Ranger 2 foi a segunda sonda do Bloque I do programa Ranger da NASA pensado para enviar sondas non tripuladas á Lúa e fotografar a súa superficie antes de impactar nela. Foi lanzada mediante un Atlas-Agena B o 18 de novembro de 1961 desde a plataforma LC-12 do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.
Características Ao igual que Ranger 1, a misión principal de Ranger 2 foi probar os sistemas e técnicas que permitirían a sucesivas naves ser lanzadas directamente contra a Lúa e fotografala durante o camiño. O obxectivo secundario era estudar as partículas e campos presentes no espazo interplanetario, así como unha posible cola de hidróxeno da Terra.
A nave A sonda estaba formada por unha base hexagonal de 1,5 m de diámetro sobre a cal se atopaba unha estrutura cónica de aluminio de 4 m de alto. A enerxía eléctrica era proporcionada por dous paneis solares que lle daban á nave unha envergadura de 5,2 m; a enerxía almacenábase nunha batería de prata-cinc de 53,5 kg de peso, mentres que baterías máis pequenas alimentaban a certos instrumentos. Acaroada á base atopábase unha antena parabólica de alta ganancia, mentres que o resto de instrumentos repartíanse entre a base e o cono. A bordo atopábase tamén unha antena omnidireccional de media ganancia. As comunicacións corrían a cargo de dous transmisores: un funcionando a 960,1 MHz e 0,25 W de potencia, outro a 960,05 MHz e 3 W. O control de actitude era proporcionado por un controlador de estado sólido, por sensores solares e terrestres e por varios por chorros de control. O control térmico era pasivo, mediante recubrimentos dourados, pintura branca e superficies de aluminio puído.
Instrumentos
Ranger 2 levaba a bordo varios insrumentos:
Un telescopio Lyman-alfa. Un magnetómetro de vapor de rubidio. Analizadores electrostáticos. Detectores de partículas de media e alta enerxía. Dous telescopios de coincidencia tripla. Unha cámara de ionización para raios cósmicos. Detectores de po cósmico.
Perfil da misión Ranger 2 debía ser lanzada a unha órbita de aparcamento arredor da Terra para posteriormente ser lanzada a unha traxectoria de espazo profundo co fin de probar os seus sistemas e técnicas de navegación para as posteriores misións Ranger. A nave chegou á súa órbita de aparcamento, pero o foguete que logo debía enviala a unha órbita superior, unha etapa Agena B, fallou, reentrando na atmosfera terrestre o 20 de novembro de 196.
Notas
Categoría:Programa Ranger