Xosé Manuel Fernández Abraldes, nado en Perdecanai (Barro) en 1961, é un político galego do BNG.
Traxectoria Militante nacionalista dende os anos 70, pasou por ERGA na súa etapa estudantil nos institutos Sánchez Cantón e Xunqueira I en Pontevedra. Na mesma época participou da AN-PG e afiliouse á Unión do Povo Galego. Ao longo das seguintes décadas foi Responsábel Comarcal do BNG en Pontevedra, comarca na que tamén foi voceiro da plataforma Nunca Máis. Do mesmo xeito foi durante anos membro do Consello Nacional do BNG, así como do Comité Central e o Secretariado Político da UPG, sendo o Secretario Político da Zona de Pontevedra.
Nas eleccións municipais de 2007, tras participar activamente da vida interna do BNG os anos anteriores, encabezou por primeira vez a candidatura do BNG en Barro, logrando ser a segunda forza política tralo PPdeG. Nas eleccións municipais de 2011 encabezou novamente a candidatura nacionalista e volveu a ser a segunda forza política do concello. Nas eleccións municipais de 2015 foi elixido alcalde ao acadar catro concelleiros, despois de que o PPdeG perdese a maioría absoluta, e acadar un pacto de goberno co PSdeG-PSOE de José Sanmartín Soto. En 2019 foi reelixido ao lograr a maioría absoluta. En 2023 logrou de novo a alcaldía tras impoñerse nos comicios, mais perdeu a maioría absoluta e estableceu un pacto de goberno co PSdeG-PSOE de José Sanmartín.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Barro
Categoría:Alcaldes de Barro Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Barro Categoría:Nados en 1961