miniatura|Fuxida a Exipto de Giotto, capela dos Scrovegni, Padua, Italia. A pintura gótica, unha das expresións da arte gótica, apareceu apenas en 1200 ou case 50 anos despois do inicio da arquitectura e escultura góticas. A transición do Románico cara ao Gótico é bastante imprecisa e non hai unha creba definida, mais pódese percibir o inicio dun estilio máis sombrío e emotivo que o do período anterior. Esta transición ocorre primeiro en Inglaterra e Francia preto de 1200, en Alemaña preto de 1220 e en Italia preto de 1300.
A característica máis evidente da arte gótica é un naturalismo cada vez maior. Esa calidade, que xorde por primeira vez na obra dos artistas italianos de finais do século XIII, marcou o estilo dominante na pintura europea até o remate do século XV.
O período gótico estendeuse por máis de douscentos anos, xurdindo en Italia e espallándose cara ao resto de Europa. Os italianos foron os primeiros en empregar o termo gótico, indicando desprezativamente a arte que se produciu no Renacemento serodio, pero que aínda seguía un estilo medieval. Era unha referencia ao pasado bárbaro, en especial aos godos. A palabra perdeu o ton pexorativo e pasou a designar o período artístico entre o Románico e o Renacemento. A arte gótica pertence, sobre todo, aos últimos tres séculos da Idade Media.
A pintura (a representación de imaxes nunha superficie) durante o período gótico era practicada en catro principais técnicas: frescos, táboas, iluminación de manuscritos e vidreiras. Os frescos continuaron a ser empregados como o principal oficio pictográfico narrativo nas paredes de igrexas no sur de Europa como continuación de antigas tradicións cristiás e románicas. No norte, as vidreiras foron os máis difundidos até ao século XV. A pintura de táboas comezou en Italia no século XIII e esparexeuse por Europa, volvéndose a forma dominante no século XV, superando mesmo as vidreiras. A iluminación de manuscritos representa o rexistro máis completo da pintura gótica, fornecendo un rexistro de estilos en lugares onde non sobreviviu ningún outro traballo. A pintura ao óleo en lona non se volveu popular até aos séculos XV e XVI e foi un dos oficios característicos da arte renacentista.
No comezo do período gótico, a arte era producida principalmente con fins relixiosos. Moitas pinturas eran recursos didácticos que facían o cristianismo visíbel para unha poboación analfabeta; outras eran expostas como iconas para intensificar a contemplación e as preces. Os primeiros mestres do góticos preservaron a memoria da tradición bizantina, mais tamén crearon figuras persuasivas, con perspectiva e con perfección no trazo. En efecto, producíronse lentos avances no uso da perspectiva e doutras cuestións técnicas en pintura en canto ao tratamento dos soportes (que permiten a maior difusión dunha arte mobiliar), os pigmentos e os aglutinantes.
Características xerais A características máis evidente da arte gótica é un naturalismo cada vez maior, fronte ás simplificadas e idealizadas representacións do románico. Considérease que esta característica xorde por vez primeira na obra dos artistas italiano de finais do século XIII, e que marcou o estilo dominante na pintura europea até o final do século XV. A pintura gótica aproxímase á imitación á natureza que será o ideal no Renacemento, incluíndo a representación de paisaxes, porén, segue a ser pouco usual. Despréndese dos convencionalismos e amaneiramentos bizantinos e románicos, mais non toma como ideal de beleza a arte grega nin romana antiga. Polo mesmo, aínda que dita pintura é un verdadeiro renacemento, distínguese da propiamente chamada do Renacemento clásico en que non valora, como esta, a súa perfección na beleza das formas exteriores (que, aínda sen descoidalas, resultan, ás veces, algo incorrectas na pintura gótica) senón, sobre todo, na expresión da idea relixiosa e en dar ás figuras certo sabor místico e eminentemente cristián. A pesar diso, tamén hai que dicir que é neste momento no que comez a pintura profana, isto é, a pintura en que os temas xa non son sempre relixiosos.
No gótico, en correspondencia coas novas tendencias filosóficas e relixiosas (recuperación da filosofía de Aristóteles a través do averroísmo, humanismo de san Francisco de Asís) tendeuse a aproximar a representación dos personaxes relixiosos (os santos, os anxos, a Virxe María e Cristo) nun plano máis humano que divino, deixándolles amosar emocións e sentimentos (pracer, dor, tenrura, anoxo), rompendo o hieratismo e formalismo románico. O artista gótico busca a súa inspiración na vida. Hai moito sentimento nas obras góticas. Paralelamente, a cultura burguesa demanda unha nova elegancia dentro da arte. Hai máis detalles narrativos, máis frescura, cor, luminosidade... que se acadan con técnicas máis refinadas.
'Texto en negra''''Texto en negra''''== Técnicas''' ==
Pintura mural A pintura mural ou frescos seguiron a se usar como o principal medio para a narración pictórica nas paredes das igrexas no sur de Europa, especialmente en Italia, como unha continuación das tradicións cristiá e románica anteriores. Fóra de Italia non se cultivaron moito. Italia, apegada á forma basilical das igrexas, conservou maior extensión nos muros para as pinturas e mosaicos que narran historias relixiosas.
Na Toscana, as escolas sienesa e florentina, con Giotto como o máis grande dos pintores do Trecento, continuaron a tradición da gran pintura mural, xa que a arquitectura gótica non chegou a botar raíces en Italia como en Francia. Esta pintura toscana do Trecento, sendo plenamente gótica, anticipa xa o Renacemento. Os nomes máis destacados foron Cimabue e Giotto.
Vidreiras miniatura|esquerda|Vitral da cabeceira da igrexa de San Pedro de Caen (século XIII). Normandía, Francia. Fronte ao que ocorre en Italia, no norte de Europa, as vidreiras foro a arte preferida até o século XV. O desenvolvemento da arquitectura gótica coa progresiva substitución do muro por grandes xanelas con vitrais de cores que permiten o paso cara ao espazo interior dunha luz polícroma e matizada, implicou, nas grandes catedrais góticas de Francia, á práctica desaparición da pintura mural que se desenvolvera amplamente nos muros das igrexas románicas.
O muro translúcido foi o primeiro espazo propio o ámbito onde se desenvolveron as artes do debuxo e da cor no Gótico. Durante a Baixa Idade Media a arte dos vitrais das catedrais e igrexas desenvolveuse, en Europa, paralelamente coa arquitectura gótica, a cal se caracterizaba pola altura das súas naves e a audacia das súas estruturas con bóvedas de cruzaría que se apoiaban en esveltos soportes e arcobotantes para transmitir ao chan o peso e o impulso das bóvedas, liberando das funcións resistentes aos muros dos edificios que progresivamente foron substituídos por fiestras e trazarías ou encaixes de pedra con vitrais de cor. miniatura|dereita|Rosetón do convento de San Francisco de Pontevedra. Nunha primeira etapa as cores son vivas e saturadas, o chumbo delimita as formas, as cales son deliñadas con precisión para poder ser vistas a través da irradiación luminosa da vidreira, isto conduce á tendencia de descompor a vidreira en medallóns, nichos ou outro tipo de compartimentos. As vidreiras revelan, máis que ningunha outra arte, o compoñente irrealista e artificial da arte gótica.
A mediados do século XIII prodúcese unha modificación profunda da gama de cores xa que os fondos incoloros asócianse aos tons crebados das escenas e figuras. Cunha gama potente mais restrinxida, as miúdas figuras humanas fanse máis axitadas e libres. Na igrexa de San Urbano de Troyes (cara a 1270) ou nas vidreiras de medio punto da catedral de Beauvais, é onde se dan os mellores exemplos destas innovacións.
No século XIV, tras a descuberta do amarelo de prata os vitrais gañan en lixeireza, enchéndose dun preciosismo dourado que denantes nunca tiveron. En Normandía, no coro de Saint-Ouen de Ruán e na catedral de Évreux atópanse unhas vidreiras moi ben valoradas. A arte das vidreiras culmina nun estilo exquisito dunha calidade igual ou superior ás obras mestras da miniatura. Na cunca do Loira, en Champaña ou en Alsacia complétase o panorama das vidreiras en Francia, culminando nas naves laterais da catedral de Estrasburgo.
En Inglaterra salienta a gran fiestra occidental da catedral de York. En España, as vidreiras máis destacadas son as da catedral de León.
Miniaturismo e ilustración de libros miniatura|esquerda|Cantigas de Santa María, Afonso X o Sabio. Os manuscritos iluminados representaron a máis completa documentación da pintura gótica, rexistrando nas súas miniaturas a existencia dunha serie de estilos en lugares onde non sobreviviron outras obras monumentais. Na pintura dos códices (ou miniaturas), sobre todo en Francia, buscando a realidade e a delicadeza nas figueras, aínda lles fallaba moito a estas para seren modelos en debuxo e perspectiva.
As miniaturas consistían en pequenas composicións: pinturas ou debuxos de figuras enmarcadas nas letras iniciais ou en diversos comportamentos como medallóns, arabescos etc. Chamábanse miniaturas porque realizábanse con minio ou óxido de ferro, mesturado con colorantes naturais.
No período románico e no primeiro gótico os temas tiñan carácter sacro, a súa composición estaba influída por criterios similares aos que rexían para os vitrais das catedrais e igrexas do propio período. No século XIV, introducíronse temas profanos e a arte das miniaturas trasladouse aos obradoiros artesanos de París, Borgoña e Flandres.
Os manuscritos ilustrados tiveron unha ampla difusión internacional, a través das cortes da nobreza europea.
Destacados miniaturistas foron Jean Pucelle, Jacquemart de Hesdin e os irmáns Limbourg. Quizais o máis famoso manuscrito gótico sexa Les Très Riches Heures du duc de Berry.
Pintura sobre táboa Aínda que se dixo que a pintura gótico ten o seu espazo propio nos grandes vitrais das catedrais e nas miniaturas polícromas dos libros, o certo é que a pintura propiamente dita onde subsistiu foi nos retablos, as táboas pintadas que forman os frontais ou os laterais dos altares e nos muros das capelas laterais. Pode diferenciarse, ademais, entre os retablos, que son táboas pintadas ou esculpidas que decoran os altares das igrexas, e as táboas de devoción, individuais, de menor tamaño, que adornas as igrexas e as casas particulares.
A pintura sobre táboa, xeralmente retablos, impúxose por toda Europa. No século XV era xa a forma pictórica predominante, suplantando incluso as vidreiras. De táboas ou frontais únicos pasouse a dípticos, trípticos e logo complicados polípticos que combinaban numerosas pezas até chegar aos grandes retablos do século XIV, con moitas táboas que se organizan co banco ou predela (corpo inferior) e rúas verticais, separadas por estreitas entrerrúas; na rúa central representábase o tema principal do retablo.
Executábase a témpera, que empregaba como aglutinante o ovo ou a cola obtida dos ósos de animais. É novidade da última fase do gótico o cambiar ese aglutinante por aceite, dando así lugar á pintura ao óleo. O óleo sobre lenzo non se fixo popular até os séculos XV e XVI e foi o punto de partida da arte renacentista.
Fases da pintura gótica
Estilo gótico lineal O estilo gótico lineal desenvólvese entre o século XIII e o XIV, e salienta a importancia que lle dá ás liñas do debuxo. Predomina un cromatismo vivo fronte aos matices de cor. Os temas, naturalistas, trátanse con sinxeleza.
Exemplifica esta época as vidreiras das catedrais e as miniaturas. En Francia, sobresae o conxunto da catedral de Chartres. Outras vidreiras son as das catedrais de Bourges, Tours, Bayeux e a da Sainte-Chapelle de París.