El Defensor de Granada foi un xornal español de ideoloxía liberal-progresista e editado en Granada entre finais do século XIX e o primeiro terzo do século XX. Desapareceu tras o estalido da Guerra civil española.
Dende 1907 pertenceu á Sociedade Editorial de España.
Historia Fundado en 1880 por Luis Seco de Lucena Escalada, na súa etapa inicial o diario contou co financiamento e o apoio valioso de José Genaro Villanova, rico empresario e político granadino. O seu ámbito de difusión circunscribíase á cidade de Granada. En 1907 uniuse á Sociedade Editorial de España —posteriormente reconstituída como Sociedad Editora Universal—, empresa que xa era propietaria doutros destacados xornais de ámbito nacional como El Imparcial ou El Heraldo de Madrid.
O xornal converteuse no principal voceiro do liberalismo, o laicismo, a modernización do país e a rexenaración política, o que lle proporcionou un amplo público e lle permitiu gañar máis influencia que outros xornais. En 1927 tiña unha tirada de 12.000 exemplares diarios, o que o convertía no xornal máis importante de Granada. No eido xornalístico local, os seus principais competidores daquela eran o Noticiero Granadino, La Publicidad e en menor medida La Gaceta del Sur.
Nos derradeiros doce anos de existencia, foi dirixido polo eminente escritor e xornalista Constantino Ruiz Carnero, que tamén destacou na súa faceta política e chegou a ser alcalde de Granada por un breve período. Tras a proclamación da Segunda República Española, durante a década de 1930 El Defensor de Granada manifestouse claramente como simpatizante polo novo réxime. Nestes anos o seu principal rival xornalístico foi o xornal Ideal, de inspiración católica e conservadora.
Coincidindo co comezo da Guerra Civil Española, o 20 de xullo de 1936 El Defensor de Granada foi clausurado por mandato dos militares golpistas, sendo as súas instalacións asaltadas. A propiedade quedou incautada polas forzas sublevadas. O seu director foi detido días máis tarde, o 27 de xullo, e asasinado un día sen determinar de principios de agosto de 1936. A represión tamén alcanzou a outro dos seus xornalistas, Eufrasio Martín, cuxa esposa foi asasinada en lugar del —por non atoparse en Granada—. A contenda supuxo, en definitiva, a desaparición do diario.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas El Defensor de Granada na Biblioteca Virtual de Andalucía.
Categoría:Xornais de España Categoría:Xornais en lingua castelá Categoría:Granada Categoría:Segunda República Española Categoría:Xornais de España desaparecidos