The Hunger Games (en galego, Os xogos da fame) é unha triloxía de novelas xuvenís distópicas de ciencia ficción e aventuras escritas por Suzanne Collins. A serie transcorre nun universo propio e narra o que lles acontece aos mozos protagonistas Katniss Everdeen e Peeta Mellark.
A triloxía está composta polas seguintes obras: The Hunger Games (2008), Catching Fire (2009) e Mockingjay (2010). Todas elas foron adaptadas ao cine e teñen a súa versión cinematográfica, coa adaptación do último libro dividida en dúas partes. Os dous primeiros libros formaron parte da lista dos libros máis vendidos de The New York Times e o terceiro libro encabezou todas as listas de libros máis vendidos nos Estados Unidos de América no seu lanzamento. Cando a adaptación cinematográfica do primeiro libro se estreou en 2012, a editorial vendera máis de 26 millóns de libros da triloxía.
O universo de The Hunger Games é unha distopía que transcorre en Panem, un país formado polo adiñeirado Capitolio e 12 distritos con distintos graos de pobreza que abastecen o Capitolio. Cada ano, cativos dos distritos son seleccionados para participar obrigatoriamente nos xogos da fame, unha loita a morte televisada.
Todas as novelas recibiron boas críticas. En agosto de 2012, a serie quedou segunda na enquisa da NPR das 100 novelas xuvenís preferidas polos lectores, unicamente superada pola serie Harry Potter. O 17 de agosto de 2012, Amazon anunciou que a triloxía The Hunger Games era a máis vendida, superando a marca que previamente tiña a heptaloxía Harry Potter. Ata o ano 2014, a triloxía vendeu máis de 65 millóns de copias unicamente nos Estados Unidos de América. Ademais, a triloxía The Hunger Games foi traducida a máis de 50 linguas, entre as que non se atopa o galego.
Historia A triloxía The Hunger Games transcorre nun tempo futuro non especificado, na distópica e postapocalíptica nación de Panem, localizada en América do Norte. Panem está formado polo Capitolio, unha cidade rica situado no que eran as montañas Rochosas, e doce (orixinalmente trece) distritos máis pobres gobernados polo Capitolio e situados ao seu redor. Estes distritos, con distintos graos de pobreza, atenden as necesidades de abastecemento do Capitolio, que conta con todo tipo de luxos e é tecnoloxicamente avanzado. A narradora e protagonista da triloxía Katniss Everdeen vive no Distrito 12, o máis pobre de Panem, situado en Appalachia, onde é frecuente que a xente morra de fame. Como castigo por unha rebelión en contra o Capitolio, durante a que o Distrito 13 foi supostamente destruído, un mozo e unha moza de entre doce e dezaoito anos procedente de cada un dos doce distritos restantes son seleccionados por sorteo e obrigados a participar anualmente nos xogos da fame. Os xogos son un evento televisado no que os participantes, chamados "tributos", deben loitar a morte nun estadio ao aire libre ata que só quede un sobrevivente, que será o vencedor. O tributo gañador e o seu distrito correspondente reciben entón comida, provisións e outros víveres. Os obxectivos dos xogos da fame son proporcionar lecer á xente do Capitolio e lembrar aos distritos o poder do Capitolio e a falta de remordemento, esquecemento e perdón pola rebelión infrutuosa dos antepasados.
Argumento The Hunger Games
The Hunger Games é o primeiro libro da serie e saíu á venda o 14 de setembro de 2008.
En The Hunger Games, Katniss Everdeen, unha moza de dezaseis anos do Distrito 12, ofrécese voluntaria para acudir aos xogos da fame ocupando o lugar da súa irmá máis nova, Primrose. Peeta Mellark, que está secretamente namorado de Katniss, resulta ser o outro seleccionado por parte do Distrito 12. Ambos reciben os consellos do único supervivente vivo dos xogos pertencente ao Distrito 12, Haymitch Abernathy, que desde entón leva unha vida solitaria e alcólica. Peeta confesa o seu amor por Katniss nunha entrevista televisiva antes dos xogos, o que provoca que o Capitolio utilice este romance mediaticamente. Esta revelación sorprende a Katniss, que ten sentimentos polo seu amigo e compañeiro de caza Gale Hawthorne. Haymitch aconsella a Katniss a xogar cos seus sentimentos por Peeta para gañar patrocinadores que lles envíen agasallos cruciais durante os xogos. Durante os xogos, Katniss establece amizade con Rue, unha cativa do Distrito 11 que lle lembra á súa irmá máis nova. Cando Rue é asasinada, Katniss celebra un memorial como acto de desafío cara ao Capitolio. Logo diso, o Capitolio informa aos tributos de que mudaron as normas e agora dous tributos poden gañar os xogos se ambos pertencen ao mesmo distrito. A partir de entón, Katniss e Peeta traballan xuntos como equipo. Cando os demais tributos morren, e os dous semellan ser os vencedores, a nova regra é revogada. Katniss propón a Peeta cometer un suicidio dobre, coa esperanza de que a norma fose reinstaurada novamente. O seu plan funciona e ambos resultan vencedores. Durante e despois dos xogos, Katiniss desenvolve sentimentos xenuínos cara a Peeta e ten unha loita interna por equilibralos coa conexión que sente con Gale. Cando é claro que o Capitolio está anoxado co desafío de Katniss, Haymitch suxírelle que manteña a súa actuación e siga facendo crer a todos que está namorada, sen dicirllo a Peeta.
Catching Fire
Catching Fire é o segundo libro da serie e saíu á venda o 1 de setembro de 2009.
En Catching Fire, seis meses despois do desafío de Katniss ao Capitolio durante os xogos, empeza unha reacción en cadea pola que os distritos comezan a rebelarse. O Presidente Snow ameaza con facer dano á familia e aos amigos de Katniss se non convence aos distritos de que o que fixo foi por amor a Peeta. Entrementres, Peeta descobre que Katniss non está realmente namorada del, mais ten coñecemento tamén das ameazas, polo que promete seguir actuando para protexer os cidadáns do Distrito 12. Katniss e Peeta viaxan polos distritos como vencedores e programan unha voda pública. Malia seguiren as ordes de Snow e manter o engano, Katniss aviva inadvertidamente a rebelión, co mimogaio que leva prendido da lapela como símbolo. Distrito a distrito, os cidadáns de Panem empezan a levantarse contra o Capitolio. Snow anuncia unha edición especial dos xogos da fame polo seu 75 aniversario, no que Katniss e Peeta se ven forzados a participar contra outros vencedores do pasado, o que obriga a cancelar a voda. Segindo as recomendacións de Haymitch, a parella forma equipo con outros tributos e entre todos conseguen destruír a area da competición e escapar dos xogos. As forzas rebeldes do Distrito 13 rescatan a Katniss, e Gale infórmaa de que o Capitolio destruíu o Distrito 12 e capturou a Peeta e mais á súa aliada do Distrito 7, Johanna Mason. Katniss decátase entón de que formara parte integral da rebelión todo o tempo e que o seu rescate fora planeado por Haymitch, Plutarch Heavensbee e Finnick Odair, entre outros. Tras dubidar ao primeiro, Katniss únese á rebelión.
Mockingjay
Mockingjay é o terceiro e último libro da serie e saíu á venda o 24 de agosto de 2010.
Mockingjay céntrase na rebelión dos distritos contra o Capitolio. Katniss, agora refuxiada no Distrito 13, regresa a casa e contempla os restos do destruído Distrito 12. Por outra parte, descobre que os residentes do Distrito 13 sobreviviron vivindo baixo terra e están liderados pola Presidenta Alma Coin. Finalmente, Katniss acepta converterse no símbolo da rebelión (o "mimogaio") para así recrutar máis rebeldes dos outros distritos. Establece algunhas condicións para que Peeta, Johanna, Annie Cresta e Enobaria, compañeiros vencedores capturados polo Capitolio, non sexan considerados traidores, e que sexa ela a que finalmente asasine a Snow como acto de vinganza, se os rebeldes gañan. Pola súa parte, Peeta sofre un lavado de cerebro e recibe instrucións de matar a Katniss. Cando se reencontran tras o rescate dos presos, el intenta esganala ata a asfixia. Unha vez recuperada, Katniss embarca nunha misión cara ao Capitolio para asasinar a Snow, xunto a Gale, Peeta, Finnick, un equipo de cámaras para facer propaganda da rebelión e outros soldados. Varios dos memrbos deste equipo morren de diversos xeitos, incluído Finnick. Finalmente, cando Katniss consegue chegar ata a mansión de Snow, un grupo de nenos do Capitolio protexe a entrada da mansión como escudo humano, mais unha nave do Capitolio deixa caer bombas que matan os nenos. Os rebeldes envían os equipos médicos, entre os que se atopa Prim. Unha segunda bomba cae e mata a Prim e as axudas médicas rebeldes. Katniss, tamén ferida polas explosións, acorda dun coma e descobre que os rebeldes gañaron, con Snow agardando pola súa execución (que Katniss poderá levar a cabo). Nun encontro previo á execución, Snow suxira que en realidade foron os rebeldes, seguindo indicacións de Coin, os que roubaron as naves do Capitolio e deixaron caer as bombas que mataron a Prim nun intento de deixar a Snow como un bárbaro. Logo diso, Coin pregunta aos vencedores sobreviventes se deben realizar uns derradeiros xogos da fame cos cativos dos oficiais de meirande rango do Capitolio como participantes (entre as que estaría a neta de Snow), para así castigar ao Capitolio polos seus crimes contra os distritos. Durante o que ía ser a execución pública de Snow, Katniss decide matar a Coin e Snow morre sufocado polo seu propio sangue entre gargalladas. Isto leva ao axuizamento de Katniss, mais é declarada inocente porque o xurado determina que non se atopa en boas condicións mentais. Katniss é enviada á casa dos vencedores no Distrito 12 (que non acabara destruída), mentres que a súa nai e Gale conseguen traballos en distritos diferentes. No epílogo, o amor de Peeta contrarresta o lavado de cerebro e Katniss e mais el viven xuntos. A parella ten dous fillos, un neno e unha nena.
Estrutura Cada libro da triloxía The Hunger Games ten tres seccións de nove capítulos cada unha, o que fai un total de 27 capítulos por libro. Collins declarou que este formato está tomado das súas obras de teatro, o que lle ensinou a escribir nunha estrutura de tres actos. A súa anterior serie, The Underland Chronicles, está escrita do mesmo xeito. Segundo ela, cada grupo de nove capítulos son partes separadas da historia.
Inspiración e orixe Collins relatou que a inspiración para a triloxía provén tanto de fontes clásicas e contemporáneas. A súa principal fonte clásica foi o mito grego de Teseo e o Minotauro. Nese mito, como castigo polos crimes do pasado, Minos obriga a Atenas a sacrificar a sete mozos e sete doncelas para o Minotauro, que os mata nun vasto labirinto. Collins comentou que cando era nena a idea aparvouna, xa que "era moi cruel" obrigar a Atenas a sacrificar os seus propios nenos.
Collins tamén citou como inspiración clásica os xogos dos gladiadores romanos. Na súa opinión, ten os tres elementos clave para crear un bo xogo: un goberno todopoderoso e desapiadado, persoas obrigadas a loitar a morte e que o xogo sexa un entretemento popular.
Entre as fontes contemporáneas de inspiración está a fascinación de Collins polos programas de telerrealidade na televisión. Unha noite que Collins pasou por moitas canles de televisión viu a persoas competir por un premio e logo viu imaxes da guerra de Iraq. Collins describiu como estes dous conceptos se combinaron "dunha forma inquietante" na súa cabeza para crear a idea primixenia da serie.
Personaxes Katniss Everdeen é a principal protagonista e narradora dos libros. Ten 16 anos ao comezo do primeiro libro e é unha rapaza calada, independente e feroz. Ten o pelo escuro e longo, pel da cor das olivas e ollos grises, unha característica dos residentes da rexión de minaría do Distrito 12. O seu nome vén dunha planta acuática e vive con súa nai e súa irmá máis nova. A morte de seu pai nun accidente mineiro afundiu a súa nai nunha profunda depresión, forzando a Katniss a converterse na figura materna e a utilizar as súas habilidades na caza ensinadas por seu pai para alimentar a familia.