl, o seu bispo Yosafat Kotsylovskyi foi deportado á Unión Soviética, finando nun campo de prisioneiros en 1947. Canda el, tamén foi detido o seu auxiliar Hryhorii Lakota, quen foi martirizado en prisión en 1950. Ambos os dous foron beatificados por Xoán Paulo II o 27 de xuño de 2001.

Coa alarmante situación, o primado de Polonia August Hlond pediu permiso a Pío XII para organizar á Igrexa Ucraína en Polonia. O papa nomeouno enviado especial para todos os grecocatólicos de Polonia o 10 de decembro de 1946. Logo do pasamento de Hlond, o seu sucesor Stefan Wyszyński nomeou o sacerdote grecocatólico Vasyl Hrynyk secretario para os grecocatólicos, e en 1967 vigairo xeral.

O 2 de abril de 1977 o arcebispo maior de Lviv Yosyf Slipyi consagrou bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok a Ivan Khoma en Roma. Porén, Khoma permaneceu no exilio sen poder tomar posesión da sé.

En 1981 o primado de Polonia Józef Glemp creou dúas vigairías para os grecocatólicos en Polonia. Como vigairo do sur do país foi nomeado Jan Martyniak, quen o 20 de xullo de 1989 foi nomeado bispo auxiliar de Przemyśl. En 1991 Khoma renunciou ao cargo, e Martyniak foi nomeado bispo de Przemyśl co restabelecemento das liberdades para os greco-católicos.

O 24 de maio de 1996 a sé foi elevada ao rango de arquieparquía, tomando o nome actual. O 1 de xuño de 1996 cedeu parte do territorio para erixir a eparquía de Wrocław-Gdańsk, pasando a ser sé metropolitana.

O 25 de novembro de 2020 tanto a arquieparquía de Przemyśl-Varsovia como a eparquía de Wrocław-Gdańsk cederon territorio para a creación da eparquía de Olsztyn–Gdańsk.

Episcopoloxio A partir de 1610 os bispos grecocatólicos foron os seguintes: Atanasii Krupetskyi (1610 - 1652, finado) Prokip Khmelovskyi (1652 - 1664, finado) Antin Terletskyi (1664 - 1669, finado) Ivan Malakhovskyi (1670 - 1691, nomeado bispo de Chełm)

En 1691 o bispo ortodoxo aceptou a unión, unificándose as sés ortoxa e grecocatólica: Inokentii Vynnytskyi (1691 - 1700, finado) Yurii Vynnytskyi (1700 - 1713, finado) Lev Kyshka, administrador apostólico (1713 - 1715) Yeronim Ustrytskyi (1715 - 1746, retirado) Onufrii Shumlianskyi (1746 - 1762, finado) Atanasii Andrii Sheptytskyi (1762 - 1779, finado) Maksymiliian Rylo, administrador apostólico (1780 - 1785) Maksymiliian Rylo (1785 - 1793, finado) Antin Anhelovych (1796 - 1813, renuncia) Mykhailo Levytskyi (1813 - 1816, renuncia) Ivan Snihurskyi (1818 - 1847, finado) Hryhorii Yakhymovych (1848 - 1860, nomeado arcebispo de Lviv) Toma Polianskyi (1860 - 1867, renuncia) Yosyf Sembratovych, administrador apostólico (1867 - 1870) Ivan Stupnytskyi (1872 - 1890, finado) Yulian Sas-Kuilovskyi, administrador apostólico (1890 - 1891) Yulian Pelesh (1891 - 1896, finado) Kostiantyn Chekhovych (1896 - 1915, finado) Yosafat Kotsylovskyi (1917 - 1947, finado)

En 1946 Pío XII encarga a August Hlond atención aos grecocatólicos de Polonia: August Hlond, enviado especial para os grecocatólicos en Polonia (1946 - 1948) Stefan Wyszyński, enviado especial para os grecocatólicos en Polonia (1948 - 1981) Vasyl Hrynyk, secretario para os grecocatólicos en Polonia (1948 - 1967) e vigario xeral (1967 - 1977) Józef Glemp, enviado especial para os grecocatólicos en Polonia (1981 - 1991) Jan Martyniak, vigario para os grecocatólicos do sur de Polonia (1981 - 1991)

Ao mesmo tempo, no exilio, Yosyf Slipyi consagrou un bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok: Ivan Khoma (1977 - 1991, renuncia)

Dende 1991 recupérase a normalidade na sucesión: Jan Martyniak (1991 - 1996, elevación e reorganización da sé)

En 1996 elévase a sé ao rango de arquieparquía metropolitana: Jan Martyniak (1996 - 2015, renuncia) Eugeniusz Popowicz (2015 - actualidade)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial

Przemysl-Varsovia Categoría:Divisións territoriais da Igrexa católica bizantina ucraína Przemyśl