Begoña Villacís Sánchez, nada en Madrid o 4 de novembro de 1977, é unha avogada e política española. Dende 2015 é concelleira e voceira de Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía no Concello de Madrid. Dende xuño de 2019, foi a vicealcaldesa de Madrid.

Traxectoria Estudou no colexio concertado de La Salle San Rafael, e tras ver a película Doce homes sen piedade, decidiu ser avogada.

Licenciouse en Dereito pola Universidade San Pablo CEU no ano 2000. Dous anos despois realizou un máster en asesoría fiscal e dereito tributario na Universidade Pontificia de Comillas. Dende xuño de 2003 foi responsable das áreas de dereito tributario, laboral e mercantil de Legalitas. Durante tres anos viviu en Virxinia, nos Estados Unidos.

Como experta en dereito colaborou de forma habitual en programas de televisión como Amigas y conocidas, El gato al agua, España Directo e La mañana de La 1. Foi precisamente nunha tertulia televisiva onde coñeceu ao presidente do partido Ciudadanos, Albert Rivera.

Votante deste partido comezou a colaborar con eles en setembro de 2014, asesorándoos gratuitamente sobre impostos locais e afiliouse a principios de 2015. En febreiro de 2015, mantivo unha xuntanza con Vox, na que este partido lle ofreceu un posto na súa candidatura para as eleccións de 2015 á Asemblea de Madrid, mais preferiu manter o seu compromiso con Ciudadanos. No mesmo mes, conseguiu 234 avais para se presentar como candidata de Ciudadanos á alcaldía de Madrid e, finalmente, impúxose a Jaime Trabuchelli, o outro precandidato, por 357 votos fronte a 230.

O mesmo ano, 2015, á fronte do seu partido, conseguiu nas eleccións de maio de 2015, 7 concelleiros, converténdose na cuarta forza do consistorio de Madrid, onde exerceu como voceira do grupo municipal de Cidudadanos entre 2015-2019. Nesas eleccións, Begoña non puido votarse a si mesma porque reside no municipio madrileño de Villanueva del Pardillo.

Nas eleccións municipais de maio de 2019 en Madrid, a candidatura de Ciudadanos, encabezada de novo por ela, conseguiu 11 concelleiros (catro máis que en 2015). Posteriormente, pactou un goberno de coalición PP+C's no que se investiu como alcalde a José Luis Martínez-Almeida e, ela, ocupou o cargo de Vicealcaldesa. Unha das súas iniciativas foi o desenvolvemento do Bosque Metropolitano.

Polémica Até o seu cesamento en marzo de 2018, foi administradora solidaria da empresa Iuriscontencia, despacho de avogados que asesorou legalmente á Unión de Policías de Madrid. Esta circunstancia non quedou reflectida nas ​declaracións de 2015, 2016 e 2017, como se pode observar no portal de transparencia municipal, a pesar de que, como concelleira electa en 2015 do Concello de Madrid, estaba obrigada a facelo tanto na declaración de bens como nas súas actividades, entre elas os cargos mercantís, segundo establece o artigo 8.1 h) da Lei de Transparencia e 0 75.7 da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local (LBTL).

Vida persoal Estivo casada co tamén avogado Antonio Suárez-Valdés, con quen tivo tres nenas, e do que se divorciou en 2020.

Seu irmán, Borja Villacís, foi asasinado durante un axuste de contas relacionado co narcotráfico en Madrid. Tanto o propio Borja como o seu asasino estaban moi ligados a grupos neonazis violentos, e tiñan antecedentes por agresión e outros delitos, ademais de dedicarse ao tráfico de drogas.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Entrevista en Impasse Mag Entrevista na revista Jot Down

Categoría:Políticos de Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía Categoría:Alumnos da Universidade San Pablo CEU Categoría:Alumnos da Universidade Pontificia Comillas Categoría:Concelleiros de Madrid Categoría:Avogados Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1977