miniatura|dereita|300px|Restos de produtos de Atari en Alamogordo O enterro de videoxogos de Atari foi un soterramento masivo de cartuchos de videoxogos, consolas e computadoras nun vertedoiro de Novo México, levado a cabo pola compañía norteamericana Atari, Inc. no ano 1983. Entre os obxectos soterrados a crenza popular indicaba que se incluíran copias non vendidas de E.T. the Extra-Terrestrial, un dos maiores fracasos comerciais dos videoxogos e frecuentemente citado como un dos peores videoxogos da historia, así como cartuchos da adaptación do videoxogo Pac-Man para a Atari 2600, que si tivo éxito comercial pero recibira gran cantidade de críticas negativas.
Dende o momento en que a prensa deu a coñecer o enterro existiron dúbidas sobre a súa veracidade e alcance, facendo que habitualmente se desbotase o feito por considerarse unha lenda urbana. Porén, o evento converteuse nun símbolo cultural e nun recordatorio da crise norteamericana dos videoxogos de 1983, marcando a fin dun pobre ano fiscal para Atari, Inc., que acabaría sendo vendida pola súa empresa nai Warner Communications. Na crenza popular indicábase que dous millóns de copias de E.T. foran soterradas no vertedoiro, pero declaracións posteriores de empregados de Atari confirmaron que os números foran do arredor duns 700 000 cartuchos de varios títulos, incluíndo os de E.T.
No ano 2014 Fuel Industries, Microsoft e outras empresas traballaron xunto o goberno de Novo México para realizar unha escavación no sitio e validar os contidos do vertedoiro como parte dun documental titulado Atari: Game Over. O 26 de abril de 2014 a escavación revelou diversos cartuchos de xogos desbotados así como pezas de hardware. Só unha pequena fracción dos obxectos soterrados foron recuperados, uns 1300 deles, cunha parte destinada para a súa curación e o resto destinados a súa venda en poxa para recadar fondos para un museo que conmemorase o soterramento.
Circunstancias Dificultades financeiras A empresa Atari, Inc. fora adquirida por Warner Communications no ano 1976 por uns 28 millóns de dólares, e o seu valor neto acadara os 2000 millóns de dólares no ano 1982. Naquel momento a compañía tiña unha cota de mercado dos videoxogos do 80%, e era a responsable da metade dos beneficios da súa empresa nai, abarcando entre o 65 e o 70% dos seus beneficios operativos. No último cuarto de 1982 as expectacións de crecemento para o ano seguinte estaban estimadas no arredor do 50%. Porén, o 7 de decembro de 1982 a empresa informou que os seus beneficios só se incrementaran nun 10–15%. Ó seguinte día o prezo das accións de Warner Communications caeu nun terzo do seu valor, e o cuarto fiscal rematou cunha diminución dun 56% dos beneficios para Warner. A maiores disto, o CEO de Atari, Ray Kassar, foi investigado por posibles cargos de aproveitamento de información privilexiada como resultado da súa venda dunhas 5000 accións de Warner media hora antes do informe dos baixos resultados de beneficios de Atari. Kassar non foi finalmente culpado, pero foi forzado a dimitir en xullo de 1983. Atari, Inc. acabou perdendo uns 536 millóns de dólares en 1983, e foi vendida por Warner Communications ó ano seguinte.
Títulos con problemas miniatura|dereita|Restos de E.T. the Extra-Terrestrial e Centipede en Alamogordo A tendencia de Atari de realizar adaptacións de videoxogos arcade para a súa consola doméstica tivo como resultado algúns dos xogos con maior éxito comercial da empresa, incluíndo a adaptación de Asteroids e as versións baixo licenza do Space Invaders de Taito e do Pac-Man de Namco. Cando este último foi adaptado oficialmente para a Atari 2600, Atari tiña a a confianza de que o número de vendas sería alto, polo que manufacturou 12 millóns de cartuchos malia que o número de consolas Atari 2600 vendidas fora só duns 10 millóns de uniades. A empresa considerou que o xogo acadaría un éxito suficiente como para reportar uns 500 millóns de dólares en beneficios, e que aumentaría as vendas de consolas en varios millóns xa que os xogadores procurarían xogar esta adaptación doméstica do xogo. Porén, o produto final, publicado en marzo de 1982, recibiu abondosas críticas negativas por mor da súa pobre xogabilidade, e malia converterse no xogo máis vendido para esta consola cuns 7 millóns de unidades vendidas, deixou a Atari con máis de 5 millóns de cartuchos non vendidos, problema que aumentou debido o alto número de clientes que devolveron o videoxogo trala súa compra.
A maiores dos problemas causados polo baixo número de vendas de Pac-Man, Atari pasou dificultades como resultado da súa adaptación a videoxogo do filme E.T. the Extra-Terrestrial. O xogo, titulado tamén E.T. the Extra-Terrestrial, foi o resultado dun acordo entre Warner Communications e o director do filme Steven Spielberg. O concepto dun videoxogo baseado nun filme, no lugar da adaptación dunha máquina arcade ou a continuación nunha serie de videoxogos xa establecida, considerábase unha novidade por aquel entón. Informes posteriores indicaron que Warner pagara entre 20 e 25 millóns de dólares polos dereitos, unha cantidade elevada naquel entón para unha licenza dun videoxogo. Atari produciu 5 millóns de cartuchos do xogo, pero trala súa publicación en decembro de 1982 só se venderon 1,5 millóns de copias, deixando a Atari con máis da metade dos cartuchos do xogo sen vender. O xogo recibiu críticas negativas xeneralizadas, e está considerado un dos peores videoxogos da historia. Earl Paige da revista Billboard informou que o gran número de copias non vendidas de E.T the Extra-Terrestrial xunto a un aumento na competición foi causante de que as tendas demandasen programas oficiais de devolucións ás empresas fabricantes de videoxogos.
Aos fracasos comerciais destes títulos engadíronse os tratos comerciais de Atari feitos dende 1981. Confiada nun gran número de vendas, a empresa comunicara as súas distribuidoras que fixeran os seus pedidos de 1982 todos xuntos. Xa que as vendas de videoxogos sufriron unha diminución nese ano, as distribuidoras, que realizaran pedidos en masa en previsión de beneficios, víronse obrigadas a devolver grandes cantidades de unidades non vendidas a Atari. Como resultado disto a empresa viuse en posesión de varios millóns de cartuchos de videoxogos que non foi capaz de vender.
Soterramento En setembro de 1983 o xornal Alamogordo Daily News de Alamogordo en Novo México, informou nunha serie de artigos que entre 10 e 20 camións con caixas, cartuchos e hardware de Atari procedentes do seu almacén en El Paso (Texas) foran compactados e soterrados nun vertedoiro da cidade. Este era o primeiro acordo de Atari co vertedoiro, escollido xa que alí estaba prohibida a recuperación de obxectos e a lixo compactábase e soterrábase cada noite. A explicación oficial fornecida por Atari para este soterramento foi que estaba a mudar os seus xogos dende a Atari 2600 cara a Atari 5200, mais posteriormente un traballador anónimo da empresa declarou de forma contraditoria que ese non era o motivo. O empregado de Atari Bruce Enten afirmou que Atari estaba enviando na súa maioría material roto ou devolto por clientes cara ao vertedoiro, e que era "na súa maioría cousas que non funcionan".
miniatura|esquerda|Produtos de Atari soterrados no vertedoiro de Alamogordo. O 27 de setembro de 1983 o servizo de novas UPI informou que "a xente presenciando a operación declarou que incluía casetes dos coñecidos videoxogos E.T., Pac-Man, Ms. Pac-Man, as consolas usadas para xogar a estes xogos nos televisores e ordenadores persoais de alta gama." O servizo de novas Knight-Ridder engadiu a esta nova que o 28 de setembro varios rapaces da vila foran ó vertedoiro "comezando a roubar a tumba de Atari, volvendo con cartuchos de xogos como E.T., Raiders of the Lost Ark, Defender e Berzerk".
O 28 de setembro de 1983 o xornal The New York Times publicou a historia da vertedura de Atari en Novo México. Un representante de Atari confirmou a historia presentada no xornal, afirmando que o inventario desbotado proviña do edificio de Atari en El Paso, que ía pecharse e converterse nun centro de reciclaxe. O informe indicaba que o sitio estaba vixiado para previr que xornalistas e público puidesen confirmar os contidos da vertedura. O artigo non chegaba a suxerir ningún título específico dos xogos que estaban a destruírse, mais en artigos posteriores foi habitual que se ligase a historia da vertedura ó coñecido fracaso do videoxogo de E.T.
A partir do 29 de setembro de 1983 comezou a botarse unha capa de cemento por riba do material destruído, algo pouco habitual no tratamento de residuos. Un traballador anónimo do vertedoiro afirmou que o motivo disto era que "hai animais aí abaixo, non queremos que ningún rapaz se manque escavando no vertedoiro". Eventualmente as protestas xurdiron na cidade por mor da gran cantidade de obxectos que Atari estaba a depositar no vertedoiro, e as autoridades locais ordenaron que a vertedura tería que finalizar en pouco tempo. A cidade promulgou unha ordenanza para limitar as actividades futuras do vertedoiro, e o naquel entón alcalde Henry Pacelli, comentou que "non queremos que volva a ocorrer algo como isto nunca máis".
Simbolismo cultural e especulación Todos estes factores deron lugar á especulación de que a maioría dos 3,5 millóns de copias non vendidas de E.T. the Extra-Terrestrial acabaron neste vertedoiro, destruídas e soterradas baixo cemento. Tamén se publicaron informacións indicando que prototipos do sistema de control Atari Mindlink foron depositados no lugar, contribuíndo ás especulacións do contido das verteduras, xa que no Museo Atari hai exemplares deste prototipo. John Wills, nun artigo da Pacific Historical Review, especulou que a localización do vertedoiro, próximo ós lugares da Proba nuclear Trinity e do Caso Roswell, incrementou a popularidade da historia.
A información contraditoria que acompañou ó enterramento deu lugar a que se chamase o "Vertedoiro de E.T." e se convertese nunha lenda urbana, que á súa vez deu lugar ó escepticismo e á dúbida sobre a veracidade da historia da vertedura en si mesma, e da relevancia do evento na crise da industria dos videoxogos do ano 1983. En outubro de 2004 Howard Scott Warshaw, o programador de E.T. the Extra-Terrestrial, expresou a súa dúbida de que a destrución de millóns de copias chegase a ocorrer. Na súa opinión, a caída de Atari debeuse máis a un resultado das súas prácticas de negocio, incluíndo a venda en conxunto de videoxogos de pouco éxito xunto a outros de maior número de vendas, que a ningún fracaso dun xogo en particular. Esta opinión foi compartida posteriormente por Travis Fahs de IGN, quen indicou que os problemas de Atari xurdiron da sobreestimación da empresa dos beneficios operativos en base as vendas de exemplares de Atari 2600 no lugar de estar causados pola calidade individual dos xogos publicados para esta plataforma.
Este suceso tamén pasou a ser considerado unha especie de símbolo cultural representativo da crise norteamericana dos videoxogos de 1983, citándose como un aviso de precaución perante as malas prácticas comerciais, malia que tamén se suxeriu que o soterramento axudou á empresa a eliminar o material desbotado para aliviar o pago de impostos.
Na cultura popular Existen diversas referencias ó enterramento na cultura popular. O vídeo musical para o tema ""When I Wake Up" de Wintergreen amosa ó grupo viaxando ata o vertedoiro e cavando para recuperar os cartuchos abandonados. A novela Lucky Wander Boy de D.B. Weiss inclúe unha escena que ten lugar preto de Alamogordo, na que dous dos personaxes conversan nun aparcadoiro construído sobre o vertedoiro. O filme de 2014 Angry Video Game Nerd: The Movie inclúe unha liña argumental centrada no soterramento,, e en decembro de 2015 o evento e o seu legado presentáronse como un dos elementos principais do argumento no episodio titulado The Games Underfoot da serie de televisión Elementary.
Escavación