Vampire: The Masquerade – Bloodlines é un videoxogo de rol de acción de 2004 desenvolvido por Troika Games e publicado por Activision para Microsoft Windows. Ambientado no World of Darkness de White Wolf Publishing, o xogo baséase no xogo de rol Vampire: The Masquerade. O xogador encarna o papel protagonista dun humano personaxe que morre e revive como un vampiro, nunha historia que se desenvolve na cidade dos Ánxeles no século XXI tentando descubrir a verdade sobre unha reliquia recentemente atopada que presaxia o fin de tódolos vampiros.
O xogo preséntase dende unha perspectiva en primeira e terceira persoa. O xogador escolle un dos varios clans de vampiros ó comezo do xogo, cada un deles con habilidades e poderes únicos, progresando e aumentando as súas habilidades de combate e diálogo durante o xogo. A selección do clan inflúe tanto nas capacidades e poderes do xogador coma na percepción do mesmo por parte do mundo do xogo, posibilitando distintos camiños de exploración do mesmo e diferentes métodos de interacción ou manipulación dos personaxes non xogador. O xogador pode completar misións secundarias á marxe da historia principal movéndose con liberdade entre os distintos mundos do xogo: Santa Monica, Hollywood, o centro dos Ánxeles e Chinatown, todos eles en California.
O equipo de desenvolvemento de Troika, formado por 32 membros, comezou o traballo en Bloodlines en novembro de 2001, como unha continuación indirecta do videoxogo publicado no ano anterior Vampire: The Masquerade – Redemption. Troika usou o motor de xogo Source de Valve, naquel momento aínda en fase de desenvolvemento e que estaba a usarse no desenvolvemento do xogo propietario de Valve Half-Life 2. A produción do xogo resultou turbulenta, xa que o alcance do deseño excedía os recursos dispoñibles, e o equipo quedou sen un produtor durante case un ano ata que Activision asignou a David Mullich nesta posición, quen atopou deseños e niveis inacabados ou abandonados. Tras uns tres anos de desenvolvemento e cun orzamento esgotado, Activision definiu unha estrita data de entrega, e Bloodlines foi finalmente publicado nun estado incompleto en novembro de 2004.
Publicado en competición con Half-Life 2 e outros títulos, Bloodlines non cumpriu os obxectivos esperados e vendeu menos de 80 000 copias no momento da súa publicación inicial. A crítica acolleu o xogo con opinións divididas, loando o guión e a escala das opcións no xogo pero criticando os seus problemas técnicos. Este foi a última produción de Troika Games, que cesou de existir a comezos de 2005 ó non conseguir contratos para proxectos adicionais. O xogo ten un seguimento de culto, considerado un exemplo de mecánicas de xogo e narrativa pouco replicado, e a crítica máis contemporánea recoñeceuno como unha obra mestra con fallos. Dende a súa publicación orixinal no 2004 Bloodlines continuou recibindo apoio dos seus afeccionados, fornecendo arranxos non oficiais e recuperando contido non usado para o mesmo.
Mecánica de xogo Bloodlines é un videoxogo de rol de acción presentado de forma opcional nunha perspectiva de primeira ou terceira persoa. No comezo do xogo o xogador crea un personaxe vampiro masculino ou feminino, seleccionando un dos clans de vampiros e asignando unha serie de puntos en tres áreas: atributos, habilidades e Disciplinas (poderes de vampiro). Hai sete clans de vampiros dispoñibles para o xogador: Brujah, cun gran poderío físico; Toreador, decadentes e socialmente activos; Malkavian, cun gran coñecemento pero malditos coa loucura; Ventrue, aristócratas; Nosferatu, monstros deformados; Tremere, practicantes da maxia de sangue; e Gangrel, cunha grande afinidade animal.
O xogador progresa as capacidades do seu personaxe gastando puntos adquiridos durante o xogo para incrementar as valoracións nas tres áreas. Os puntos gastados nos atributos e habilidades combínanse para determinar a efectividade ou éxito do xogador en diversas tarefas como por exemplo o uso de armas de fogo, a loita, forzar pechaduras ou usar un ordenador. Os atributos divídense en físicos (forza, destreza e resistencia), sociais (carisma, manipulación e aparencia) e mentais (percepción, intelixencia e enxeño). As habilidades divídense en talentos (como por exemplo pelexa ou esquiva), capacidades (como por exemplo armas de fogo ou armas corpo a corpo) e coñecementos (como por exemplo informática ou investigación). A elección de clan determina o número de puntos que o xogador pode asignar inicialmente en cada unha das tres áreas. Durante o proceso de creación do personaxe cada mellora ten un custo dun punto, que se incrementa a medida que vai progresando o xogo. As habilidades poden mellorarse dende cero ata cinco, resultando imposible conseguir un número suficiente de puntos de experiencia para completar tódalas habilidades, obrigando o xogador a equilibrar ou especializar o seu personaxe. Os puntos de experiencia conséguense completando misións, atopando obxectos ou descubrindo rutas agochadas en lugar de obterse eliminando inimigos. A maiores da historia principal existen varias misións secundarias opcionais que poden completarse en calquera momento do xogo, e o xogador pode trasladarse libremente entre os diferentes mapas do xogo durante o transcurso do mesmo.
A elección de clan tamén afecta as capacidades e poderes que pode empregar o xogador. Os Toreador por exemplo, reciben bonificacións á sedución e persuasión, abrindo a posibilidade de novas opcións de diálogo cos personaxes non xogador, pero son fisicamente débiles. Os Nosferatu deben viaxar agochados polas sombras ou a través do sistema de sumidoiros para evitar alertar os humanos, pero reciben bonificacións á súa intelixencia e coñecementos de informática, permitíndolles acceder a máis información. Por outra banda, os Malkavian teñen opcións de diálogo particulares, que reflicten a súa loucura inherente. A mellora de certas habilidades tamén fornece opcións de diálogo adicionais.
O combate con armas de fogo ten lugar nunha perspectiva de primeira persoa, e os puntos asignados á habilidade correspondente determinan a precisión dos disparos e o tempo que se tarda en apuntar os inimigos. Pola contra o combate corpo a corpo é en terceira persoa, e as armas dispoñibles van dende catanas e mazas, ata pistolas, béstas e lanzachamas. Se o xogador consegue achegarse sixilosamente ata un inimigo pode matalo de forma instantánea, con animacións únicas segundo o tipo de arma empregada. O xogador pode tentar bloquear os ataques recibidos, usar o sixilo durante as misións para evitar gardas e cámaras de seguridade ou usar ordenadores para localizar rutas alternativas.
Cada un dos clans ten acceso a tres Disciplinas específicas, que poden empregarse en combate ou durante o transcurso das misións. Algúns destes poderes son comúns para tódolos clans, e outros están dispoñibles para máis dun clan, pero ningún destes posúe as mesmas tres Disciplinas. Os personaxes máis físicos poden aumentar as súas capacidades para ser máis rápidos, inflixir danos maiores ou invocar aliados en forma de espíritos que ataquen os inimigos. Outros poden dominar outros personaxes mentalmente forzando a súa cooperación ou tornarse invisibles para evitar ser detectados, e outros incluso poden empregar un tipo de maxia para facer ferver o sangue dos seus inimigos dende a distancia. O xogador pode activar estes poderes empregando puntos de sangue, e pode manter varios poderes activos ó mesmo tempo. Os puntos de sangue gástanse con cada uso dos poderes e mellora temporal das habilidades, e o xogador ten que recuperar o sangue gastado tomándoo de ratas, visitando bancos de sangue ou bebéndoo dos humanos tras atacalos ou seducilos, coa posibilidade de alimentarse dos inimigos durante o combate. Alimentarse demasiado dun personaxe inocente pode resultar na morte deste, o que diminúe os puntos de humanidade do personaxe xogador.
O uso de determinadas Disciplinas en fronte de testemuños provoca unha penalización para o xogador. Revelar a súa existencia desta forma provoca unha perda de puntos de mascarada, que poden recuperarse por medio de misións ou outras accións. No caso de violar esta mascarada en cinco ocasións provoca que os cazadores de vampiros ataquen o xogador e é unha das condicións de perda do xogo. O xogador tamén posúe uns puntos de humanidade, que representan a propia humanidade do personaxe vampiro. Algunhas accións provocan unha perda destes puntos, e unha baixa puntuación de humanidade altera as opcións de diálogo facéndoas máis agresivas, ademais de incrementar a posibilidade de que o personaxe entre nun estado de frenesí cando o seu nivel de puntos de sangue é baixo. Ó igual que cos puntos de mascarada, a perda de tódolos puntos de humanidade resulta nunha perda do xogo. Existen tamén algunhas áreas do xogo, denominadas "Elysium", nas que o xogador non pode empregar Disciplinas ou armas.
Sinopse Ambientación Vampire: The Masquerade – Bloodlines ten lugar no século XXI en catro lugares do condado dos Ánxeles: Santa Monica, Hollywood, o centro dos Ánxeles e Chinatown. Ambientado no World of Darkness, o xogo presenta un mundo no que os vampiros, lobishomes, demos e outras criaturas fantásticas conviven cos humanos. Os vampiros están obrigados a seguir un código para manter a súa existencia en segredo que lles prohibe usar as súas habilidades de vampiro diante dos humanos, e a evitar mortes innecesarias para preservar as súas últimas trazas de humanidade. Os vampiros divídense en sete clans do goberno dos vampiros coñecido como a Camarilla, cada un destes clans posuíndo unhas características e habilidades distintivas: Os Toreador son os máis achegados á humanidade, cunha paixón inherente pola cultura; os Ventrue son líderes aristocráticos e poderosos; os Brujah son idealistas que sobresaen nas súas capacidades de combate; os Malkavian están malditos coa loucura pero posúen unha enorme perspicacia; os Gangrel son solitarios, cunha natureza animal; os Tremere teñen moitos secretos e son pouco fiables, facendo uso da maxia do sangue; e os monstruosos Nosferatu están condenados a vivir nas sombras para evitar ser vistos polos humanos. Estes clans están vagamente unidos entre eles pola súa crenza no obxectivo da Camarilla e en oposición ó grupo chamado Sabbat: vampiros que gozan da súa natureza, abrazando a súa besta interior. A terceira facción é a dos Anarquistas, vampiros idealistas que se opoñen á estrutura política da Camarilla, considerando que o poder debería estar compartido entre tódolos vampiros.
O personaxe protagonista de Bloodlines controlado polo xogador é un vampiro novato sen nome, transformado en vampiro ó comezo do xogo. O protagonista recibe unha oferta de emprego por parte de Sebastian LaCroix (ó que da voz Andy Milder), o príncipe dos vampiros de Los Angeles. O protagonista ten que levar a cabo varias misións no mundo dos vampiros poñéndose en contacto con outros personaxes vampiros como por exemplo o negociante de información deformado Bertram Tung, o anarquista Smiling Jack, e as mentalmente inestables irmás Voerman, Jeanette e Therese. Chinatown está baixo control dos Kuei-Jin liderados por Ming-Xiao, vampiros asiáticos que non precisan de sangue humano e que se consideran superiores ó resto dos vampiros.
Argumento A historia do xogo comeza coa conversión en vampiro novato do personaxe xogador protagonista por parte doutro vampiro. Ó ser un acto non autorizado, o xogador e o seu Sire vense obrigados a responder perante os líderes locais da Camarilla. Por orde do príncipe da cidade, LaCroix, o Sire é executado. O protagonista evita este mesmo destino grazas a intervención do anarquista Nines Rodriguez, e recibe unha misión por parte do príncipe.