José Bouchet Blanco, nado en Xanza, Valga, o 19 de marzo ou 19 de abril de 1848 ou 1852 (segundo as fontes) e finado en Buenos Aires o 6 de marzo ou 16 de marzo ou 6 de abril de 1919, foi un pintor galego.

Traxectoria Fillo dunha galega e un francés que caera prisioneiro na Batalla de Ponte Sampaio (1809), José emigrou cos pais á Arxentina sendo neno e alí foi discípulo do uruguaio Juan Manuel Blanes.

En 1875 nacionalizouse arxentino, para optar a unha bolsa do goberno, que lle permitiu estudar en Florencia, Italia, con Antonio Ciseri. Viaxou a Francia, España, Cuba, México, Porto Rico, Estados Unidos de América e Chile. De volta na Arxentina, foi membro da sociedade de artistas La colmena e do Centro Gallego de Buenos Aires. Moitas das súas obras apareceron publicadas en varias edicións do Almanaque Gallego, dende o ano 1897Almanaque Gallego para 1898 ata 1917.

Entre as súas obras destacan: La llegada de las caravelas a San Salvador, Tropas en el Chaco, La primera misa-fundación de Buenos Aires por D. Juan de Garay, El ejército de los Andes saliendo del Plumerillo, El fusilamiento de Liniers, La batalla de Salta, Un gaucho, Un "connaisseur" e varios retratos, como o do xeneral Belgrano, Juárez Celman, Capdevilla, a señora Lavalle, Campos, Uriquiza e, especialmente, o de Rosalía Castro de Murguía, feito para os actos que se celebraron na súa honra en Buenos Aires en 1897.

Teñen pinturas de Bouchet, entre outras institucións, a Deputación da Coruña, o Museo Histórico Nacional da Arxentina, o Museo Nacional de Bellas Artes da Argentina ou o Museo Municipal de Bellas Artes Juan B. Castagnino de Rosario, e tamén diversas coleccións privadas.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Compilación de bibliografía en Pintoresgallegos.com https://www.artedelaargentina.com.ar/disciplinas/artista/pintura/jose-bouchet https://castagninomacro.org/page/artista/id/774/titulo/Bouchet

Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Nados en Valga Categoría:Nados en 1848 Categoría:Finados en 1919 Categoría:Pintores de Galicia do século XIX Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Nados en 1852 Categoría:Pintores de Galicia coa obra no dominio público