En zooloxía, tagma (termo derivado do grego antigo τάγμα tágma; plural τάγματα tágmata que, á súa vez, deriva do verbo τάσσειν, tássein, "poner en orde"), é como se denomina a cada unha das rexións que se distinguen na parte máis anterior do corpo dalgúns artrópodos, formado por series de metámeros ou segmentos similares entre si e diferenciados do resto.
Denomínase tagmatización ao proceso de diferenciación das rexións do corpo destes artrópodos, que conduce á formación do tagma. O concepto correspóndese co da metamerización heterónoma, e oponse ao de metamerización homónoma, no cal todos os metámeros e todos os apéndices son equivalentes.
A fusión dos metámeros dun tagma pode ser total, de modo que se perde a segmentación externa. Os diferentes tagmas que forman o corpo dos artrópodos varían na súa morfoloxía e no seu número, o que ás veces fai difícil a homologación dos tagmas nos diferentes grupos de artrópodos. Ademais, para cada grupo adoita usarse unha terminoloxía particular para as rexións do corpo, e tagmas co mesmo nome en diversos grupos (por exemplo, o cefalotórax) non son homólogos entre si.
Tagmas dos grandes grupos de artrópodos Trilobites. Corpo dividido en dous tagmas, céfalon e tronco; este, á súa vez, pode dividirse en tórax e pixidio. Merostomados e arácnidos. Corpo dividido en dous tagmas, prosoma e opistosoma; este, á súa vez, pode dividirse en mesosoma e metasoma. O prosoma denomínase ás veces cefalotórax, termo desaconsellado xa que non é homólogo ao cefalotórax dos crustáceos; o mesmo ocorre co opistosoma, que adoita denominarse abdome. Picnogónidos. Corpo dividido en tres tagmas, céfalon, tórax (xuntos forman o prosoma ou tronco) e abdome ou opistosoma (moi reducido).
Crustáceos. Corpo dividido en tres tagmas, céfalon ou cabeza, tórax (pereion para os segmentos libres) e pleon ou abdome. En moitos grupos, céfalon e tórax fusiónanse parcial ou totalmente e recóbrense dunha casca dura, formando o cefalotórax. Miriápodos. Corpo dividido en dous tagmas, céfalon ou cabeza e tronco. Insectos. Corpo dividido en tres tagmas, céfalon (cabeza), tórax e abdome.
Bibliografía Borror, D. J.; DeLong, D. M. e Triplehorn, C. A. (1976): An introduction to the study of insects, 4ª ed. Nova York & Chicago: Holt, Rinehart and Winston. ISBN 0-03-088406-3.
Categoría:Artrópodos Categoría:Anatomía animal Categoría:Termos zoolóxicos