O Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos (ECTS, polas siglas do inglés European Credit Transfer and Accumulation System) é un sistema utilizado polas universidades europeas para validar materias e, dentro do denominado proceso de Boloña, cuantificar o traballo relativo ao estudante que traballa baixo os graos auspiciados polo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)."Sistema Europeo de Transferencia y Acumulación de Créditos (ECTS). ¿De qué se trata? ". (En castelán) Aínda que podería parecer que os créditos deste tipo se crearon a partir do devandito proceso de converxencia europea, en realidade xa se utilizaron en iniciativas de mobilidade estudantil anteriores como, por exemplo, o programa Erasmus.

Calquera sistema de asignación de créditos debe ter o seu equivalente en créditos ECTS. Os créditos resultantes do proceso de Boloña terán unha equivalencia exacta con respecto ao resto de universidades europeas, polo que unha das principais motivacións é a integración e a interacción dos estudantes nun marco continental.

Cómpre salientar que os créditos ao abeiro da Lei orgánica 11/1983, de reforma universitaria (LRU) só cuantifican o número de horas de traballo do alumnado na aula, mentres que os ECTS fan referencia ao traballo na clase e fóra dela; é dicir, indican canto tempo ten que dedicar o alumno a unha materia para poder aprendela (e aprobala).

Baseándose na idea de que cada curso universitarios debe constar de 60 créditos ECTS, faise unha equivalencia en relación á cantidade de horas anuais que o alumno debe estudar (arredor de 1.500 ou 1.800 horas), do que o resultado é 25 ou 30 horas de traballo relativo ao estudante por cada crédito."¿Es válido tu título fuera de tu país? ". (En castelán)

O uso deste tipo de créditos non só reflicte unha maneira de cuantificar o ensino universitario senón que este, ao se centrar na tarefa do alumno e non na do profesor, require un cambio metodolóxico que consiga pór o alumno no centro do proceso de ensino e aprendizaxe, sendo coherente cos principios construtivistas que pon a énfase en que a educación a realiza, principalmente, o suxeito que aprende e non o profesor.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Crédito académico Suplemento ao título Espazo Europeo de Educación Superior

Ligazóns externas Introduction to the ECTS Users' Guide. European Commission. (En inglés) Sistema Europeo de Créditos para a Educación e a Formación Profesionais (ECVET). (En castelán) Erasmus+. European Comission. (En inglés)

Categoría:Universidades de Europa